13. Xullo 2023 · Comentarios desactivados en Bo Camiño, pero … · Categories: O Barrio, Uncategorized

Como ben sabedes, a convivencia entre a veciñanza e as persoas que nos visitan estase volvendo complicada. Para mellorala e animar a quen peregrina a coñecernos doutro xeito, preparamos un pequeno código de boas prácticas en colaboración coa Asociación Empresarial do Barrio de San Pedro.

É un décalogo que nos gustaría que servira como base para un xeito diferente de entender a última etapa do Camiño e promover actitudes que axuden a preservar a calidade da experiencia de quen ven e a forma de vida de quen aquí vivimos. Tamén queremos que sexa o primeiro chanzo nunha política proactiva do Concello na protección do dereito ao descanso, ás nosas rúas, a camiñar tranquilamente…

Aquí tes arquivos de calidade para que imprimades e peguedes alí onde consideredes. En galego e castelán (e que non aleguen descoñecemento)

Aquí tes o texto:

Decalógo de boas prácticas para o tramo final do Camiño

O Camiño é un percorrido longo onde podes descubrir a cultura, os costumes, a sociedade, a gastronomía ou a natureza das aldeas e vilas polas que pasa. As comunidades e barrios levamos centos de anos acollendo xenerosamente a xentes chegadas de todas partes.

A nosa cidade é ben antiga e cun patrimonio fermoso que compartimos contigo; todas e todos temos que acomodarnos ao seu coidado e conservación.

  • Lembra en todo momento que os lugares que atravesas os habitamos persoas que, cada día, vemos pasar por diante das nosas portas grupos cada vez máis numerosos. Dámosche a benvida, estás na nosa casa, respeta os nosos espazos e as nosas formas de vida.
  • A chegada a Compostela é emocionante, sen dúbida, mais a túa euforia non debería interferir nos nosos ritmos de vida: alégrate, desfruta e celebra dende o respecto.
  • Os berros e os cánticos a voces -sexan relixiosos ou non- alteran o noso descanso e son desagradables. Xa sexa pola mañá, ao mediodía ou pola noite, debes saber que sempre haberá algunha persoa que se vexa afectada por ese exceso de ruído. Ti non es nin a primeira, nin única, nin última persoa que peregrina. Por favor, respéctanos.
  • Se vés andando, seguramente utilizaches durante o camiño un bastón que perde moita utilidade unha vez entras na cidade. Se aínda así, continúas a precisalo, utiliza as gomas que trae, non danarás a pedra das nosas rúas e axudarás a conservar o noso patrimonio, ao fin e ao cabo é un dos motivos polo que chegaches ata aquí.
  • Se vés en bicicleta, lembra que levas un vehículo e tamén que na cidade hai tramos nos que a convivencia fai preciso que baixes e remates o camiño andando. Desfruta dos últimos metros con calma, poderás ver a cidade a outro ritmo e seguro que paga a pena. E ante todo, pola nosa (e a túa seguridade) respecta as normas e sinais de circulación.
  • Se es unha das persoas que dirixe a un grupo numeroso, ten especial coidado no seguimento destes consellos: precisamos da túa implicación e complicidade para facer realidade unha convivencia positiva entre quen visita e quen habita a cidade de Compostela.
  • Os grupos moi numerosos probablemente non seredes quen de cruzar a estrada na mesma quenda: os teus dereitos non están por riba das normas da circulación e civísmo. Se o semáforo pasa a estar en vermello, contempla a posibilidade de que o grupo teña que separarse momentaneamente, anticípate e se sodes varias persoas responsables, repartídevos para que non haxa un problema de seguridade.
  • Igualmente, se vés con crianzas, procura que teñan en ti un referente positivo que lles aprenda a facer turismo responsable e respectuoso coa cidadanía que reside no lugar que visitan.
  • Coida o Camiño: deixa a menor pegada do teu paso por el. Recolle o teu lixo e deposítao na seguinte papeleira ou colector que atopes.
  • E non, amontoar pedriñas nunca foi tradición en Compostela, nin deixar os bastóns en calquera parte, nin tampouco colgar cousas (máscaras, zapatillas) nas árbores, nin tan sequera colgar cadeados de amor eterno ou facer pícnic na Praza do Obradoiro.

O Camiño é especial en si mesmo e non precisa ser alterado para manter o seu encanto, é máis, traizoamos a súa esencia cada vez que o perturbamos.

Nós somos o Camiño. Recibe a nosa afectuosa benvida a Compostela; desfruta da cidade, dos seus barrios e da súa xente.

Comments closed.