12. Abril 2022 · Comentarios desactivados en Obradoiro de Collage primaveral · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

Queres aproveitar estes tempos de agromar da natureza e de explosión de cores, sons e texturas para aprender outro xeito de expresarte artísticamente? Este obradoiro de collage é unha boa oportunidade!

É unha proposta da vella escola, de colaxe analóxica con elementos vexetais.

Logo de ver exemplos inspiradores e coñecer a técnica da colaxe (ferrramentas, trucos, composición visual…), faremos a nosa própria creación, usando imaxes xa creadas de xornais e revistas vellas e dándolles un novo sentido. Inscríbete e trae ganas de experimentar coa tesoira e crear colectivamete!

Formación impartida por Sabela Iglesias

IMPORTANTE:

Será o próximo venres 29 de abril de 17.30 a 20.30h

Prezo: 12 €

Para anotarse: escríbenos

10. Setembro 2021 · Comentarios desactivados en Comunicado sobre a obra da rúa Concheiros · Categories: A Xuntanza, O Barrio
Un dos modelos que propoñen

Seguindo a norma de transparencia que guía o noso traballo e entendendo que este comunicado pode ser de interese xeral, compartimos con vós a mensaxe que a Xunta Directiva acaba de enviar ás socias e socios da nosa entidade:

Benqueridas socias e socios,

o pasado venres dia 3 de setembro ás 13.56 saiu un correo electrónico do Concello convidando a esta directiva a ter unha reunión este martes pasado ás 10 da mañá co concelleiro responsable e o equipo de técnicos da obra de Concheiros. Os temas a tratar serían algúns relacionados coa obra en Concheiros que non se especifican e decidir sobre o acabado asfaltado desa rúa; adxuntan 2 fotos para que nos fagamos idea da aparencia.

Non imos entrar agora na falta de respecto que supón convidarnos con tan pouca antelación para un encontro que ten lugar durante a nosa xornada laboral, porque isto ven sendo así case desde o principio pero visto que nos resultaba imposible asistir mudaron a cita para o próximo mércores día 15. De cara a ela, queremos comunicarvos o seguinte:

  • Vimos de comunicar ao departamento correspondente a nosa dispoñibilidade para a nova cita (mércores pola mañá)
  • Despois de pensalo e falalo entre nós, a Xunta Directiva decidiu acudir a ese encontro pero que en NINGÚN CASO as persoas asistentes no noso nome avaliarán, discutirán ou negociarán nada que teña que ver co acabado da rúa. Rexeitamos o uso de asfalto (ou formigón bituminoso que é o nome técnico) nesta contorna patrimonial así que entendemos que se non nos consultaron para aceptar este material (de feito, para case nada deste proxecto), non temos porque colaborar nunha toma de decisións que só sirve para branquear o autoritarismo con que se manexa todo este proxecto.

Ou o que é o mesmo, se non aceptaron a nosa opinión non temos porque ir agora a elixir entre Guatemala e Guatepeor.

Pensamos que con esta decisión recollemos o voso sentir arredor desta cuestión e agardamos que sirva para visibilizar os modos errados, antigos e autoritarios con que esta administración goberna a nosa cidade.

Xa para rematar, queremos lembrarvos os motivos polos que rexeitamos o emprego de asfalto nesta rúa:

  • porque o acordo chegado co alcalde sr. Bugallo no verán de 2020 era que o acabado sería en formigón (como nalgunhas zonas de Belvís)
  • e sobre todo porque nunha rúa na que todos os edificios (mesmo os da década de 1990) están sometidos a limitacións en canto acabados exteriores (materiais, cores…) vinculadas ao carácter patrimonial da zona e á súa pertenza ao Camiño de Santiago, entendemos que é un desprezo á veciñanza empregar un material que non respecta esa contorna na súa aparencia.  Entendemos que o concello debe ser exemplarizante e cando menos gardar as formas pois iso é o que pide á veciñanza cando vai a obter permisos para renovar fachadas ou rehabilitar edificios.
  • Non entramos a avaliar as calidades, conveniencia, vantaxes… nós falamos do que acordamos e de dar exemplo. Non pedimos -de feito parecenos pouco necesaria- a lousa de granito pero hai materiais dabondo onde elixir sen ter que insultar a veciñanza.

O respecto ao patrimonio pasa porque a xente entenda e vexa necesarias estas limitacións que lles son impostas e a administración niso debe ser pedagóxica e debe dar exemplo. O óptimo sería que os nosos gobernantes e técnicos entenderan tamén que estas nosas rúas son patrimoniais pero tamén son o escenario da nosa vida, aínda que niso queda moito por facer.
En todo caso, tomando decisións arbitrarias e non consensuadas sobre as nosas rúas e fogares só desprestixiamos as institucións e destruimos os valores do patrimonio herdado.

E nós niso non imos colaborar. Confiamos ter recollido o voso sentir a este respecto e así o transmitiremos.

Finalmente, pregamos a aquelas persoas que teñan acceso aos medios de comunicación dixital que axuden a difundir os avisos sobre cortes de rúa e todo iso vinculado á obra, dado que a información que ofrece o concello e a empresa é manifestamente escasa e tardía. Temos que mirar especialmente por esas persoas que teñen dificultade de manexo nos medios dixitais, xa que son sistemáticamente esquecidas polo Concello. Grazas.

Que teñades unha boa fin de semana

A Xunta DirectivaP.S. Estamos preparando o programa de actividades para o curso; estará nas liñas xerais do ano pasado e debería estar listo na última semana de mes.

