Baixo este lema nace un dos nosos últimos proxectos dentro da liña de traballo centrada na promoción económica do barrio: un conxunto de roteiros que nos axuden a coñecer mellor a nosa contorna máis inmediata e para que outras xentes -da cidade ou do mundo- se acheguen a ela.
Para aprender, pasear, comprar ou visitar, é evidente que o barrio de San Pedro é un sitio especial, cunha grande riqueza non só humana senón tamén patrimonial e iso é o que queremos amosar á nosa veciñanza e a outras persoas, doutros barrios ou de calquera outro lugar, é unha riqueza que é de todos e todas, xa que é Patrimonio da Humanidade.
Efectivamente non podemos falar desa monumentalidade abraiante doutros lugares pero sí podemos presumir dun conxunto histórico artístico singular, modelado polo paso do tempo e das xentes, no que as grandes obras conviven co legado das xentes comúns, as que viviron aquí antes que nos, nunha insólita harmonía.
Temos como proxecto dinamizar e poñer en valor este recurso e facelo servir para consolidar a nosa identidade e facer del motor dun desenvolvemento turístico de baixo impacto, sostible e orientado a quen -visitando Compostela- busca algo diferente; queremos que sexa un sólido apoio ao noso tecido económico.
Este primeiro paso nese camiño atopou o apoio do Concello de Santiago (Concellaría de Promoción Económica) que financiou a execución material a través do Programa Urbana Santiago Norte.
Podedes descargalos en galego, castellano & English para imprimir e seguir o paseo; ou ben en formato audioguía, aínda que só en castelán -polo de agora-.
You must be logged in to leave a reply.