03. Maio 2020 · Comentarios desactivados en Unha oportunidade para un novo tempo · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Vai xa máis dun mes que a epidemia interrompeu as nosas vidas e que, nun exercicio de responsabilidade persoal e comunitaria, todos e todas nos recollimos nas casas ou cumprimos co noso deber profesional. Buscabamos protexer a saúde das persoas máis vulnerables, das nosas persoas maiores, das que teñen doenzas crónicas e das que traballaron para manter a nosa saúde, sustento e seguridade.

Foi un esforzo enorme que deixará pegada non só nos nosos hábitos persoais e sociais senón tamén nas nosas vidas e en moitos sectores económicos. O comercio, a cultura, os servizos e mesmo o turismo son o sustento de moitas das nosas veciñas e veciños así que vivimos nestes días moito desasosego pois a vida continúa pero con moita incertidume. Neste sentido, esta crise está afectándonos a todas pero especialmente ás persoas máis vulnerables do noso barrio e as que as medidas peche e confinamento deixaron sen ingresos e ás que xa tiñan unha situación precaria pero tamén a persoas despedidas, as desempregadas ou as que non tiñan contrato e traballaban na economía sumerxida.

Hoxe albiscamos o final deste tempo arredados das rúas; foron días dedicados a traballar desde a casa, a coidarnos e reagruparnos, a xestionar emocións difíciles pero tamén de practicar un espírito de comunidade e resiliencia que nin sabíamos que tiñamos en nos, como persoas e como barrio.

E así, en positivo sairemos desta.

Queremos compartir con vós as nosas esperanzas para este tempo que comeza no que haberá moito que facer pero que serán ilusionantes porque todo mudou, tamén o noso corazón e a nosa perspectiva do mundo. E o facemos públicamente porque nos gustaría que os cargos públicos que eliximos as coñezan porque se a súa obriga é gobernarnos a nosa é expresarnos, propoñer e, cando é posible, convencer.

Gustaríanos contribuír a facer do noso barrio e cidade unha comunidade preocupada polas persoas, onde as persoas vulnerables teñan os apoios que precisan, onde todos e todas teñamos unha vivenda digna (e non alugueiros desbocados ditados pola especulación), onde unha renda garantida reparta a riqueza e onde os recursos colectivos estean ao servizo da cidadanía (patrimonio, rúas ou orzamentos públicos). No podemos volver a pagar as mesmas de sempre, non queremos -nin moralmente debemos- deixar a ninguén atrás.

Gustaríanos que se repensara o monocultivo turístico ese que deixa ao noso barrio como espazo para peregrinos e xentes que veñen a Compostela como poderían ir a outro sitio, que nos expulsa das nosas casas e das nosas rúas; todo a cambio de taxas mínimas e xornais de miseria.

Queremos unha cidade rodeada por un agro sostible que nos abasteza dos nosos alimentos de sempre, sans, ricos e saudables, con comercios de proximidade que dan vida as nosas rúas e apoio e servizo aos nosas persoas maiores ou cunha política atenta a desenvolver o gran tesouro económico da nosa cidade, a Cultura que non só entretén e cultiva senón que é xa un sector moi relevante na economía e vida de Compostela. Queremos unha atención sanitaria ben dotada e uns servizos sociais e de base que non sexan caridade senón un dereito e un instrumento para a igualdade e equidade.

Pensamos que é o momento de mudar as cousas. De que a cidade e o seu goberno, a reflexión e a vida de cada día, sexa máis incluínte e participativa. O concello ten que abrirse á veciñanza (organizada ou non) ás súas necesidades e propostas para o futuro; só así esta dificultade volverase unha oportunidade para recuperarnos e construír futuro para Compostela.

Pero nós, amigos e amigas, tamén temos que implicarnos e comprometernos coa cidade, coas nosas veciñas e veciños, os seus comercios, as súas dificultades á hora de pagar facturas ou traballar, ao conciliar o traballo e os coidados, ao mirar polas persoas vulnerables ou, como corresponde ao tempo, truncar a cadea de contaxios do virus.

O mañá depende de todos e todas asi que está na nosa man facer desta dificultade un reto exitoso para nós, o noso barrio e a nosa cidade.

Este é o desafío que vos lanzamos, como veciños e veciñas de San Pedro, pero tamén ao resto da cidade e mesmo ao noso goberno municipal.

Comments closed.