27. Xaneiro 2017 · Comentarios desactivados en As da Aghulla: Proxecto colaborativo para o Día da Muller 2017 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Vogalía da muller

Para o próximo Dia da Muller, que será como sabedes o próximo 8 de marzo, As da Aghulla asumen como desafío adornar a praza dese nome que temos no noso barrio. É dicir queren encher de cores a Praza 8 de marzo para o día 8 de Marzo. Queres colaborar?

Como ben sabedes o colectivo As da Aghulla ven traballando desde hai anos en facer do barrio un lugar máis bonito e alegre. Son un grupo de mulleres -veciñas e non veciñas, socias ou non, mozas ou maiores- que acometen conxuntamente proxectos nos que traballan ao longo do ano. O primeiro deste ano xirará arredor do Día da Muller e a praza 8 de marzo.

Aínda que moitos detalles están aínda por perfilar, está claro que:

  • queren encher a praza de cores
  • queren un proxecto aberto a quen quera participar nel, polo que haberá distintas formas de colaborar
  • Queren facer unha pequena homenaxe ás mulleres da cidade, ás nosas nais, avoas, amigas…
  • Haberá quedadas todos os luns a partir das 20h ata o 4 de marzo no Bar Rey (Concheiros) para recoller colaboracións, respostar preguntas, etc.
  • A montaxe da maior parte da decoración terá lugar o día 4 de marzo, sábado.

Os eixos principais do proxecto serán:

  • Elaborar varias mantas en ganchillo ou calceta
  • Preparar unha exposición fotográfica
  • Instalar na praza unha Biblioteca Libre

Así as cousas abren o proxecto á participación das persoas que así o desexen, do barrio ou doutra zona da cidade, asi que podedes:

  • Axudar a facer as mantas, preparando cadrados de ganchillo ou calceta de 30 x 30cm (mellor xustos que demasiado grandes), feitos de lás de calquera cor. Os luns no Rey haberá quedadas para tecer xuntas e para recoller as pezas de quen traballe en casa. O 27 de febreiro será o último día de recollida de cadrados.
  • Enviando as vosas fotografías de mulleres, das vosas nais, avoas, heroínas ou de vos mesmas, coas vosas amigas, en situacións cotiás (traballando, paseando, pasando un bo rato…). Serán impresas en tamaño A4 así que mirade que teñan calidade razoable. Poden levar un título ou explicación, que debe ser curta, xa que irá sobreimpresionada na imaxe no momento de preparala para a expo. O luns 6 de febreiro será o último día de recollida de fotos, que deben enviarse a axuntanza01@gmail.com.
  • Participar nos obradoiros que no seu momento se organizarán para preparar materiais e para a montaxe.

Pensas que este é o momento de aprender a tecer? As dúas tendas de lás do barrio ofreceren clases e asistencia ténica, están na rúa de San Pedro: Madeixas e Faino tí.

Sempre quixeches participar nestes proxectos pero non vías o momento? Esta é a túa oportunidade.

Tes unhas amigas que ganchillan? pasalles o recado e convidaas, é un proxecto aberto.

En resumo: todos os luns até o 4 de marzo, estarán as Aghullas no Bar Rey a partir das 20h para resolver as vosas dúbidas e achegas.

Colaboran con nós neste proxecto: A Concellaría de Igualdade, Madeixas, Faino tí, o Café Bar Rey.

 

 

 

 

 

27. Marzo 2015 · Comentarios desactivados en Mulleres e lugares de San Pedro · Categories: Actividades, O Barrio, Vogalía da muller

O ano pasado, durante o Día do Barrio, a nosa Vogalía da Muller rodou unha curta protagonizada polas nosas veciñas. O tema desa ocasión foi o Barrio e aqueles lugares e persoas que máis nos gustan.

Despois de moito traballo na selección e montaxe, aquí o tendes e quedou ben chulo. Moitas grazas ás artistas e as rapazas da Vogalía.

 

27. Febreiro 2015 · Comentarios desactivados en 8 de marzo: día da muller · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio, Vogalía da muller

Foliada das Mulleres 2015 no barrio de San PedroUn ano máis a nosa Vogalía da Muller prepara un programa especial para coñecernos, recoñecernos e celebrar o 8 de marzo. Como o día 8 será domingo, os actos terán lugar ao longo da fin de semana, principalmente o venres:

– A partir do venres e como outros anos convidamosvos a colgar nas vosas portas, fiestras… un globo que nos visibilice coa mensaxe que prefiras.

– As compañeiras do colectivo “As da ajhulla” sairán á rúa para traballar e amosar algún dos seus traballos (venres ou sábado, por concretar).

– O venres a partir das 8 terá lugar a Foliada das Mulleres, aberta a todas as que queiran coñecer a outras veciñas, compañeiras e amigas e pasalo ben un rato xuntas.

– O venres, na Foliada, estrea mundial e en primicia do video rodado pola vogalía no Día do Barrio do ano pasado. Lembrades o de 2013: Qué ten de especial o barrio?

 

26. Outubro 2014 · Comentarios desactivados en Obradoiro de empoderamento para mulleres · Categories: A Xuntanza, Actividades, Vogalía da muller

Porque é hora de que dirixamos a nosa propia vida, sen medos.
emprende connosco a viaxe cara o empoderamento!

Esta é a nosa proposta:

1º – Comeza a Viaxe. Estación de Saída… Coñecemos ás compañeiras.
2º – Gústome cando me gusto e cando son eu. Traballamos sobre os estereotipos, desigualdades, a autoestima e o autocoñecemento.
3º – Violencias basadas no xénero.
4º- !Xuntas podemos! Ferramentas prácticas para seguir empoderándonos.

