Este mércores, 15 de decembro, tivemos reunión co concelleiro delegado de Participación Cidadá e CSC e co delegado de Barrios. Foi o noso primeiro contacto repousado co novo equipo de goberno. Comentamos un pouco por enriba a problemática xeral do barrio e entramos en detalle sobre a necesidade de axilizar algúns asuntos, moi especialmente rematar as obras da rúa de Betanzos e dar inicio ás de Quiroga Palacios.

Estas dúas rúas -xunto co que queda da zona de Belvís e toda a contorna de Quiroga Palacios- son unha antiga reivindicación desta asociación que, polas afirmacións do concelleiro delegado -Sr. De la Fuente-, pronto se fará realidade. Na rúa de Betanzos finalmente se arranxará tamén a beirarrúa da dereita -algo que quedara pendente co anterior equipo-; Quiroga Palacios será encomendada á Brigada de Obras en canto rematen no Campus Universitario.

Tamén se comprometeron a dar unha solución á rúa de San Pedro preparando un proxecto de remodelación; esta asociación suxeríu que, ademáis do proxecto técnico, comece a estudarse xa unha redución significativa do tráfico que soporta esa rúa. En caso contrario, todos os esforzos e investimentos caeran en saco roto en pouco tempo. Todos acordamos en que era algo necesario.

Falamos así mesmo da difícil situación económica -xeral á toda a administración- da Rede de Centros Socioculturais; con todo, o concelleiro responsable -o sr. Noya- manifestou a súa intención de manter e fortalecer aqueles centros con uso e actividade.

You must be logged in to leave a reply.