Pois si, queremos que sexa máis doado estar ao día das nosas actividades e propostas.

Desde xa podedes seguir á Asociación Veciñal A Xuntanza (@avaxuntanza) en twitter.

 

Seguídenos!!

Para celebrar o día da muller queremos invitarvos a participar nunha actividade para facer visible ás mulleres e as actividades que desenvolvemos no barrio.

 

Consiste en algo moi sinxelo, colocar un globo cunha mensaxe no portal/fiestra das casas e comercios do barrio. Na mensaxe podedes engadir a reivindicación que vos apeteza. Pódese poñer no globo ou nun cartel. E podedes decoralos como queirades, canto máis creativo mellor!!.

No local da asociación podedes recoller un globo no horario das actividades.
Esperamos que vos guste a idea e que vos unades a festexar este día coas mulleres do barrio de San Pedro e que se recoñezan os nosos dereitos.

CAL É A TÚA MENSAXE?

Despois da boa acollida do ano pasado, imos a aventurarnos unha vez más a organizar, xunto con Verdegaia e Amarante, unha nova edición do ciclo de cinema Coñecer para Cambiar.

Desta volta terá unha periodicidade mais doada de lembrar: cada 3º mércores de mes, no noso local ás 20h. Comezamos o próximo día 20 de febreiro e remataremos o día 22 de maio.

O programa:

  • 20 de febreiro: «Co teu diñeiro», sobre a banca tradicional e as alternativas cidadás.
  • 20 de marzo: «In Transition 2.0″, sobre o Movemento en Transición e a súas inspiradoras experiencias.
  • 17 de abril; Ouro azul, a guerra da auga. Aínda que pareza dificil imaxinalo nestes días tan grises, a auga -ese recurso estratéxico e vital- pode e vai ser -segundo nos contan neste filme- motivo de crises futuras.

E tachaan!! Neste ano como novidade, queremos facervos protagonistas deste ciclo asi que na última xornada, o día 22 de Maio terá lugar a proxección das curtas participantes no concurso Filmar para Cambiar.

Esta nova proposta quere dar acollida ás vosas curtas sobre temas sociais e ambientais. Tendes de prazo ata o día 30 de abril para facer chegar os vosos filmes.

Toda a información, as bases e o formulario de inscrición, na web de Verdegaia. Agardamos as vosas propostas!!!

 

 

Nestas semanas tivemos unha reunión coa concelleira María Castelao, responsable de Parques e Obras.

Ademáis de lembrarlle que a limpeza do talude das monxas e a poda das árbores das nosas rúas é algo imprescindible e que debe facerse periódicamente, que nos gustaría ter algún contedor para o lixo nas saídas dos parques ou que conviría arranxar a ruela da Tafona, o noso principal obxectivo era amosarlle a nosa proposta para o edificio que se está a rehabilitar no parque de Belvís.

Tal e como nos o vemos, esa antiga curtidoría representa unha oportunidade excepcional para poñer en valor ese espazo patrimonial singular que é este noso parque e, a un tempo, dotar nel algún servizo para os seus usuarios e, mesmo, converter a zona nun recurso que apoie ao noso tecido económico e as tarefas de conservación e rehabilitación do noso patrimonio.

Aínda que hoxe non o pareza, o certo é que esta zona foi noutro tempo algo bastante semellante ao que hoxe chamaríamos un “polígono industrial”. En efecto, o rego do Cancelón -antes chamado das Tripeiras- deu acollida durante séculos a instalacións de curtido e preparación de coiros e aos “matadoiros” que subministraban carne á cidade. Co tempo, aquelas infraestruturas ao aire libre -a cotío denunciadas por noxentas, por contaminar as augas de rego das moitas hortas e agros das proximidades ou, simplemente por afear a principal entrada da cidade- acabaron desaparecendo e trasladándose a outras zonas.

Quedaron non obstante dous testemuños ben visibles desta historia, a fábrica hoxe convertida en Centro de Interpretación Ambiental e esta que hoxe se está a rehabilitar.