 

Dirixido por: María Reynolds, psicóloga

Datas e horario: Todos os mércores de novembro. 19.00 – 21.30 H.

Lugar: Local A.VV. A Xuntanza. Fraguas 37 baixo

Inscricións: 654.74.11.75. obradoiro.axuntanza@gmail.com.

Data límite da inscrición: 3/11/2014

Máis información: http://www.axuntanza.org/

Organiza: Vogalía da Muller A Xuntanza

30. Setembro 2014 · Comentarios desactivados en MURAL DE CORRESPONSABILIDADE · Categories: A Xuntanza, Actividades, Vogalía da muller

Que é a corresponsabilidade para ti?

Ven a contarnolo este venres a partir das 18h á Porta do Camiño.

Cos teus pensamentos, debuxos, consellos… armaremos un amplio e fermoso tendal colectivo.

Podes traer os teus bártulos ou usar os que preparará a Vogalía da Muller para dar forma á túa mensaxe. O caso é expresarse e aprender, todas e todos, conxuntamente.

Agárdamoste!

 

19. Setembro 2014 · Comentarios desactivados en Eu decido. O tren da liberdade · Categories: Actividades, Vogalía da muller

A Vogalía da Muller da nosa asociación ven de comezar as súas actividades deste curso. Comeza forte, cunha actividade á que estades, todos e todas, convidados:

A proxeccion no noso local do filme Eu decido. O tren da liberdade.

Contaremos coa presenza dunha representante do Colectivo de Mulleres Cineastas.

Neste filme recontase a experiencia das que viaxaron de todas partes a Madrid para reclamar a vixencia da actual lexislación de saúde sexual e reproductiva e de interrupción voluntaria do embarazo.

Será o próximo día 24 de setembro, mércores ás 20h no noso local.

 Porque a loita das mulleres continua.
Porque as mulleres decidimos

Porque somos libres

e porque

O 28 de setembro convertiuse en 1990 no DÍA DE ACCIÓN

GLOBAL POLA DESPENALIZACIÓN DO ABORTO.

Agardamosvos

O Día do Barrio é unha xornada especial.

Ese día

  • aprenderemos a compartir e coidar os nosos espazos públicos
  • colaboraremos para mellorar o aspecto das nosas rúas e recunchos
  • e, como  non podía ser menos, pasaremos un bo rato cos nosos veciños e veciñas.

Por que?, porque:

  • O barrio é a nosa casa e nós temos que ser os primeiros en coidalo, no día do barrio e nos outros días do ano; non queremos suplantar aos servizos municipais.
  • Porque somos moi creativ@s e podemos facer cousas moi chulas

A cita será o sábado día 24 de maio a partir das 10h na Cruz de San Pedro

Que necesitades?

  • Roupa de faena e gañas de traballar
  • Anotarte mandandonos unha mensaxe a info(arroba)axuntanza.org, non porque sexa obrigatorio senón porque asi podemos organizar mellor as tarefas.

Que faremos?

Un pouco de todo, como os anos anteriores, en función da cantidade de xente que participe. Pero desde xa, algunhas ideas que precisan da vosa colaboración e tendes que comezar a traballar nelas:

  • Instalar pequenos xardíns nas fochancas das beirarrúas e recunchos, como as que aqui podedes ver (si, está en ingles pero as fotos dan boa idea do asunto).
  • Facer deseños nas beirarrúas e prazas con xogos, algo asi
  • Facer un mural (no Cruceiro) coas nosas receitas para cociñar en verán. Será o noso recetario de barrio.

Tendes (e temos), xa que logo, que ir preparando na casa eses xardincillos e mesmo ir pensando onde poñelos (irán nos alcorques das árbores de Concheiros e Fraguas), onde iremos xogar as 4 esquinas ou á mariola e traer a nota coa vosa receita preferida para os días de calor.

Nos proximos días iremos dando a coñecer a listaxe concreta pois agardamos as vosas achegas, que sodes xentes creativas. Estarán na nosa páxina de Facebook

Vimos de actualizar a nosa galería fotográfica, con imaxes das actividades do 8 de marzo.

Aínda que mañá, 8 de marzo teremos algunha actividade para celebrar esta sinalada data e visibilizar a presenza das mulleres na vida do noso barrio, a Vogalía da Muller decidiu darlle unha voltiña a esta xornada.

Partiron desta idea: estaría ben ter un rato para vermonos, falar, rir, cantar; somos mulleres, somos veciñas e cruzámonos na rúa, nas tendas… sempre con certa presa ou tendo en mente a listaxe de asuntos pendentes de solucionar na casa, no traballo… porqué non quedar, simplemente porque si e coñecermonos mellor? porque non montar unha festiña e pasalo ben un rato? que as nosas pandereiteiras e cantareiras, que son moitas e ben boas e divertidas se xunten e nos axuden a montar a festa?

E decidiron organizar a I Foliada das Mulleres.

Animaste? só tes que traer ganas de celebrar e, de ser o caso, voz e instrumentos musicais.

Será o próximo venres día 14 de marzo, a partir das 20h no Bar Pampín.

Para celebrar o día da muller queremos invitarvos a facer visible ás mulleres e as actividades que desenvolvemos no barrio. Retomamos a idea do ano pasado, que tanto gustou.

 

Coloca un globo cunha mensaxe no portal/fiestra da túa casa ou comercio. Na mensaxe podedes reivindicar o que vos apeteza. E podedes decoralos como queirades, canto máis creativo mellor!!.

Esperamos que vos guste a idea e que vos unades a festexar este día coas mulleres do barrio de San Pedro e que se recoñezan os nosos dereitos.

Contaremos coa colaboración de as daAjhulla, farémonos máis visibles.

¡Busca a súa sorpresa na rúa de San Pedro!