Como podedes aprezar, esta intervención continúa o seu progreso. A última reunión que sobre ela tivemos foi a finais de abril. Como ven sendo habitual, pouco nos aclararon sobre o resultado final, ainda que agora as cousas parecen máis claras. Con todo, dado que continúa sendo unha intervención pensada desde fóra do barrio, as nosas dúbidas sobre ela permanecen; tamén estamos bastante defraudadas porque non haxa medidas que palíen o impacto no tecido comercial da obra, hoxe e no futuro ou respostas claras ás cuestións sobre a mobilidade que unha e outra vez se plantexan.
Non está presente o concelleiro de Mobilidade así que non se pode tratar de organizar doutro xeito os desvíos do tráfico ocasionados por esta obra e pola da Avda. De Lugo; tomaron nota.
Nesta reunión estiveron presentes o concelleiro responsable (Javier Fernández), o arquitecto autor do proxecto (Eduardo Cruz) e dous técnicos que levan a obra pola parte do Concello. Comentamoslles a necesidade de mellorar substancialmente 2 aspectos dos traballos en marcha:
- a comunicación dos cambios na mobilidade, cortes de auga etc., que ten que mellorarse.
- A seguridade dos veciños e veciños que por alí pasan pois vemos día si e día tamén riscos cos valados, as máquinas traballando coa xente polo medio, o xeito no que queda todo na fin de semana…
Quedaron en miralo.
Prazos: contan comezar a pavimentar a primeiros de xullo o primeiro tramo (Avda de Lugo-Triacastela), facer en agosto o resto e queren rematar o 31 de setembro, como se anunciou recentemente;
Presentaronnos os novos planos, que son mais concretos que os que viramos até o de agora. Neles vemos que:
- as beirarrúas repartense cunha maior simetría.
- Na beirarrúa par será máis ampla para situar nela unha parte importante do aparcamento, os servizos e zonas de convivencia
- a calzada terá un ancho de 6 metros e manterá o dobre sentido de circulación
- Polo que parece abrir a rúa deu para moitas sorpresas (ademáis do da liña eléctrica de media tensión) e o chan non é tan filtrante como se pensaba (!!?) así que as beirarrúas irán rematadas nunha especie de canle para facilitar a saída das augas de choiva.
- As árbores irán en grupos, de 3 en 3 metros, cada 20m, alternando zonas de contedores, árbores e zonas de carga/descarga e aparcamento.
- As árbores terán unhas dimensións máximas de até 10 metros ao cabo de 20 anos e estarán tratadas para que as raices teñan un crecemento controlado. Seica serán como as colocadas no inicio da rúa Fonte dos Concheiros.
- O aparcamento será en batería para os coches e en liña para carga e descarga (polo tamaño dos camións!)
- O alumeado da rúa será en catenarias con báculos de 6 metros e puntos de luz cada 10m. (solicitamos que sexa suficiente pero dentro das normativas que buscan evitar a contaminación lumínica)
- Plantéxase unha zona de convivencia con pavimento diferente (tipo cruce de Montero Rios) para cortar visualmente a rúa e contribuir a pacificar o tráfico. Irá situada diante do ascensor da rúa Triacastela.
- A zona diante do supermercado DIA quedará como rúa de saida (como agora). Vaise reformular un pouco a zona, ampliando a beirarrúa.
- A praza do Cruceiro concibese como espazo de uso peonil; a fonte será trasladada a onde agora está a cabina telefónica, onde haberá un pequeno espazo de descanso.
- Haberá varias illas de residuos ao longo da zona, unha delas na zona do supermercado DIA
Temos falado xa tanto deste proxecto que escusamos aburrirvos coa nosa opinión sobre el en xeral e sobre algunha destas cousas en particular.
Non sabemos nada (ou case) do proxecto do aparcamento da rúa Triacastela e o acceso por Concheiros; non sabemos nada sobre a futura mobilidade na zona. Tomaron nota sobre as queixas do dispositivo actual da obra, sobre todo no referido ao abuso da Costa do Vedor que está totalmente destruida.