Tal e como nos o vemos, este edificio ben podería acoller unha pequena mostra permanente -nada complicado, se cadra bastarían uns sinxelos paneis nas paredes- dedicada a contar esta historia e a lembrarnos a relevancia que este sector industrial tivo no pasado da nosa cidade. Ao tempo, podería centrarse na posta en valor e divulgación do artesanado -tradicional e contemporáneo- a través de mercadiños periódicos, encontros de artesáns, obradoiros para todas as edades… cousas pouco complicadas pero que dean vida ao espazo ao tempo que apoian o esforzo daqueles que hoxe teñen na artesanía a súa forma de vida (e no barrio temos unha morea artesáns).

Queremos, xa que logo, non un simple bar senón unha infraestrutura cun proxecto cultural que tamén dea servizo ao barrio pois é un recurso que debe e pode axudarnos a crear riqueza (social, cultural e económica). Evidentemente unha pequena cantina e uns servizos para os visitantes e usuaris do parque serían imprescindibles e poderían axudar ao sostemento económico do proxecto cultural.

Onte tivemos reunión co Alcalde, que estaba acompañado polo Concelleiro de Barrios, Juan de la Fuente.
Levabamos moito tempo -meses, de feito- agardando a oportunidade de coñecermonos e de compartir con el a nosa visión do presente e futuro do barrio.
A nós gústanos facer destas reunións non tanto un repaso ás obras pendentes ou das incidencias inmediatas como unha oportunidade para falar dos proxectos e necesidades a medio e longo prazo.
O día a día tratámolo cos Concelleiros responsables e os técnicos, o futuro e a visión global a medio e longo prazo é o que buscamos nestes encontros co alcalde pois acostuman a ser temas que abranguen a varias concellarías.
Estas entrevistas son, ou deberían ser, un momento para compartir e discutir sobre a filosofía que preside o noso traballo e o do grupo municipal e de ver cómo podemos traballar xuntos para acadar os nosos obxectivos.
E fumos con esta idea e cos 4 temas transversais que presiden o noso traballo:
        - Mobilidade
        - Envellecemento demográfico
        - Promoción económica
        - Protección e posta en valor do noso patrimonio
É con estes filtros que formulamos as nosas propostas e é tamén con eles que avaliamos os proxectos do equipo de goberno e asi llo fixemos saber. A partir dela, revisamos algúns asuntos pendentes e propuxemos as nosas ideas (mellorar a nosa mobilidade, facer do barrio un espazo cómodo para os nosos maiores…)
Atopamos receptividade á nosa perspectiva e proxectos, ata aqui, perfecto.
Queda non obstante moito que traballar, por canto resultou evidente que o equipo de goberno traballa sectorialmente (un obras, outro mobilidade, promoción económica…) e nos o facemos cunha perspectiva xeográfica (o noso barrio) e máis transversal (todo se relaciona).
Un exemplo claro: as obras que comezarán proximamente no Cruceiro. Non é evidente que terán un impacto na mobilidade e actividade comercial do eixo Concheiros-San Pedro? Poderíamos aproveitar esa intervención para crear un espazo de convivencia cidadá ou restar a perigosidade da rúa Lagartos?

 

Acadamos, a este respecto, un compromiso: teremos reunións cos concelleiros e concelleiras «afectadas» para ver de traballar máis globalmente nestes ámbitos que nos preocupan. A idea (nosa, cando menos) e ver como aproveitar as oportunidades que se presentan (obras, programas autonomicos ou estatais,…) para que o noso barrio sea mais cómodo e habitable, para todas e todos, independentemente da súa idade, de se é veciño/a ou emprendedor… As veces é unha cuestion de coordinación, simplemente.
Nesto da globalidade temos moito que traballar, con eles e tamén coa nosa propia veciñanza. Temos que acostumarnos, todos e todas a ver mais alá e a pensar en termos de construír barrio e futuro.

