Nestes últimos días de abril tivemos dúas reunións sobre as obras que se están levando a cabo no barrio. A da Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri, foi coa Axencia Galega de Infraestruturas, que é quen está facendo a obra; estaban tamén varios concelleiros e técnicos municipais así como os representantes da Asociación Veciñal do barrio das Fontiñas.
Presentaronse as grandes liñas do que será a zona unha vez rematada a obra. Era o que levabamos anos pedindo e o que reclamamos ao Concello e á Valedora do Pobo; entendemos que nun proxecto poden quedar detalles sen pechar cando se aproba pero a indefinición deste era total e, de feito, cada reunión supón coñecer novedades (moitas xa irreversibles) que non responden á necesidade da obra senón á concreción necesaria para que avancen os traballos.
Esta foi a primeira reunión que tivemos con eles desde febreiro de 2020, se isto ten que ver ou non co requirimento da Valedora para que se dispoñibilizara a información sobre o resultado final da obra, saberanno eles.
En xeral, como xa comentamos noutras ocasións, o proxecto non está pensado para o barrio nin tendo moi en conta ás súas necesidades e isto non mudou. Continúa sen haber reflexión sobre a realidade desde a óptica de quen vive en San Pedro, asi que nisto non hai novidades; tampouco as hai no feito de que a énfase está posta na mellora da mobilidade dos peregrinos/as que veñen da Fonte dos Concheiros e dos coches que fan o traxecto Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri. Estes pasan a ser os tráficos máis importantes e o resto da mobilidade queda condicionada a eles.
Imos por partes:
a) Calendario:
Estarán rematadas o día 31 de xullo
b) Instalacións:
- Substituíuse boa parte das conducións xerais de saneamento e de recollida de pluviais que pasan pola zona e instalaronse tanques para a recollida desas augas pluviais e decantala para que se integre no sistema da cidade en mellores condicions (son eses tanques que meteron no enorme burato do parque). A red vella foise facendo a cachos, a medida que se facían obras así que era un puro remendo, agora queda todo novo.
- Tiveron problemas coa información previa que se lles ofreceu sobre a localización e características das instalacións (augas, electricidade). Este é unha das causas dos retrasos.
- Non se fixo, como insistentemente pedimos, unha renovación das acometidas dos edificios (auga, gas, saneamento, fibra óptica) a esa nova rede.
c) Acabados:
- A carballeira (que eles chaman praza) é o corazón do proxecto e será un espazo preferente para o cruzamento de peóns entre un e outro lado da Avda de Lugo.
- As beirarrúas actuais serán retiradas e substituídas por un pavimento como o que está no lado dos Xulgados-Conservatorio (tipo asfalto) que será pulido e quedará mellor.
- O alumeado na zona central irá colgado, nunha catenaria. Non temos claro que vaian a susbtituir as luminarias actuais da Avda de Lugo, así que tampouco queda claro que se vaia a suprimir esa escuridade nocturna que provocan as árbores.
- Pedimos unha especial atención para que tanto as zonas encostadas do cruce Concheiros-Avda de Lugo, como o cruce da Cruz Vermella sexan plenamente accesibles mediante a instalación de pasamáns para axuda das persoas con dificultades e pasos de peóns que non esvaren de verdade.
- As árbores sobrevivirán sen problema, aínda que haxa cables e tubaxes polo medio, xa que as raices van por debaixo e polo visto non medrarán moito máis do que hoxe son (!). Iso si, haberá que facer podas etc. En todo caso, van neses cadrados de formigón enormes para darlles espazo de acomodo e encauzar o tráfico.
- Todo o pavimento (calzada, zona de peóns) irá ao mesmo nivel.
d) Mobilidade
- A disposición da obra -que será moi dificil mudar- prima a mobilidade en dous eixos:
- Avda. de Lugo-Rodríguez de Viguri, para os coches
- Fonte dos Concheiros-Concheiros, para os peóns
- Búscase unha pacificación do tráfico dos coches para que toda a zona resulte menos hostil, por iso a velocidade será menor e isto vai conseguirse co estreitamento dos carrís e a instalación de semáforos (varios) entre a rotonda de arriba e a de abaixo.
- O cruzamento onde antes estaba a rotonda de Concheiros será con semáforos e funcionará en dos tempos. Nun pasarán os coches, noutro os peóns -que poderán cruzar por onde queiran-.
- A rúa dos Concheiros conservará os dous carrís (entrada e saída) aínda que a saída será só cara abaixo. Nisto nós vemos un problema importante xa que o barrio queda acorralado entre rotondas, o que permitirá que continúe o uso abusivo de rúas como Costa do Vedor; tamén seguimos sen saber o impacto que este cambio pode ter no comercio e os clientes que veñen de San Lázaro, San Marcos, etc; ou no transporte público (agora din que non haberá cambios pero no futuro…).
- A rúa Berlín queda cortada e sen acceso á nova avenida; terá a súa saída pola rúa Viena (a dos xulgados).
E isto é todo o que contaron. Quedaron moitas preguntas e dúbidas sen resolver:
- Onde está a reversibilidade do tráfico de coches que acordamos hai 2 anos? o trazado da obra condiciona, sen posibilidade de cambios toda esa mobilidade.
- Que pasa con todas as prazas de aparcamento que se perden? Son unha morea delas en Rodríguez de Viguri e non temos garantía ningunha de que o parking novo da Altiboia teña permanencia no tempo xa que a día de hoxe é un uso provisional.
- É evidente que a rotonda da rúa Londres (a de abaixo) ten pouco espazo de manobra e os autobuses grandes (escolares, por exemplo) entran e saen con dificultade.
- Seguimos sen entender como se pode estrangular a nosa mobilidade sen facer nin un estudo mínimo. Agora quedaremos condicionados ao uso da rotonda de arriba para entrar e, sobre todo, a de abaixo e á rúa Londres para saír. Nós quedaremos enganchados no colapso da rúa Londres ou na rotonda de arriba cando saian os da Xunta de traballar, pero o tráfico parásito que usa o barrio para ir aos colexios de Virxe da Cerca ou subir á Almáciga seguirá alí, agora facilitado pola rotonda de abaixo (é mais doado o acceso á Ameixaga ou Costa do Vedor).
En fin, seguimos con todas as dudas do mundo a respecto deste proxecto. Sen dúbida será bonito e mais ordenado pero non parece axeitado ás nosas necesidades. É evidente que seguirán adiante -xa o están facendo- sen atender moito ao que opinemos e teñen nisto a complicidade do Concello.
O tempo dirá que pasa; ogallá esteamos equivocadas. Entre tanto, paciencia, que xa están case rematadas.
Da Axencia enviaronnos 3 planos, que compartimos con vós: plano 1, plano 2, plano 3.