12. Xuño 2015 · Comentarios desactivados en Día do Barrio 2015, algúns problemas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

A solicitude de autorización para a celebración dalgunhas das actividades do Día do Barrio xa ten resposta. É negativa -é dicir non podemos facer– as seguintes:

  • instalación da mostra de Urban knitting (si, isto da foto)
  • pintado con tiza ou pintura perecedoira de xogos para viandantes nas prazas
  • pintado con tiza ou pintura perecedoira de xogos e divertimentos para cativ@s nas beirarrúas de Quiroga Palacios (esas que se van reformar xa)

Denegaronse tamén outras dúas actividades máis inocuas:

  • instalación na zona da Churrería dun sinal  de cartón que advertise aos ciclistas que se baixan por San Pedro, terán que facelo a pe. Hai anos que pedimos un sinal oficial e esta intervención era unha forma de seguir reclamando e sensibilizar sobre o asunto.
  • Repintado das varandas dos patíns da Costa do Vedor, para mellorar o aspecto da rúa. É o terceiro ano que queríamos intentar isto (temos a pintura comprada daquela, o permiso da veciñanza)

Todas estas actividades foron autorizadas en anos anteriores sen que houbese problema algún.

O Día do Barrio ao contrario do que pensa moita xente, non é un día de festa, senón unha xornada na que todos e todas facemos algo para que o noso barrio sexa un lugar mellor no que vivir; traballo comunitario, espírito construtivo e construción social na súa mellor expresión. É unha actividade de fondo contido educativo e social: implicar á veciñanza no respecto e coidado dos nosos espazos públicos e na solidariedade coas personas que viven canda nós e teñen dificultades.

Entendemos, e esa é a idea chave promotora da actividade, que todos e todas temos que ter unha actitude proactiva a respecto do barrio e a súa xente e que nin é bo nin conveniente agardar cos brazos cruzados a que alguén solucione os nosos problemas. Nós somos a primeira pedra da construción dun barrio diferente e mellor para todos e todas.

Así as cousas, queremos expresar o noso fondo malestar e, unha vez máis, o noso rexeitamento á forma en que desde o Concello se colabora con este tipo de iniciativas. Pois non entendemos:

  • o cambio nos criterios de autorización
  • a falta de comprensión e apoio a esta actividade e a súa filosofía, que é de apoio ao traballo da administración
  • que a condición para a celebración dos distintos traballos sexa que ao acabar a actividade todo teña que quedar como estaba (?)
  • que o concello “autorice” a recollida de alimentos e material escolar, pois dado que este non é un estado policial o que se faga nos comercios (dentro dunhas marxes) non é competencia do concello

É evidente que non leron a memoria adxunta á petición que explicaba a filosofía do proxecto, as características das actividades e os obxectivos. Ou leron pero non entenderon, vai ti a saber!

En fin, mañá faremos o que se poida. Vemonos ás 10 na Cruz de San Pedro.

 

Aqui tendes o permiso, por se queredes botar unha ollada.

Nota: os gastos derivados desta actividade son a cargo da AV A Xuntanza e a veciñanza (plantas, lá para o ganchillo…) Custe para o Concello= 0€.

 

Comments closed.