 

Sí, tamén falamos das obras:
  • A do Cruceiro: tratase de repoñer o pavimento pero «en absoluto incide no tráfico e mobilidade da zona e menos no comercio da Rúa de San Pedro e Concheiros».
  • A de Quiroga Palacios: concordamos na súa urxencia e necesidade, aínda que non nos quedou claro se aproveitaremos para darlle pulo á rua no económico e habitacional -promover a modernización e accesibilidade das vivendas-. Será, no mellor dos casos, o ano que ven.
  • As outras (Concheiros…): en lista de agarda, polo de agora son proxectos limitados ao arranxo; haberá que insistir nos outros aspectos.
  • A Rúa de San Pedro: xa coñecedes a nosa posición a este respecto. Obra si, pero mellor mobilidade tamén. A sensación a este respecto é un tanto ambigüa: mellorarase o espazo peonil -algo comprometido polo proxecto presentado no seu día por María Pardo-, reducirase a tonelaxe dos vehículos, de feito e con vixilancia  –comprometida polo Alcalde- e o resto irase vendo unha vez remate a obra.

A este respecto, queremos insistir, como o fixemos onte: o proxecto de mobilidade para esa rúa e as adxacentes -na medida en que se vean afectadas- ten que se por en marcha ao rematar a obra pero quedamos coa sensación de que non quedou clara esta necesidade tan sentida. Acordouse -dun xeito un tanto xenérico- que teremos unha reunión sobre isto en xaneiro coas concellarías implicadas.

        Para nós é incuestionable; estamos ante unha oportunidade única para mellorar a mobilidade de vehículos e peóns na rúa e en toda a súa contorna e non aceptaremos solucións puntuais ou a salto de mata.

 

En fin, que queda aínda moito traballo por facer.

 

Estes días bulen os medios coa noticia de que o Concello vai a levar a cabo un arranxo importante na Rúa de San Pedro.

Nos tivemos noticia disto hai un ano, cando o concelleiro de barrios comprometeuse a levar a cabo as nosas tres prioridades a este respecto: arranxo das beirarrúas de Quiroga Palacios e Concheiros e reparación integral da outra beirarrúa de Betanzos; nese día avisou tamén da súa intención de arranxar a Rúa de San Pedro. O tempo pasou e ata este mes non tivemos mais noticia de ningunha destas obras.

O certo é que para nos, como directiva, o arranxo desta rúa nunca foi unha prioridade estritamente falando. Non porque non fora necesario e urxente, que é algo evidente, senón porque sabemos a ciencia certa que é unha obra que non ten sentido mentres non se mellore a mobilidade do barrio; queremos que xente e vehículos teñan unha convivencia tranquila, cómoda e segura. Entendemos que sen un plan de mobilidade calquera intervención no tráfico do barrio non ten sentido e será un mero parche; tampouco un arranxo (caro ou barato) da rúa de San Pedro. E aqui falamos dunha intervención parcial que custará case medio millón de euros.

O que nos dixeron

Solicitamos a finais de setembro unha entrevista coa concelleira María Pardo; falamos con ela e o seu equipo e nos presentaron o seu proxecto.

Este implica unha remodelación integral da rúa no tramo que vai da Porta do Camiño ata o cruce coa Calzada de San Pedro. É un arranxo total: beirarrúas, calzadas, subministros… o que vemos e o que non vemos pero que é fundamental (fundamentos da caixa da rúa, canalizacións, desaugadoiros…).

Vaise levantar todo e a armar unha base sólida que abranguerá prácticamente toda a rúa, case de casa a casa, e sobre ela irán a un mesmo nivel as beirarrúas e a calzada -con distintos materiais, unhas de lousa e outra de lastro-. Para que vos fagades unha idea a cousa sería asi (http://ecomovilidad.net/madrid/continua-la-pacificacion-urbana-en-el-barrio-de-las-letras/), sen cores e sen árbores, etc… pero con beirarrúas máis anchas que agora, calzada dun único carril e zonas de carga e descarga tamén ao mesmo nivel (en formigón). Todo o tramo novo iría algo máis alto, ao nivel das beirarrúas actuais, é dicir que para entrar e sair haberá que subir/baixar unha mini rampla (como no entronque actual da Rúa do Home Santo coa Angustia).