21. Maio 2021 · Comentarios desactivados en A obra da rúa Concheiros · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Como podedes aprezar, esta intervención continúa o seu progreso. A última reunión que sobre ela tivemos foi a finais de abril. Como ven sendo habitual, pouco nos aclararon sobre o resultado final, ainda que agora as cousas parecen máis claras. Con todo, dado que continúa sendo unha intervención pensada desde fóra do barrio, as nosas dúbidas sobre ela permanecen; tamén estamos bastante defraudadas porque non haxa medidas que palíen o impacto no tecido comercial da obra, hoxe e no futuro ou respostas claras ás cuestións sobre a mobilidade que unha e outra vez se plantexan.

Non está presente o concelleiro de Mobilidade así que non se pode tratar de organizar doutro xeito os desvíos do tráfico ocasionados por esta obra e pola da Avda. De Lugo; tomaron nota.

Nesta reunión estiveron presentes o concelleiro responsable (Javier Fernández), o arquitecto autor do proxecto (Eduardo Cruz) e dous técnicos que levan a obra pola parte do Concello. Comentamoslles a necesidade de mellorar substancialmente 2 aspectos dos traballos en marcha:

  • a comunicación dos cambios na mobilidade, cortes de auga etc., que ten que mellorarse.
  • A seguridade dos veciños e veciños que por alí pasan pois vemos día si e día tamén riscos cos valados, as máquinas traballando coa xente polo medio, o xeito no que queda todo na fin de semana…

Quedaron en miralo.

Prazos: contan comezar a pavimentar a primeiros de xullo o primeiro tramo (Avda de Lugo-Triacastela), facer en agosto o resto e queren rematar o 31 de setembro, como se anunciou recentemente;

Presentaronnos os novos planos, que son mais concretos que os que viramos até o de agora. Neles vemos que:

  • as beirarrúas repartense cunha maior simetría.
  • Na beirarrúa par será máis ampla para situar nela unha parte importante do aparcamento, os servizos e zonas de convivencia
  • a calzada terá un ancho de 6 metros e manterá o dobre sentido de circulación
  • Polo que parece abrir a rúa deu para moitas sorpresas (ademáis do da liña eléctrica de media tensión) e o chan non é tan filtrante como se pensaba (!!?) así que as beirarrúas irán rematadas nunha especie de canle para facilitar a saída das augas de choiva.
  • As árbores irán en grupos, de 3 en 3 metros, cada 20m, alternando zonas de contedores, árbores e zonas de carga/descarga e aparcamento.
  • As árbores terán unhas dimensións máximas de até 10 metros ao cabo de 20 anos e estarán tratadas para que as raices teñan un crecemento controlado. Seica serán como as colocadas no inicio da rúa Fonte dos Concheiros.
  • O aparcamento será en batería para os coches e en liña para carga e descarga (polo tamaño dos camións!)
  • O alumeado da rúa será en catenarias con báculos de 6 metros e puntos de luz cada 10m. (solicitamos que sexa suficiente pero dentro das normativas que buscan evitar a contaminación lumínica)
  • Plantéxase unha zona de convivencia con pavimento diferente (tipo cruce de Montero Rios) para cortar visualmente a rúa e contribuir a pacificar o tráfico. Irá situada diante do ascensor da rúa Triacastela.
  • A zona diante do supermercado DIA quedará como rúa de saida (como agora). Vaise reformular un pouco a zona, ampliando a beirarrúa.
  • A praza do Cruceiro concibese como espazo de uso peonil; a fonte será trasladada a onde agora está a cabina telefónica, onde haberá un pequeno espazo de descanso.
  • Haberá varias illas de residuos ao longo da zona, unha delas na zona do supermercado DIA

Temos falado xa tanto deste proxecto que escusamos aburrirvos coa nosa opinión sobre el en xeral e sobre algunha destas cousas en particular.

Non sabemos nada (ou case) do proxecto do aparcamento da rúa Triacastela e o acceso por Concheiros; non sabemos nada sobre a futura mobilidade na zona. Tomaron nota sobre as queixas do dispositivo actual da obra, sobre todo no referido ao abuso da Costa do Vedor que está totalmente destruida.

01. Maio 2021 · Comentarios desactivados en A obra na Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Nestes últimos días de abril tivemos dúas reunións sobre as obras que se están levando a cabo no barrio. A da Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri, foi coa Axencia Galega de Infraestruturas, que é quen está facendo a obra; estaban tamén varios concelleiros e técnicos municipais así como os representantes da Asociación Veciñal do barrio das Fontiñas.

Presentaronse as grandes liñas do que será a zona unha vez rematada a obra. Era o que levabamos anos pedindo e o que reclamamos ao Concello e á Valedora do Pobo; entendemos que nun proxecto poden quedar detalles sen pechar cando se aproba pero a indefinición deste era total e, de feito, cada reunión supón coñecer novedades (moitas xa irreversibles) que non responden á necesidade da obra senón á concreción necesaria para que avancen os traballos.

Esta foi a primeira reunión que tivemos con eles desde febreiro de 2020, se isto ten que ver ou non co requirimento da Valedora para que se dispoñibilizara a información sobre o resultado final da obra, saberanno eles.

En xeral, como xa comentamos noutras ocasións, o proxecto non está pensado para o barrio nin tendo moi en conta ás súas necesidades e isto non mudou. Continúa sen haber reflexión sobre a realidade desde a óptica de quen vive en San Pedro, asi que nisto non hai novidades; tampouco as hai no feito de que a énfase está posta na mellora da mobilidade dos peregrinos/as que veñen da Fonte dos Concheiros e dos coches que fan o traxecto Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri. Estes pasan a ser os tráficos máis importantes e o resto da mobilidade queda condicionada a eles.

