10. Novembro 2020 · Comentarios desactivados en Sobre a obra na rúa dos Concheiros · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Á vista do inminente comezo das obras da Rúa dos Concheiros, queremos compartir convosco o feito até o de agora, o que propoñemos para o futuro e unha serie de reflexións arredor de toda a intervención.

Dí o alcalde que esa obra é como unha operación a corazón aberto e sen anestesia. Ten razón. Pero nós vemos tamén que o equipo médico non ten claro cal é o problema e van abrir para ver que hai, e vemos tamén que a asepsia se reduce a uns litros de hidroxel. Así, será unha intervención de alto risco e de resultado tan incerto que, desde a nosa perspectiva, as posibilidades de acertar son reducidas.

Que a rúa precisa un arranxo é algo innegable; que ten que ser en profundidade, tamén; que se pode aproveitar para ordenar o tráfico e o aparcamento é evidente; e que reparar a zona do Cruceiro e a entrada das Fraguas (zona do DIA) sería o óptimo. Nisto sabemos que hai consenso entre o barrio e as administracións.

Por isto levamos 6 anos traballando e vendo proxectos.

O Marco Xeral

Antes de avaliar esta intervención, pensamos que hai que ter en conta algunhas cousas que aquí ou ben se esqueceron ou ben se pasaron por alto.

  • No barrio de San Pedro viven arredor de 9.000 persoas, é dicir mais que en moitas capitais municipais de Galicia. Temos dinámicas económicas e sociais máis próximas ás de unha vila que ás de moitos barrios-dormitorio.
  • Somos unha parte do Camiño pero non é a peregrinación o que nos define, como pode suceder noutras zonas, senón o feito de ser un barrio extramuros da cidade cunha historia e vivencias de seu.
  • O eixo San Pedro-Concheiros é a terceira zona comercial aberta da cidade. É comercio de proximidade pero a sua presenza e peso económico e social é innegable, así como o servizo que da a unhas 15.000 persoas cada dia.
  • Nunha xeografía de rúas estreitas e quebradas, a Rúa dos Concheiros é a única que ofrece posibilidades para servir de ferramenta de ordenación da mobilidade no resto da zona, tanto para entrar e sair as persoas e mercadorías, como o transporte público.
  • No Barrio de San Pedro hai unha relación de 3-4 coches de residentes por cada praza de estacionamento en superficie, non se conta o tráfico comercial nin os vehículos das persoas non censadas;  non hai aparcamento público ou privado, en propiedade ou alugueiro, aberto ou pechado que responda á necesidade existente. A veciñanza vive maiormente a pé pero ten que guardar o coche nalgún sitio e ese lugar non existe hoxe máis que na rúa pero é escasísimo.
  • Temos unha importante presenza de persoas  maiores que precisan coidados e apoio pero tamén unha mobilidade doada e segura, e nenos e nenas que queren ir ao cole a pé sen medo aos coches. Todos e todas queremos unha mobilidade branda e segura. Facemos a vida a pé e queremos tranquilidade.
  • Para todos e todas, Concheiros é o final do barrio non o principio.

Estas son cousas que, pensamos, deben terse en conta á hora de deseñar unha obra nesta zona.

A Historia deste proxecto

O proxecto que agora se pon en marcha foi presentado en 2019 e formaba parte dunha acción máis ampla deseñada pola Xunta de Galicia para “embelecer” as entradas do Camiño na cidade. Naquel acto, presentouse un proxecto pechado e quedou clara na reunión aberta á veciñanza o rexeitamento xeral á proposta, tanto a obra de Concheiros como a da Avda.de Lugo/Rodríguez de Viguri; a pega principal era que o plan non se axustaba nada á realidade do barrio e non respondía a ningunha das nosas necesidades. Os puntos máis críticos eran a “alfombra de peregrinos”, que separaba as dúas beirarrúas de Concheiros entre elas e reservaba unha (co dobre de ancho) para orientar aos camiñantes, e a configuración da mobilidade, pois ao trasladar o cruce actual ás novas rotondas quedabamos un tanto acurralados e o tráfico íase descontrolar por rúas que igual non eran as acaidas (por certo, nisto tiñamos razón e a Costa do Vedor soporta xa agora un tráfico de vehículos que de ningún xeito é admisible).

Así as cousas nós plantamonos e rexeitamos o proxecto e calquera intervención que non entendese como prioritarias as necesidades do barrio. Comezamos as conversas co equipo do Sr. Noriega, alcalde naquel momento.

Tanto el como o Sr. Bugallo e mesmo o BNG deixaron clara na campaña electoral que os dous proxectos non eran apropiados para o barrio e había moito que revisar neles.