O que supón

Segundo se nos dixo, o proxecto de obra leva consigo unha proposta para implementar unha mobilidade diferente, máis acaída a este novo espazo. Esta nova mobilidade non necesariamente implicaría unha peonalización pero indubidablemente traería consigo alguns cambios como unha significativa redución do volume, peso e número de vehículos e unha baixada da velocidade real de circulación. En fin, que se crearía o que os técnicos chaman unha zona de tráfico pacificado: pasan os vehículos que queiran pasar pero nunhas condicións que serán máis cómodas para os peóns e que, sobre todo, acabarán disuadindo ao tráfico parásito (o noso principal enimigo).

Sen esta filosofía o proxecto non ten sentido pois será gastar case medio millón de euros no que podería chegar a ser un verdadeiro ponto negro da seguridade vial.

Que nos parece?

Tal e como nós o vemos, o proxecto que se manexa é interesante para o barrio: modifica a penosa estética da rúa, descarga á veciñanza das súas casas dos ruidos e vibracións derivadas do tráfico continuo, voluminoso e pesado e aos peóns que por alí imos do perigo e abuso constante que sufrimos do transito rodado. E aínda poderíamos cualificalo como positivo se ven acompañado desas medidas -imprescindibles- de pacificación do tráfico xa que, ademáis facilitará a vida da maioría da veciñanza pois neste barrio, a mobilidade principal e básica é a pe e é evidente que as beirarrúas desta zona sufren unha agobiante saturación de peóns.

Entendemos que terá que ser avaliada o conxunto da mobilidade nesta zona e mirar que non repercuta negativamente no conxunto de rúas adxacentes pero paga a pena probar outro xeito de vivir.

Dúbidas?

Non imos negar que a peonalización desta rúa e doutras partes do barrio están nas nosas preferencias porque entendemos que temos dereito a camiñar cómoda e seguramente polas nosas rúas. Pero tamén sabemos que este é un obxectivo que pode acadarse co tempo e que entre o que hoxe temos e a peonalización hai toda unha gama de solucións que poden barallarse e probarse, porque nós o necesitamos e o noso barrio -nesta zona dúas veces Patrimonio da Humanidade- ben o merece.

Non está clara a solución a este desafío e nos gustaría unha proposta seria e integral a este respecto que non se nos presentou; entendemos, non obstante, que terá que elaborarse. No seu momento a avaliaremos.

A maiores

Parecenos importante, xa que estamos, un pequeno arranxo na Pza 8 de marzo. É algo que segundo parece está previsto na mellora da obra: quitar algunhas árbores, podar radicalmente o resto, cambear uns bancos.. o obxectivo é abrir a praza e unila á rúa para recuperar e integrar ese espazo cidadán. Mellor sería aínda a recuperación da vista histórica cara a Bonaval pero haberá que agardar.

Tamén solicitamos a restauración do Cruceiro desa praza, que é un dos mais antigos de Galicia e que está -ademais de un pouco tambaleante- alí esquecido; merece unha limpeza e consolidación así como unha posta en valor digna da súa historia e monumentalidade.

E, finalmente pedimos seriamente que non se iniciaran as obras antes do 8 de xaneiro para non danar a campaña de Nadal do noso comercio, porque a verdade é que a estas alturas ben podemos agardar uns días máis.

En calquera caso, estas e outras dúbidas que podades/podamos ter deberían quedar resoltas na reunión que solicitamos e se comprometeron a facer coa veciñanza para explicar polo miúdo a obra e a loxística (prazos, ritmos, tráfico, estacionamento alternativo para os garaxes, etc…).

En resumo

Isto é o que se nos ofreceu neste proxecto. Agora só queda agardar a que se cumplan as condicions que se nos presentaron, que a execución sexa a axeitada (nós non somos técnicos) e que as solucións propostas sexan positivas, non só para un feliz resultado das obras senón tamén para o futuro da rúa e o barrio porque, francamente, non poderíamos soportar un novo arranxo en poucos anos.