Imos por partes:

a) Calendario:

Estarán rematadas o día 31 de xullo

b) Instalacións:

  • Substituíuse boa parte das conducións xerais de saneamento e de recollida de pluviais que pasan pola zona e instalaronse tanques para a recollida desas augas pluviais e decantala para que se integre no sistema da cidade en mellores condicions (son eses tanques que meteron no enorme burato do parque). A red vella foise facendo a cachos, a medida que se facían obras así que era un puro remendo, agora queda todo novo.
  • Tiveron problemas coa información previa que se lles ofreceu sobre a localización e características das instalacións (augas, electricidade). Este é unha das causas dos retrasos.
  • Non se fixo, como insistentemente pedimos, unha renovación das acometidas dos edificios (auga, gas, saneamento, fibra óptica) a esa nova rede.

c) Acabados:

  • A carballeira (que eles chaman praza) é o corazón do proxecto e será un espazo preferente para o cruzamento de peóns entre un e outro lado da Avda de Lugo.
  • As beirarrúas actuais serán retiradas e substituídas por un pavimento como o que está no lado dos Xulgados-Conservatorio (tipo asfalto) que será pulido e quedará mellor.
  • O alumeado na zona central irá colgado, nunha catenaria. Non temos claro que vaian a susbtituir as luminarias actuais da Avda de Lugo, así que tampouco queda claro que se vaia a suprimir esa escuridade nocturna que provocan as árbores.
  • Pedimos unha especial atención para que tanto as zonas encostadas do cruce Concheiros-Avda de Lugo, como o cruce da Cruz Vermella sexan plenamente accesibles mediante a instalación de pasamáns para axuda das persoas con dificultades e pasos de peóns que non esvaren de verdade.
  • As árbores sobrevivirán sen problema, aínda que haxa cables e tubaxes polo medio, xa que as raices van por debaixo  e polo visto non medrarán moito máis do que hoxe son (!). Iso si, haberá que facer podas etc. En todo caso, van neses cadrados de formigón enormes para darlles espazo de acomodo e encauzar o tráfico.
  • Todo o pavimento (calzada, zona de peóns) irá ao mesmo nivel.

d) Mobilidade

  • A disposición da obra -que será moi dificil mudar- prima a mobilidade en dous eixos:
    • Avda. de Lugo-Rodríguez de Viguri, para os coches
    • Fonte dos Concheiros-Concheiros, para os peóns
  • Búscase unha pacificación do tráfico dos coches para que toda a zona resulte menos hostil, por iso a velocidade será menor e isto vai conseguirse co estreitamento dos carrís e a instalación de semáforos (varios) entre a rotonda de arriba e a de abaixo.
  • O cruzamento onde antes estaba a rotonda de Concheiros será con semáforos e funcionará en dos tempos. Nun pasarán os coches, noutro os peóns -que poderán cruzar por onde queiran-.
  • A rúa dos Concheiros conservará os dous carrís (entrada e saída) aínda que a saída será só cara abaixo. Nisto nós vemos un problema importante xa que o barrio queda acorralado entre rotondas, o que permitirá que continúe o uso abusivo de rúas como Costa do Vedor; tamén seguimos sen saber o impacto que este cambio pode ter no comercio e os clientes que veñen de San Lázaro, San Marcos, etc; ou no transporte público (agora din que non haberá cambios pero no futuro…).
  • A rúa Berlín queda cortada e sen acceso á nova avenida; terá a súa saída pola rúa Viena (a dos xulgados).

E isto é todo o que contaron. Quedaron moitas preguntas e dúbidas sen resolver:

  • Onde está a reversibilidade do tráfico de coches que acordamos hai 2 anos? o trazado da obra condiciona, sen posibilidade de cambios toda esa mobilidade.
  • Que pasa con todas as prazas de aparcamento que se perden? Son unha morea delas en Rodríguez de Viguri e non temos garantía ningunha de que o parking novo da Altiboia teña permanencia no tempo xa que a día de hoxe é un uso provisional.
  • É evidente que a rotonda da rúa Londres (a de abaixo) ten pouco espazo de manobra e os autobuses grandes (escolares, por exemplo) entran e saen con dificultade.
  • Seguimos sen entender como se pode estrangular a nosa mobilidade sen facer nin un estudo mínimo. Agora quedaremos condicionados ao uso da rotonda de arriba para entrar e, sobre todo, a de abaixo e á rúa Londres para saír. Nós quedaremos enganchados no colapso da rúa Londres ou na rotonda de arriba cando saian os da Xunta de traballar, pero o tráfico parásito que usa o barrio para ir aos colexios de Virxe da Cerca ou subir á Almáciga seguirá alí, agora facilitado pola rotonda de abaixo (é mais doado o acceso á Ameixaga ou Costa do Vedor).

En fin, seguimos con todas as dudas do mundo a respecto deste proxecto. Sen dúbida será bonito e mais ordenado pero non parece axeitado ás nosas necesidades. É evidente que seguirán adiante -xa o están facendo- sen atender moito ao que opinemos e teñen nisto a complicidade do Concello.

O tempo dirá que pasa; ogallá esteamos equivocadas. Entre tanto, paciencia, que xa están case rematadas.

Da Axencia enviaronnos 3 planos, que compartimos con vós: plano 1, plano 2, plano 3.

 

 

 

 

10. Novembro 2020 · Comentarios desactivados en Sobre a obra na rúa dos Concheiros · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Á vista do inminente comezo das obras da Rúa dos Concheiros, queremos compartir convosco o feito até o de agora, o que propoñemos para o futuro e unha serie de reflexións arredor de toda a intervención.

