08. Abril 2015 · Comentarios desactivados en Queremos unha solución responsable e segura · Categories: A Xuntanza, O Barrio

A decisión do concello de non subministrar enganches eléctricos á Feira da Primavera e outros eventos veciñais, pode xustificarse por razóns de seguridade. O que non é comprensible é que non se busque unha solución; seica é unha decisión tomada hai meses, que se fixo neste tempo? Agardar a ver se nós arranxabamos? Porqué ten que soportar o barrio tamén este gasto?

Fartas da situación, solicitamos ao Concello a implementación dunha alternativa viable e segura. Tamén entregamos, para o Sr. Alcalde, este escrito:

Benquerido alcalde,

Chegado o mes de marzo, o Barrio de San Pedro prepara a súa Feira da Primavera, as Festas e os distintos eventos que ata o verán dinamizarán a nosa vida social e comercial. Son actividades ben complicadas que saen adiante polo empeño das entidades do barrio e polo esforzo e compromiso dun cento de persoas que traballan voluntariamente e da veciñanza e empresariado que as apoian en todo aquelo que podan precisar. Todos e todas traballamos a reo porque entendemos que é bo para a nosa pequena comunidade desenvolver todas estas actividades pois nos fortalecen como barrio, nos dinamizan como colectivo e dan un apoio especial aos nosos negocios.

Desde sempre pode dicirse que o apoio municipal a estas iniciativas é morno, entendemos que polos “problemas” que ocasionan, salvando á honrosa excepción dos departamentos relacionados coa Promoción Económica. Cada enganche eléctrico, cada peche de rúa, cada ocupación de espazo é algo que tivo que ser pedido e negociado, case rogado e arrincado, como se o barrio estivera organizando algunha cousa clandestina e nos deran o consentimento de tapadillo.

O barrio organiza e financia totalmente a Feira da Primavera, o Mercado do Caracol e mesmo as Festas e estes son eventos que congregan a milleiros de persoas do barrio, da cidade e mesmo de fóra. Non era a nosa intención pero a verdade é esa, e con xenerosidade acollemos a aqueles que -veñan de onde veñan- se achegan aos nosos eventos. O noso barrio, pero tamén a cidade, se beneficia, e moito, dese traballo desinteresado e do esforzo económico.

Sí, esas sardiñas que tanto gostan aos turistas que visitan a nosa cacharela saen do noso peto (neste caso do xa maltreito da Xuntanza) e tamén o pan e a area, pois o Concello só pon a limpeza, as vallas (sempre escasas) e o punto de luz. E non pasa nada, xa que entendemos que os cartos públicos non son para esas cousas, aínda que as cacharelas veciñais sexan un evento cultural e turístico fundamental no calendario da cidade.

O que non entendemos é que non haxa un apoio decidido e efectivo a estas e outras iniciativas. Seguramente noutros barrios pasará o mesmo pero aquí non pode dicirse que non sexamos ben mandados: que deixaron moito lixo na Festa da Primavera do ano pasado, implantamos os ecovasos; que en Concheiros hai tantísimos coches que a grúa tería que comezar pola noite a sacalos para que se poda facer a feira, nós temos reténs toda a tarde para que ninguén vaia aparcando; que hai que sinalizar os itinerarios alternativos, nos buscamos quen poña as sinais; que hai que organizar o tráfico na Cruz para facer a cacharela, alí estamos toda a tarde…

Que obtiñamos a cambio? A posibilidade de desenvolver un proxecto colectivo no que todo o barrio está implicado e do que, ao cabo, toda a cidade se beneficia. Pero para nós, a veciñanza e os nosos negocios son o fundamental; traballamos para eles porque compartimos un compromiso de futuro.

Agora o Concello non vai facilitar os puntos de conexión eléctrica pois seica son inseguros (non será porque non o teñamos avisado). Non seremos nós quen force a ninguén a tomar unha decisión ilegal ou a poñer en risco a seguridade das persoas pero pensamos que si temos dereito a solicitar unha solución.

Con certa dificultade, temos que recoñecer, aceptamos ter que negociar o uso de espazos que son públicos, pois son de todos e todas pero o Concello os administra no ben da comunidade. Tamén aceptamos a necesidade de colaborar en mitigar o trastorno que ocasionan as nosas iniciativas nos servizos municipais, pois non van deixalo todo por vir a atendernos (aínda que tamén vemos que cando o evento o organiza o Concello ou está apoiado por el as cousas son distintas). Pero non comprendemos nin compartimos este desleixo cara a nos e ao noso barrio.

Seica o noso problema é que todo este lío non o organiza o Concello? Queremos pensar que non, pois nós -no noso ámbito- traballamos por unha cidade mellor.

Por isto, non entendemos que o Concello retire, sen alternativa, unha das poucas achegas efectivas como son os enganches eléctricos. Que vai ser o próximo, recoller nós o lixo?

Nós pensamos que o Concello o que debería facer é axudarnos e non poñer trabas. Que non se pode enganchar na rede do alumeado? Pois busquemos unha solución.

Nós cremos que para isto están as institucións, para apoiar ás necesidades das persoas e os colectivos cidadáns, máxime cando desenvolven iniciativas que fortalecen ás comunidades e que están pensadas no ben común. Para iso están os impostos cos que pagamos a técnicos municipais e aos nosos administradores.

Este asunto da electricidade é un problema que afectará a moitas entidades e iniciativas cidadás así que queremos chamarte a unha seria reflexión sobre as decisións tomadas e a que busques unha solución acaída para San Pedro e para as outras iniciativas de barrios e parroquias. Unha cidade viva descansa sobre as iniciativas sociais e o Concello que todos e todas sostemos co noso esforzo debería entender isto.

Comments closed.