 

 

Hoxe hai 25 anos que o Consello de Europa declarou o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Tamén a nós como Asociación e como veciñanza nos incumbe a súa conservación e o seu futuro.

Con este motivo, queremos facer pública unha pequena declaración que quer chamar á veciñanza a perseverar na súa conservación e aos responsables políticos a desenvolver políticas que permitan a súa sustentabilidade cara ao futuro.

Aquí podedes descargar o noso comunicado.

Tanto a Xuntanza como a A.C. do barrio de San Pedro, pensamos que estes tempos complicados son perfectos para simplificar as nosas vidas, para interiorizar a práctica dos 3R (reducir, reutilizar e reciclar) e para ser máis solidari@s.

Lembras esa cafeteira en perfecto estado que esmorece nun armario da túa casa? Esa lámpada que realmente nunca conseguiches encaixar na túa sala? E aqueles patíns tan lindos? A bici estatica-percheiro?… Fai inventario, simplifica a túa vida e trae contigo todas esas cousas pois aqui poderás vendelas, trocalas ou mesmo regalalas.

Soñas con renovar a túa mesiña de noite cunha lámpada resultona e eficiente? Gustaríache equipar mellor a túa cociña? Tes grandes proxectos para este curso e precisas accesorios deportivos?… Este é a túa oportunidade.

Que algunha das túas trapalladas é grande? Trae a unha foto e poderás atopar quen o necesite.

Buscas… pero non sabes moi ben que? Leva a túa lista, porque nas nosas casas hai moitas cousas durmindo polas esquinas que mellor estarían noutro fogar.

… e aínda poderás redescubrir unha zona do barrio e os seus establecementos comerciais.

A cita é o sábado 27 de outubro na Rúa do Home Santo, das 11 ás 14h.

Non sabes onde queda? clica aqui

Se queres vir e traer a túa casiña, lee con atención estas instrucións. Data límite de inscrición: mércores 24 de outubro.

Como non podía ser doutro xeito, un ano mais celebraremos no barrio a chegada do verán e a noite de San Xoán.

A nosa cacharela será na Praza da Cruz de San Pedro a partir das 21h.

Agardámosvos

Continuamos este ciclo cunha nova proxección, que terá lugar este mércores ás 20.30h, en colaboración con Amarante e Verdegaia.

Proxectaremos o documental “Medicamentos, un dereito secuestrado” (ONG Farmamundi).

“O documentario pon de manifesto a corrupción do sistema de investigación e desenvolvemento, regulación e comercialización de fármacos. Testemuñas de Serra Leona, onde o alto custo dos medicamentos xerou un mercado negro; Suíza na Asemblea da Organización Mundial da Saúde; Colombia, co caso do antirretroviral Kaletra e España evidencian que o acceso aos medicamentos é, na actualidade, un dereito secuestrado”.

Nesta ocasión, despois da proxección, contarase coa presenza de Beatriz Villarquide Vega, delegada en Galiza da ONG Farmamundi, para a realización dunha palestra arredor da industria farmacéutica e o seu funcionamento.

O ciclo de cinema “Coñecer para Cambiar” pretende abrir un espazo para o coñecemento e a reflexión acerca de diferentes problemáticas sociais e ambientais (consumismo, industria agroalimentar, industria farmacéutica, deslocalización, alimentos transxénicos, desigualdade nas relacións comerciais entre países do norte e do sur, deslocalización, explotación laboral, etc.), empregando a linguaxe audiovisual para achegar estas realidades ao público en xeral. Coñecer e comprender as causas dos problemáticas sociais que nos afectan, representa o primeiro paso cara a unha mudanza persoal e social, motivo polo cal se pretende ofrecer á cidadanía compostelá un espazo para o intercambio de ideas e inquedanzas, nun clima ameno e distendido.

 Agardamosvos este mércores día 20 ás 20.30h no noso local