Dí o alcalde que esa obra é como unha operación a corazón aberto e sen anestesia. Ten razón. Pero nós vemos tamén que o equipo médico non ten claro cal é o problema e van abrir para ver que hai, e vemos tamén que a asepsia se reduce a uns litros de hidroxel. Así, será unha intervención de alto risco e de resultado tan incerto que, desde a nosa perspectiva, as posibilidades de acertar son reducidas.

Que a rúa precisa un arranxo é algo innegable; que ten que ser en profundidade, tamén; que se pode aproveitar para ordenar o tráfico e o aparcamento é evidente; e que reparar a zona do Cruceiro e a entrada das Fraguas (zona do DIA) sería o óptimo. Nisto sabemos que hai consenso entre o barrio e as administracións.

Por isto levamos 6 anos traballando e vendo proxectos.

O Marco Xeral

Antes de avaliar esta intervención, pensamos que hai que ter en conta algunhas cousas que aquí ou ben se esqueceron ou ben se pasaron por alto.

  • No barrio de San Pedro viven arredor de 9.000 persoas, é dicir mais que en moitas capitais municipais de Galicia. Temos dinámicas económicas e sociais máis próximas ás de unha vila que ás de moitos barrios-dormitorio.
  • Somos unha parte do Camiño pero non é a peregrinación o que nos define, como pode suceder noutras zonas, senón o feito de ser un barrio extramuros da cidade cunha historia e vivencias de seu.
  • O eixo San Pedro-Concheiros é a terceira zona comercial aberta da cidade. É comercio de proximidade pero a sua presenza e peso económico e social é innegable, así como o servizo que da a unhas 15.000 persoas cada dia.
  • Nunha xeografía de rúas estreitas e quebradas, a Rúa dos Concheiros é a única que ofrece posibilidades para servir de ferramenta de ordenación da mobilidade no resto da zona, tanto para entrar e sair as persoas e mercadorías, como o transporte público.
  • No Barrio de San Pedro hai unha relación de 3-4 coches de residentes por cada praza de estacionamento en superficie, non se conta o tráfico comercial nin os vehículos das persoas non censadas;  non hai aparcamento público ou privado, en propiedade ou alugueiro, aberto ou pechado que responda á necesidade existente. A veciñanza vive maiormente a pé pero ten que guardar o coche nalgún sitio e ese lugar non existe hoxe máis que na rúa pero é escasísimo.
  • Temos unha importante presenza de persoas  maiores que precisan coidados e apoio pero tamén unha mobilidade doada e segura, e nenos e nenas que queren ir ao cole a pé sen medo aos coches. Todos e todas queremos unha mobilidade branda e segura. Facemos a vida a pé e queremos tranquilidade.
  • Para todos e todas, Concheiros é o final do barrio non o principio.

Estas son cousas que, pensamos, deben terse en conta á hora de deseñar unha obra nesta zona.

A Historia deste proxecto

O proxecto que agora se pon en marcha foi presentado en 2019 e formaba parte dunha acción máis ampla deseñada pola Xunta de Galicia para “embelecer” as entradas do Camiño na cidade. Naquel acto, presentouse un proxecto pechado e quedou clara na reunión aberta á veciñanza o rexeitamento xeral á proposta, tanto a obra de Concheiros como a da Avda.de Lugo/Rodríguez de Viguri; a pega principal era que o plan non se axustaba nada á realidade do barrio e non respondía a ningunha das nosas necesidades. Os puntos máis críticos eran a “alfombra de peregrinos”, que separaba as dúas beirarrúas de Concheiros entre elas e reservaba unha (co dobre de ancho) para orientar aos camiñantes, e a configuración da mobilidade, pois ao trasladar o cruce actual ás novas rotondas quedabamos un tanto acurralados e o tráfico íase descontrolar por rúas que igual non eran as acaidas (por certo, nisto tiñamos razón e a Costa do Vedor soporta xa agora un tráfico de vehículos que de ningún xeito é admisible).

Así as cousas nós plantamonos e rexeitamos o proxecto e calquera intervención que non entendese como prioritarias as necesidades do barrio. Comezamos as conversas co equipo do Sr. Noriega, alcalde naquel momento.

Tanto el como o Sr. Bugallo e mesmo o BNG deixaron clara na campaña electoral que os dous proxectos non eran apropiados para o barrio e había moito que revisar neles.

Coa chegada do Sr. Bugallo ao goberno municipal e entendendo que era un investimento importante e unha boa oportunidade para arranxar a zona, falamos e volvimos a falar con políticos e técnicos. O noso ánimo, como é tradición, foi construtivo e dialogante e mesmo renunciamos a algunhas cousas para que a obra saise adiante. Pero hai outras que son irrenunciables, aínda que algunhas teñen que ver co proxecto de obra pero outras non.

A día de hoxe

Neste panorama, despois de moitas horas de observación da rúa e de reflexión por parte da Xunta Directiva e de conversas con uns e con outros, chegamos ao día de hoxe. A situación é:

  • Mantense no proxecto o enfoque inicial (Concheiros é a entrada do Camiño) e non a visión que nós propoñemos (Concheiros é unha parte do eixo comercial do Barrio de San Pedro, o terceiro da cidade ao aire libre). Continua existindo unha beirarrúa VIP (ancha, árbores, mobiliario urbano) e outra mais ancha que agora pero pegada aos coches (que é a que ten o comercio).