Coa chegada do Sr. Bugallo ao goberno municipal e entendendo que era un investimento importante e unha boa oportunidade para arranxar a zona, falamos e volvimos a falar con políticos e técnicos. O noso ánimo, como é tradición, foi construtivo e dialogante e mesmo renunciamos a algunhas cousas para que a obra saise adiante. Pero hai outras que son irrenunciables, aínda que algunhas teñen que ver co proxecto de obra pero outras non.

A día de hoxe

Neste panorama, despois de moitas horas de observación da rúa e de reflexión por parte da Xunta Directiva e de conversas con uns e con outros, chegamos ao día de hoxe. A situación é:

  • Mantense no proxecto o enfoque inicial (Concheiros é a entrada do Camiño) e non a visión que nós propoñemos (Concheiros é unha parte do eixo comercial do Barrio de San Pedro, o terceiro da cidade ao aire libre). Continua existindo unha beirarrúa VIP (ancha, árbores, mobiliario urbano) e outra mais ancha que agora pero pegada aos coches (que é a que ten o comercio).

Segundo nós o vemos, o desequilibrio entre beirarrúas (agora moderado pero existente aínda) e a pantalla de árbores no lado ancho, dividen a rúa en 2 metades independentes; pensamos que non é o mais acaído para unha rúa comercial que ten que ser, como é agora, permeable. Onde debes poder ver e pasar dunha beirarrúa á outra.

Preguntamonos se farían esta división en Alfredo Brañas ou en Dr. Teijeiro. Se foi valorado o impacto desta ruptura no comercio. Se hai medidas para evitar que esa nova beirarrúa anchísima desapareza polas terrazas de bares. Se Hai pensadas medidas para evitar que os negocios que alí hai non pasen a ser bares.
De todo isto non temos outra resposta que sexa xa se verá.

  •  Proponse unha mobilidade tranquila que pensamos que funcionará ben no proxecto pero non tan ben na realidade. Velocidade limitada a 30km/h, reducción do aparcamento, limitación da carga e descarga, reordenación dos fluxos de coches para a zona do DIA, peonalización da praciña da Cruz. Pero o que nos vemos é:
    • Simplemente con sinais non se reduce a velocidade dos coches; coas beirarrúas ao mesmo nivel cos coches non está claro que estes non invadan a zona de paseo ou que non haxa certa sensación de medo (falouse de bolardos pero nada concreto e sen compromiso).
    • Desaparecen 80 prazas de aparcamento na rúa, sen que o aparcamento de Triacastela (que terá 6 máis que agora) e o da Altiboia (demasiado lonxe para unha parte da veciñanza) compensen esa perda. É imposible vivir nesta cidade sen coche e, necesitamos aparcamento non para movelos senón para poder deixalos quietos. Así as cousas -sen falar da desaparición de parte do estacionamento en Rodríguez de Viguri, o que xa se perdeu en Quiroga Palacios ou na Rúa do Home Santo, ou mesmo dos vados e aparcamentos irregulares que hai-, este é un asunto dramático e urxente. Non se ofrece unha resposta mínimamente aceptable.
    • A proposta de fluxo de coches que nos fan para a zona do Supermercado DIA/Pza do Cruceiro é que os coches entrarían por Concheiros e sairían polas Fraguas. Isto quere dicir que as 9 da mañá (hora punta de coles e de reparto comercial) teremos aos camións (por exemplo, o dos iogures) pasando pola porta do colexio, nunha rúa xa colapsada.
    • De como circularán as bicis, non temos (nin teñen) unha idea clara.
    • Conseguimos convencelos de manter os dous sentidos en Concheiros pero non, por exemplo, de facer algo para eliminar tráficos parásitos como o provocado polo Colexio Lasalle ou os que suben pola rúa de Betanzos a primeira hora da mañá para aforrar a volta pola Xunta e todos os seus semáforos.
    • É dicir, non hai un estudo das nosas necesidades de mobilidade, do que resulta que é unha obra que imporá direccións, fluxos e usos que agravan unha situación que xa é dificil.
  • Seguimos sen saber como vai a quedar a obra que está acometendo a Xunta na Avda de Lugo/Rodríguez de Viguri. Cales van a ser as condicións da nosa mobilidade, como imos entrar e sair do barrio, que plans hai sobre o transporte público con esta nova configuración. Non falemos xa de ter un estudo ou unha idea rudimentaria de como poden afectarnos á hora de atender a persoas maiores ou menores, carrexar equipaxes…. esas intervencións que requiren parar diante da casa, descargar e marchar a aparcar cando vemos o acceso único do parquin da Altiboia e a dirección única da rua das Fontiñas; calquera desas operacións desde a rúa do Medio ou as Fraguas é case unha viaxe trasatlántica no modo de tráfico que se pode albiscar.
  • Fálase de comezar a obra xa e se nos presentou un plan de “tráfico” (sempre só os coches) para o tempo que dure. Pasa novamente por ateigar de coches a Costa do Vedor e por usar Fraguas; novamente sen control do tráfico parásito e sen avaliación doutras alternativas ou o seu impacto no comercio e no día a día. Mesmo se está avaliando o peche integral dos vehículos despois de xaneiro (“segun se vea como va la cosa”).
    • O plan non se axusta á nosa realidade e aínda que prevé o acceso aos garaxes durante a obra, non está claro en que condicións se vai facer; non hai noticia sobre o autobús (só que o C11 seguirá funcionando con normalidade) pero do resto só podemos confiar na penosa (o nula) sinalización dos desvíos e cambios. Non tiñan noticia da existencia de arredor de 300 prazas de estacionamento nos aparcamentos interiores da rúa, pertencentes a xente que vive e traballa aquí.
    • É un plan feito polo Departamento de Tráfico, independente da obra e da sua marcha. Dubidamos que sexan capaces facer as modificacións que os traballos podan provocar.

