Seguindo a norma de transparencia que guía o noso traballo e entendendo que este comunicado pode ser de interese xeral, compartimos con vós a mensaxe que a Xunta Directiva acaba de enviar ás socias e socios da nosa entidade:
Benqueridas socias e socios,
o pasado venres dia 3 de setembro ás 13.56 saiu un correo electrónico do Concello convidando a esta directiva a ter unha reunión este martes pasado ás 10 da mañá co concelleiro responsable e o equipo de técnicos da obra de Concheiros. Os temas a tratar serían algúns relacionados coa obra en Concheiros que non se especifican e decidir sobre o acabado asfaltado desa rúa; adxuntan 2 fotos para que nos fagamos idea da aparencia.
Non imos entrar agora na falta de respecto que supón convidarnos con tan pouca antelación para un encontro que ten lugar durante a nosa xornada laboral, porque isto ven sendo así case desde o principio pero visto que nos resultaba imposible asistir mudaron a cita para o próximo mércores día 15. De cara a ela, queremos comunicarvos o seguinte:
- Vimos de comunicar ao departamento correspondente a nosa dispoñibilidade para a nova cita (mércores pola mañá)
- Despois de pensalo e falalo entre nós, a Xunta Directiva decidiu acudir a ese encontro pero que en NINGÚN CASO as persoas asistentes no noso nome avaliarán, discutirán ou negociarán nada que teña que ver co acabado da rúa. Rexeitamos o uso de asfalto (ou formigón bituminoso que é o nome técnico) nesta contorna patrimonial así que entendemos que se non nos consultaron para aceptar este material (de feito, para case nada deste proxecto), non temos porque colaborar nunha toma de decisións que só sirve para branquear o autoritarismo con que se manexa todo este proxecto.
Ou o que é o mesmo, se non aceptaron a nosa opinión non temos porque ir agora a elixir entre Guatemala e Guatepeor.
Pensamos que con esta decisión recollemos o voso sentir arredor desta cuestión e agardamos que sirva para visibilizar os modos errados, antigos e autoritarios con que esta administración goberna a nosa cidade.
Xa para rematar, queremos lembrarvos os motivos polos que rexeitamos o emprego de asfalto nesta rúa:
- porque o acordo chegado co alcalde sr. Bugallo no verán de 2020 era que o acabado sería en formigón (como nalgunhas zonas de Belvís)
- e sobre todo porque nunha rúa na que todos os edificios (mesmo os da década de 1990) están sometidos a limitacións en canto acabados exteriores (materiais, cores…) vinculadas ao carácter patrimonial da zona e á súa pertenza ao Camiño de Santiago, entendemos que é un desprezo á veciñanza empregar un material que non respecta esa contorna na súa aparencia. Entendemos que o concello debe ser exemplarizante e cando menos gardar as formas pois iso é o que pide á veciñanza cando vai a obter permisos para renovar fachadas ou rehabilitar edificios.
- Non entramos a avaliar as calidades, conveniencia, vantaxes… nós falamos do que acordamos e de dar exemplo. Non pedimos -de feito parecenos pouco necesaria- a lousa de granito pero hai materiais dabondo onde elixir sen ter que insultar a veciñanza.
O respecto ao patrimonio pasa porque a xente entenda e vexa necesarias estas limitacións que lles son impostas e a administración niso debe ser pedagóxica e debe dar exemplo. O óptimo sería que os nosos gobernantes e técnicos entenderan tamén que estas nosas rúas son patrimoniais pero tamén son o escenario da nosa vida, aínda que niso queda moito por facer.
En todo caso, tomando decisións arbitrarias e non consensuadas sobre as nosas rúas e fogares só desprestixiamos as institucións e destruimos os valores do patrimonio herdado.
E nós niso non imos colaborar. Confiamos ter recollido o voso sentir a este respecto e así o transmitiremos.
Finalmente, pregamos a aquelas persoas que teñan acceso aos medios de comunicación dixital que axuden a difundir os avisos sobre cortes de rúa e todo iso vinculado á obra, dado que a información que ofrece o concello e a empresa é manifestamente escasa e tardía. Temos que mirar especialmente por esas persoas que teñen dificultade de manexo nos medios dixitais, xa que son sistemáticamente esquecidas polo Concello. Grazas.
Que teñades unha boa fin de semana
A Xunta DirectivaP.S. Estamos preparando o programa de actividades para o curso; estará nas liñas xerais do ano pasado e debería estar listo na última semana de mes.