Segundo nós o vemos, o desequilibrio entre beirarrúas (agora moderado pero existente aínda) e a pantalla de árbores no lado ancho, dividen a rúa en 2 metades independentes; pensamos que non é o mais acaído para unha rúa comercial que ten que ser, como é agora, permeable. Onde debes poder ver e pasar dunha beirarrúa á outra.

Preguntamonos se farían esta división en Alfredo Brañas ou en Dr. Teijeiro. Se foi valorado o impacto desta ruptura no comercio. Se hai medidas para evitar que esa nova beirarrúa anchísima desapareza polas terrazas de bares. Se Hai pensadas medidas para evitar que os negocios que alí hai non pasen a ser bares.
De todo isto non temos outra resposta que sexa xa se verá.

  •  Proponse unha mobilidade tranquila que pensamos que funcionará ben no proxecto pero non tan ben na realidade. Velocidade limitada a 30km/h, reducción do aparcamento, limitación da carga e descarga, reordenación dos fluxos de coches para a zona do DIA, peonalización da praciña da Cruz. Pero o que nos vemos é:
    • Simplemente con sinais non se reduce a velocidade dos coches; coas beirarrúas ao mesmo nivel cos coches non está claro que estes non invadan a zona de paseo ou que non haxa certa sensación de medo (falouse de bolardos pero nada concreto e sen compromiso).
    • Desaparecen 80 prazas de aparcamento na rúa, sen que o aparcamento de Triacastela (que terá 6 máis que agora) e o da Altiboia (demasiado lonxe para unha parte da veciñanza) compensen esa perda. É imposible vivir nesta cidade sen coche e, necesitamos aparcamento non para movelos senón para poder deixalos quietos. Así as cousas -sen falar da desaparición de parte do estacionamento en Rodríguez de Viguri, o que xa se perdeu en Quiroga Palacios ou na Rúa do Home Santo, ou mesmo dos vados e aparcamentos irregulares que hai-, este é un asunto dramático e urxente. Non se ofrece unha resposta mínimamente aceptable.
    • A proposta de fluxo de coches que nos fan para a zona do Supermercado DIA/Pza do Cruceiro é que os coches entrarían por Concheiros e sairían polas Fraguas. Isto quere dicir que as 9 da mañá (hora punta de coles e de reparto comercial) teremos aos camións (por exemplo, o dos iogures) pasando pola porta do colexio, nunha rúa xa colapsada.
    • De como circularán as bicis, non temos (nin teñen) unha idea clara.
    • Conseguimos convencelos de manter os dous sentidos en Concheiros pero non, por exemplo, de facer algo para eliminar tráficos parásitos como o provocado polo Colexio Lasalle ou os que suben pola rúa de Betanzos a primeira hora da mañá para aforrar a volta pola Xunta e todos os seus semáforos.
    • É dicir, non hai un estudo das nosas necesidades de mobilidade, do que resulta que é unha obra que imporá direccións, fluxos e usos que agravan unha situación que xa é dificil.
  • Seguimos sen saber como vai a quedar a obra que está acometendo a Xunta na Avda de Lugo/Rodríguez de Viguri. Cales van a ser as condicións da nosa mobilidade, como imos entrar e sair do barrio, que plans hai sobre o transporte público con esta nova configuración. Non falemos xa de ter un estudo ou unha idea rudimentaria de como poden afectarnos á hora de atender a persoas maiores ou menores, carrexar equipaxes…. esas intervencións que requiren parar diante da casa, descargar e marchar a aparcar cando vemos o acceso único do parquin da Altiboia e a dirección única da rua das Fontiñas; calquera desas operacións desde a rúa do Medio ou as Fraguas é case unha viaxe trasatlántica no modo de tráfico que se pode albiscar.
  • Fálase de comezar a obra xa e se nos presentou un plan de “tráfico” (sempre só os coches) para o tempo que dure. Pasa novamente por ateigar de coches a Costa do Vedor e por usar Fraguas; novamente sen control do tráfico parásito e sen avaliación doutras alternativas ou o seu impacto no comercio e no día a día. Mesmo se está avaliando o peche integral dos vehículos despois de xaneiro (“segun se vea como va la cosa”).
    • O plan non se axusta á nosa realidade e aínda que prevé o acceso aos garaxes durante a obra, non está claro en que condicións se vai facer; non hai noticia sobre o autobús (só que o C11 seguirá funcionando con normalidade) pero do resto só podemos confiar na penosa (o nula) sinalización dos desvíos e cambios. Non tiñan noticia da existencia de arredor de 300 prazas de estacionamento nos aparcamentos interiores da rúa, pertencentes a xente que vive e traballa aquí.
    • É un plan feito polo Departamento de Tráfico, independente da obra e da sua marcha. Dubidamos que sexan capaces facer as modificacións que os traballos podan provocar.

