24. Abril 2018 · Comentarios desactivados en O Día do Maio, benvida primavera · Categories: Actividades, O Barrio

Como ben podedes aprezar, xa está aquí a Primavera.

Ímos recibila e celebrala como merece, cunha xornada de vida na rúa, de pasalo ben coas amigas e amigos, de risas e cantigas.

Ese día será o 5 de maio.

Ese día, a praciña do inicio da Corredoira das Fraguas onde está o supermercado Día será a Praza do Maio. Alí construiremos o noso maio, todas e todos, ao longo da xornada.

O plan preparado pola Comisión de Festas é o seguinte:

  • 11h: Comezamos a construción do maio
    • Saida á recoller pampullos e fiuncho. Organizar os grupos de traballo, a carpa… Empezamos a coser.
  • 13h: Actuación das pandereteiras da AV A Xuntanza
  • 15h: xantar popular: Faremos da Praza do Maio un espazo gastronómico distinto
    • Trae a túa comida.
  • 16.30-18.30: Xoguetoloxía da man de Xandobela
    • xoga e aprende a facer xoguetes e enredos.
  • 17h: Foliada con Habelas Hainas e Amig@s.
    • Ven facer a festa con nós!
  • Peche de xornada a partir das 19.30
    • Chocolatada

Como xa sabemos que vai saber a pouco, temos 2 propostas previas:

  • 29 de abril: As herbas e plantas dos Maios: roteiro interpretativo.

Sairemos as 10.30 da Cruz de San Pedro e faremos unha andaina duns 7 kms apta para grandes e pequenas e coñeceremos as herbas e flores que encarnan a primavera e que estarán no noso maio. Pasaremos ás 11h polo Carme de Abaixo (para quen quera incorporarse nese lugar).

  • 3 e 4 de maio: saidas a recoller fiunchos e pampullos.

dúas quendas cada día: 17 e 19h. Punto de encontro: Cruz de San Pedro.

Sabemos que o Día dos Maios será unha gran festa e que por fin quitaremos de enriba toda esta humidade e invernía asi que convidamosvos a que vos acheguedes durante toda a xornada, para pasar o día ou para estar un ratiño, a traballar ou a acompañar. Para que o barrio, todos e todas, deamos á Primavera a benvida que merece.

Comments closed.