
O barrio de San Pedro é un barrio. Pode parecer unha obviedade pero ás veces se esquece que a vida veciñal nun barrio ten como escenario as rúas, non as leiras ou as adegas das casas, senón os espazos públicos que todos e todas compartimos. Somos un barrio urbano, así que non hai campo de festa; no noso caso, tampouco hai unha praza (e a que había está hoxe colonizada polos bares autorizados polo concello).
As rúas son o corazón da nosa vida comunitaria, sen elas non existiría esa casa común que chamamos barrio. En San Pedro, como noutros barrios, isto implica que as festas, o magosto ou as cacharelas hai que armalas nas rúas, porque non hai outro espazo
A veciñanza organiza estes lugares de encontro porque manteñen vivos os lazos que nos unen como comunidade, mais nestes días de expulsión de veciñas e veciños e de invasións xentrificadoras; nos axudan a recoñecernos como barrio.
Hai persoas que levan meses traballando para que estes días de inicio do verán sexan lindos e inzados de ledicia e convivencia na cacharela e nas festas. Si, somos un barrio de xente comprometida e voluntariosa nas festas, nas anpas, na nosa propia asociación; homes e mulleres que nos agasallan coas súas ideas, tempo propio e, porque non dicilo, cartos.
Por iso doe, e moito, o desleixo do actual goberno municipal que parece non compartir os obxectivos e non respecta a xenerosidade dese voluntariado veciñal.
Se é na rúa, maiormente todo se fará tendo en contra a administración. E estamos mais que fartas, a verdade.
É un continuo pelexar por cousas básicas como a seguridade ou que son de xustiza, como son os espazos públicos. É moi lindo vir ás festas ou convidar aos turistas á nosa cacharela, a que si? Pero entre tanto…
Nós levamos anos (xa non é desta administración) loitando por que os eventos na rúa se desenvolvan en condicións de seguridade (xa non digamos unha mínima comodidade). No caso da cacharela isto é: traballar con boa luz (1 foco de reforzo polo menos), ter onde enchufar algo (normalmente unha cantina para axudar no gasto, este ano nin iso), valados suficientes para protexer á xente (arredor de 20), un punto para enganchar unha goma de auga (conseguido en 2018 despois de 10 anos reclamando) e area suficiente para protexer os pavimentos (algo que o concello garantía antes da chegada do alcalde Conde Roa).
Só queremos seguridade para quen esa noite traballa voluntariamente para o barrio e a cidade, para quen ven a cacharela e para os nosos lousados. Nós poñemos o traballo, o pan, as sardiñas, as mesas… todo pagado do peto da asociación (cunha subvención moi reducida este ano, por certo).
Tivemos unha reunión no concello esta semana por este tema e puxemos as cousas sobre a mesa: sen estas garantías que ofrezan unha seguridade mínima, decidimos non seguimos adiante coa cacharela.
Se o día 23 as 18h estas peticións non se solucionan, avaliaremos a suspensión do evento.
E tendes que sabelo.
Porqué?
Porque estamos fartas de ser nós quen se ten que preocupar da seguridade das cacharelas ou das festas. Non debería o Concello animar e colaborar nos actos que dinamizan e manteñen viva a cidade?
Non debería o Concello tratar aos barrios e parroquias en pé de igualdade, tamén nisto? Investimos como cidade (e así debe ser) en campos de festa (pavimentados e alumeados) e ofrecemos puntos de luz desde os centros socioculturais (e asi debe ser) pero que pasa con quen non ten esa posibilidade? Ou non temos dereito a facer vida comunitaria como os demais?
En calquera caso, pensamos que é obriga do concello apoiar ás iniciativas sociais, veñan de onde veñan sempre que sirvan para manter viva á nosa cidade.
Sentímonos abandonadas e moi fartas de ver como o barrio vive esmagado pola especulación coa vivenda e a xentrificación turística. De ver como a corporación mira para outro lado ante as peticións mais básicas e como o goberno en lugar de axudar a quen intenta soster a vida, responde con negativas e escusas inaceptables.
Basta xa! Se queredes abandonarnos á especulación e ao turismo, dicídeo xa e acabamos esta leria!
Se pola contra, aprezades o traballo comunitario de base, poñédevos as pilas!






Pago electrónico da cota (Paypal)