O que nós pensamos

  • Que malia ao esforzo desenvolvido, este pode ser un proxecto bonito pero é non axustado ás nosas necesidades de barrio, que son as dunha rúa como espazo de convivencia e comercio. Non queremos unha entrada do Camiño, queremos unha rúa para a veciñanza.
  • Que se debería ter avaliado antes de todo: a conveniencia dun aparcamento soterrado na Avda de Lugo, as medidas a tomar para protexer o comercio, unha forma de embelecer a rúa que non pase por tapar con árboles os edificios que consideran feos (e que eles autorizaron), o caracter comunitario e comercial de Concheiros, a mobilidade xeral  da zona, o posicionamento da veciñanza sobre a turistización e o Camiño…
  • Que hai demasiadas inconcrecións (bolardos, materiais, anchos, aparcamento, …) e que iso é inadmisible nun proxecto tan importante.
  • Que non se acompaña dunha proposta de mobilidade futura que sexa aceptable, e non só polas inconcrecións durante a obra, senón tamén por incluír propostas como camións circulando por Fraguas, desaparición case total do aparcamento, incógnitas sobre a conexión coa Avda de Lugo… de feito, non hai unha proposta en firme de como vai ser o tráfico de coches e bicicletas.
  • Que non hai nin proposta nin compromiso sobre medidas de protección do comercio actual.
  • Que non se establecen mecanismos claros de comunicación nin coa veciñanza nin coa Asociación, nin se dan garantías de que se adaptarán os traballos, o tráfico etc. ás nosas necesidades.
  • Que non nos parece democrático o modo en que este proxecto se xestionou no seu momento e isto non se corrixiu. Unha obra desta magnitude debería presentarse en público á veciñanza antes de comezar (e valen mesmo medios telemáticos cun sistema de recollida de achegas e obxeccións) pois xa foi rexeitada 2 veces.

Así as cousas,

Queremos comunicar públicamente a nosa desvinculación do proxecto.

Nunca foi do noso gusto pero traballamos moito por adaptalo e que fose aceptable pero vemos que pensamos desde ópticas diferentes; nós falamos do barrio e outros do Camiño e nisto nunca imos a encontrarnos.

Tampouco concordamos coa idea de ir facendo. Esta obra terá un impacto enorme na nosa vida, no noso comercio e na nosa mobilidade e queremos saber como vai quedar e queremos que esas solucións sexan pensadas e non ocurrencias. Queremos que se nos trate como a persoas adultas e non con paternalismo pois nós si sabemos o que queremos.

Neste momento, entendemos que o impacto da obra no noso barrio vai ser negativo. Quedará bonito pero acrecentará a presión sobre os alugueiros de locais e pisos e intensificará os procesos de turistización.

O plan de obra que se propón é novamente inconcreto, crea riscos innecesarios á porta do Colexio Vilas e no Apóstolo; non da solución ás preguntas sobre estacionamentos e sobre a nosa mobilidade (teríamos que entrar ao barrio polas Trompas, nun momento dado).

E seguimos sen saber que pasa coa Avda. de Lugo/Rodríguez de Viguri. Non sabemos que están facendo nin cal é o plan futuro.

A obra é imprescindible e quedará bonita. Ogallá funcione ben pero o certo é que a día de hoxe non temos nin garantía nin esperanza. Non imos impoñer o noso criterio, que fagan o que vexan oportuno pero con nós que non conten.

Seguiremos dialogando e intentaremos representar e dar voz ás dificultades da veciñanza coa obra e no futuro, faremos un seguimento da obra e recolleremos as vosas inquedanzas pero non é o noso proxecto.

Así que para as dúbidas do día a día, asuntos concretos e amosar o voso enfado ou acordo co proxecto xeral e a marcha das obras en particular, teredes que dirixirvos á caseta informativa que montarán (pola nosa insistencia) e ao concelleiro responsable de obras (tendes o seu mail na web do Concello).

 

23. Setembro 2020 · Comentarios desactivados en Actividades para o curso 20-21 · Categories: A Xuntanza, Actividades

Actualización a 4 de outubro: os grupos están cheos máis alá das súas posibilidades. Se aínda así, tes interese por participar nas nosas actividades podemos inscribirte nunha lista de agarda. Mandanos un email a info@axuntanza.org cos teus datos, actividade e numero de telefono

Amigas e amigos,

Como comunicamos en días pasados, entendemos que é a nosa obriga contribuir na medida do posible a que estes tempos complicados sexan o mais levadeiros posibles. Por iso, pensando na necesidade que todas temos de certa normalidade, de espazos seguros de lecer e socialización, de momentos nos que deixar sair nervios e medos decidimos seguir adiante coa idea de organizar actividades durante o curso que comeza.

Serán menos que noutras ocasións e todas terán que facerse seguindo os protocolos COVID. Si, queremos que os grupos e as aulas sexan espazos tranquilos e seguros así que se respectarán a etiqueta social destes tempos (distancia, mans e máscara); por suposto, os grupos serán reducidos e non se poderá compartir material (esterillas, por exemplo). De feito, o grupo de baile galego será trasladado a outro lugar, se o Concello de Santiago ten concedernos o uso dalgún dos lugares solicitados.

Todo este dispositivo será posible polo compromiso das monitoras e monitores, que se encargarán de manter o protocolo; e co esforzo económico da Asociación e persoas usuarias pois será necesario desinfectar o local todos os días e aínda non está claro que o Concello vaia a axudarnos nisto. Pedimos, polo tanto, o mesmo compromiso ás persoas usuarias e o respecto ás pautas de seguridade. Como en todo este suceso que vivimos, a clave é a responsabilidade individual.

Confiando que seremos quen entre uns e outras de tecer unha certa normalidade segura, o curso comezará en outubro, na primeira quincena, en data que se dará a coñecer cando consigamos pechar todos os detalles.

 

Este proceso de prematrícula pechará o día 27, domingo. As clases comezarán a semana do 5 ou na do 12 de outubro.