O que nós pensamos

  • Que malia ao esforzo desenvolvido, este pode ser un proxecto bonito pero é non axustado ás nosas necesidades de barrio, que son as dunha rúa como espazo de convivencia e comercio. Non queremos unha entrada do Camiño, queremos unha rúa para a veciñanza.
  • Que se debería ter avaliado antes de todo: a conveniencia dun aparcamento soterrado na Avda de Lugo, as medidas a tomar para protexer o comercio, unha forma de embelecer a rúa que non pase por tapar con árboles os edificios que consideran feos (e que eles autorizaron), o caracter comunitario e comercial de Concheiros, a mobilidade xeral  da zona, o posicionamento da veciñanza sobre a turistización e o Camiño…
  • Que hai demasiadas inconcrecións (bolardos, materiais, anchos, aparcamento, …) e que iso é inadmisible nun proxecto tan importante.
  • Que non se acompaña dunha proposta de mobilidade futura que sexa aceptable, e non só polas inconcrecións durante a obra, senón tamén por incluír propostas como camións circulando por Fraguas, desaparición case total do aparcamento, incógnitas sobre a conexión coa Avda de Lugo… de feito, non hai unha proposta en firme de como vai ser o tráfico de coches e bicicletas.
  • Que non hai nin proposta nin compromiso sobre medidas de protección do comercio actual.
  • Que non se establecen mecanismos claros de comunicación nin coa veciñanza nin coa Asociación, nin se dan garantías de que se adaptarán os traballos, o tráfico etc. ás nosas necesidades.
  • Que non nos parece democrático o modo en que este proxecto se xestionou no seu momento e isto non se corrixiu. Unha obra desta magnitude debería presentarse en público á veciñanza antes de comezar (e valen mesmo medios telemáticos cun sistema de recollida de achegas e obxeccións) pois xa foi rexeitada 2 veces.

Así as cousas,

Queremos comunicar públicamente a nosa desvinculación do proxecto.

Nunca foi do noso gusto pero traballamos moito por adaptalo e que fose aceptable pero vemos que pensamos desde ópticas diferentes; nós falamos do barrio e outros do Camiño e nisto nunca imos a encontrarnos.

Tampouco concordamos coa idea de ir facendo. Esta obra terá un impacto enorme na nosa vida, no noso comercio e na nosa mobilidade e queremos saber como vai quedar e queremos que esas solucións sexan pensadas e non ocurrencias. Queremos que se nos trate como a persoas adultas e non con paternalismo pois nós si sabemos o que queremos.

Neste momento, entendemos que o impacto da obra no noso barrio vai ser negativo. Quedará bonito pero acrecentará a presión sobre os alugueiros de locais e pisos e intensificará os procesos de turistización.

O plan de obra que se propón é novamente inconcreto, crea riscos innecesarios á porta do Colexio Vilas e no Apóstolo; non da solución ás preguntas sobre estacionamentos e sobre a nosa mobilidade (teríamos que entrar ao barrio polas Trompas, nun momento dado).

E seguimos sen saber que pasa coa Avda. de Lugo/Rodríguez de Viguri. Non sabemos que están facendo nin cal é o plan futuro.

A obra é imprescindible e quedará bonita. Ogallá funcione ben pero o certo é que a día de hoxe non temos nin garantía nin esperanza. Non imos impoñer o noso criterio, que fagan o que vexan oportuno pero con nós que non conten.

Seguiremos dialogando e intentaremos representar e dar voz ás dificultades da veciñanza coa obra e no futuro, faremos un seguimento da obra e recolleremos as vosas inquedanzas pero non é o noso proxecto.

Así que para as dúbidas do día a día, asuntos concretos e amosar o voso enfado ou acordo co proxecto xeral e a marcha das obras en particular, teredes que dirixirvos á caseta informativa que montarán (pola nosa insistencia) e ao concelleiro responsable de obras (tendes o seu mail na web do Concello).

 

Comments closed.