O programa é:

  • Baile Galego: Martes 19:30 a 20:30 h (Iniciación); 20:30 a 21:30 h. (Nivel I); 21:30 a 22:30 h. (Nivel Il).
    • Prezo a repartir entre cada grupo (12-15 €). Monitora: Felisa Segade. A actividade terá lugar noutro local, a definir
  • Baile en liña: Venres de 19:00 a 20:00 h.
    • Prezo: 15 €/mes. Monitora: Miriam Martínez
  • Pandeireta e canto: Mércores 19:30 a 20:30 h (Iniciación); 20:30 a 21:50 h (Intermedio).
    • Prezo: 28 €/mes. Monitora: Jara Ortiz
  • Guitarra: Luns 15:00 h a 20:30 h.
    • Prezo a repartir entre cada grupo. Monitor: Xavier Mugardos
  • Teatro: Luns 20:00 a 23:00 h.
    • Prezo: 18 €/mes. Monitor: Xurxo Barcala
  • Pilates: Martes e Xoves 10:30h; Martes e Xoves 17:00h e 18:30h.
    • Prezo: 26€/mes. Monitora: Maite Pereira
  • Ioga: Martes e Xoves 20.00h a 21.30h.
    • Prezo: 39€/mes. Monitora: Maite Pereira
  • Obradoiro de Iniciación á Marcha Nórdica: 2 horas un sábado pola mañá a decidir polo grupo.
    • Monitor: Ricardo Angueira. Prezo 25 €
  • Camiñamos/Corremos Xuntas: Actividade autoxestionada para faceer deporte desde o barrio.

INSCRICIÓN:
Socios e socias: Gratuíta
Persoas non asociadas: 10€
Tod@s usuari@s: 2€/mes para gastos derivados do local

Vistas as dificultades para levar a cabo actividades deportivas en espazos pechados propoñemosvos a conformación de 2 grupos en Facebook que sirvan para animarnos a sair a camiñar e correr, entendendo que en grupo (sempre coa distancia e máscara) é máis doado e seguro sair. As persoas interesadas cubrirán o formulario, para nós poder ter unha orientación e poñer en marcha a actividade.

Na medida do posible é a nosa intención desenvolver outras actividades que terán carácter puntual (unha tarde/unha mañá) que serán anunciadas no seu momento. A idea é ofrecer eses espazos seguros de lecer e convivencia e ao tempo ir aproveitando os recursos de proximidade e as posibilidades que a pandemia e a meteoroloxía ofrezan en cada momento. Se tendes ideas ou propostas, facedenolas chegar.

 

 

24. Xullo 2020 · Comentarios desactivados en Máscara obrigatoria, por favor · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Como ben sabedes, desde que rematou o Estado de Alarma é obrigatorio o uso de máscara en Galicia. Desde o luns, esta obriga reforzous e debe aplicarse a case todos os ámbitos da nosa vida.

É un deber cívico respectar a norma pero é unha obriga veciñal usala pois é a mellor maneira de protexer un pouco a aquelas persoas que son vulnerables á doenza. Poñedea na rúa, nos espazos pechados e mesmo -cando sexa posible- ao facer deporte; pouca precaución é pouca.

Á vista diso é rechamante a presenza nas nosas rúas de persoas que non a levan; na súa maioría son visitantes asi que temos que entender que non coñecen a obriga pois as outras opcións nos parecen impresentables, francamente. Para dar a coñecer este deber e lembrarnos a nós mesmas a necesidade do seu cumprimento fixemos uns carteis que foron instalados nas zonas de maior afluencia de peregrinos e visitantes.

Queremos compartir os arquivos por se alguén quere facer copias e instalalas nos seus negocios.

Bo verán!

 

03. Maio 2020 · Comentarios desactivados en Unha oportunidade para un novo tempo · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Vai xa máis dun mes que a epidemia interrompeu as nosas vidas e que, nun exercicio de responsabilidade persoal e comunitaria, todos e todas nos recollimos nas casas ou cumprimos co noso deber profesional. Buscabamos protexer a saúde das persoas máis vulnerables, das nosas persoas maiores, das que teñen doenzas crónicas e das que traballaron para manter a nosa saúde, sustento e seguridade.

Foi un esforzo enorme que deixará pegada non só nos nosos hábitos persoais e sociais senón tamén nas nosas vidas e en moitos sectores económicos. O comercio, a cultura, os servizos e mesmo o turismo son o sustento de moitas das nosas veciñas e veciños así que vivimos nestes días moito desasosego pois a vida continúa pero con moita incertidume. Neste sentido, esta crise está afectándonos a todas pero especialmente ás persoas máis vulnerables do noso barrio e as que as medidas peche e confinamento deixaron sen ingresos e ás que xa tiñan unha situación precaria pero tamén a persoas despedidas, as desempregadas ou as que non tiñan contrato e traballaban na economía sumerxida.

Hoxe albiscamos o final deste tempo arredados das rúas; foron días dedicados a traballar desde a casa, a coidarnos e reagruparnos, a xestionar emocións difíciles pero tamén de practicar un espírito de comunidade e resiliencia que nin sabíamos que tiñamos en nos, como persoas e como barrio.

E así, en positivo sairemos desta.

Queremos compartir con vós as nosas esperanzas para este tempo que comeza no que haberá moito que facer pero que serán ilusionantes porque todo mudou, tamén o noso corazón e a nosa perspectiva do mundo. E o facemos públicamente porque nos gustaría que os cargos públicos que eliximos as coñezan porque se a súa obriga é gobernarnos a nosa é expresarnos, propoñer e, cando é posible, convencer.

Gustaríanos contribuír a facer do noso barrio e cidade unha comunidade preocupada polas persoas, onde as persoas vulnerables teñan os apoios que precisan, onde todos e todas teñamos unha vivenda digna (e non alugueiros desbocados ditados pola especulación), onde unha renda garantida reparta a riqueza e onde os recursos colectivos estean ao servizo da cidadanía (patrimonio, rúas ou orzamentos públicos). No podemos volver a pagar as mesmas de sempre, non queremos -nin moralmente debemos- deixar a ninguén atrás.

Gustaríanos que se repensara o monocultivo turístico ese que deixa ao noso barrio como espazo para peregrinos e xentes que veñen a Compostela como poderían ir a outro sitio, que nos expulsa das nosas casas e das nosas rúas; todo a cambio de taxas mínimas e xornais de miseria.

Queremos unha cidade rodeada por un agro sostible que nos abasteza dos nosos alimentos de sempre, sans, ricos e saudables, con comercios de proximidade que dan vida as nosas rúas e apoio e servizo aos nosas persoas maiores ou cunha política atenta a desenvolver o gran tesouro económico da nosa cidade, a Cultura que non só entretén e cultiva senón que é xa un sector moi relevante na economía e vida de Compostela. Queremos unha atención sanitaria ben dotada e uns servizos sociais e de base que non sexan caridade senón un dereito e un instrumento para a igualdade e equidade.

Pensamos que é o momento de mudar as cousas. De que a cidade e o seu goberno, a reflexión e a vida de cada día, sexa máis incluínte e participativa. O concello ten que abrirse á veciñanza (organizada ou non) ás súas necesidades e propostas para o futuro; só así esta dificultade volverase unha oportunidade para recuperarnos e construír futuro para Compostela.

Pero nós, amigos e amigas, tamén temos que implicarnos e comprometernos coa cidade, coas nosas veciñas e veciños, os seus comercios, as súas dificultades á hora de pagar facturas ou traballar, ao conciliar o traballo e os coidados, ao mirar polas persoas vulnerables ou, como corresponde ao tempo, truncar a cadea de contaxios do virus.

O mañá depende de todos e todas asi que está na nosa man facer desta dificultade un reto exitoso para nós, o noso barrio e a nosa cidade.

Este é o desafío que vos lanzamos, como veciños e veciñas de San Pedro, pero tamén ao resto da cidade e mesmo ao noso goberno municipal.

16. Outubro 2019 · Comentarios desactivados en O 26 DE OUTUBRO, MERCADO DO CARACOL · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Trae a túa casa ás costas ao Mercado do Caracol

Pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estatica-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

 … e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais. É o día perfecto para facer compras nos negocios desta rúa ou para tomar un bó almorzo

 A cita é o sábado 26 de outubro na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

 Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións. O mail para anotarse é axuntanza01@gmail.com

Estade atentas ao noso perfil de Facebook o día previo, por se houbese cambios debidos á previsión do tempo.

20. Setembro 2019 · Comentarios desactivados en Actividades para o curso 2019-2020 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Uncategorized

Benqueridas amigas e amigos

Un ano máis tendes aquí a nosa oferta de actividades para o curso que comeza.

Como veredes, os cursos e obradoiros son os de sempre aínda que algún ten novo horario.

Como os últimos anos haberá un periódo de matrícula, que será a semana que ven (do 23 ao 27 de setembro) de 19 a 21h no noso local.

A inscrición será gratuita para socios e socias ao día do pago da cuota; quen non a  teña pagada pode facelo alí. Para persoas non socias, a inscrición será de 10 euros.

Aínda que o local ven de incorporarse á Rede de Centros Socioculturais e o Concello asume boa parte dos gastos, quedan aínda algunhas cousas que teremos que afrontar como asociación, asi que manteremos a achega de 2€ por persoa e actividade para este fin.

 Comezamos as actividades o día 1 de outubro

E aqui tendes a nosa oferta:

1.- BAILE GALEGO: Martes de 19:30 a 20:30 horas* (Iniciación) / de 20:30 a 21:30 horas* / de 21:30 a 22:30 horas*

Monitora: Felisa Segade *Prezo a repartir entre cada grupo (arrededor de 12 €)

2.- CORTE E CONFECCIÓN / Arranxos de roupa: Xoves de 18:00 a 20:00 horas – 30 €/mes.

Monitora: Susa Garcia

3.- PANDEIRETA E CANTO: Venres de 18:00 a 19.00h (Iniciación), de 19:00 a 20:00 horas (Nivel I), de 20:00 a 21:00 horas (Nível II) – 28 €/mes.

Monitora: Jara Ortiz

4.- GAITA: Xoves de 20:30 a 22:15 horas – 18 €/mes.

Monitor: Marcos Varela

5.- IOGA: Luns de 19:00 a 20:30 horas – 19 €/mes.

Luns e Mércores de 10:00 a 11.30h- 105 €/trimestre

Monitora: Maite Pereira

6.- PILATES: Luns e Mércores de 18:00 a 19:00 horas – 24 €/mes.

Monitora: Maite Pereira

7.- GUITARRA: Luns de 15:30 horas a 20:30 horas *Prezo a repartir entre cada grupo.

Monitor: Xavier Mugardos

8.- TEATRO: Luns de 21:00 a 22.30 horas – 18 €/mes.

Monitor: Xurxo Barcala

9.- SWING: Martes de 18:30 a 19:30 horas – 30 €/mes.

Monitora: Isabel Pastor

10.- BAILE EN LIÑA: Venres de 18:00 a 19:00 horas – 10 €/mes.

Monitora: Miriam Martínez

11.- MEDITACION TRANSCENDENTAL: Xoves de 19:00 a 20:30 horas

Monitora: Zinnia Maravell (COMEZA O DÍA 24)

12.- XIMNASIA PARA MAIORES: Luns de 10:00 a 11:00 horas

Mércores de 11.30 a 12.30 horas 20 €/mes

Monitor: Antonio