Como ben sabedes, a cuestión do modelo turístico e a súa incidencia na vida do noso barrio e na nosa comunidade, é un dos temas que nos ocupan e preocupan entre moitos motivos pola súa derivada:
- Turistificación dos nosos espazos e servizos
- Perda de vivenda residencial e expulsión das nosas veciñas e veciños por mor dun mercado saturado e cuns prezos desorbitados
- Perda de comercio de proximidade
- así como unha paulatina perda de identidade de barrio cara un esperpéntico parque de atraccións.
Para poder ter unha mirada mais ampla organizamos xunto coa AV Fonseca un acto o próximo mércores 3 de Xuño ás 19:15h no auditorio do Museo do Pobo Galego, no que contaremos coas investigadoras da Rede Galabra presentado os resultados do seu último estudo de Turismo e Comunidadedes Locais

Vai un resumo do que pretendemos aconteza nesta xornada de reflexión.
Na tarde do día 3 de xuño de 2026, a partir das 19:15 horas, investigadoras da USC e da UVigo pertencentes à Rede Galabra van presentar no auditorio do Museo do Pobo Galego resultados dos traballos que veñen desenvolvendo sobre o perfil do turista desexado pola comunidade local e o comercio, en sentido amplo e en contraste coas expectativas e actitudes dos visitantes.
Trátase de abordar os efectos culturais e identitarios do turismo en Compostela e a conexión das narrativas relativas a Santiago coas prácticas e os consumos declarados polas persoas que visitan a cidade. Colocando o foco na visión da poboación local -tanto habitantes como comerciantes- en relación aos diversos impactos da actividade turística, pártese do conxunto de respostas colectado en traballo de campo realizado en 2023.
No encontro “Pulsar o corazón da (nosa) cidade : o turismo desexado” procúrase atender, a partir do enorme banco reunido mediante aplicación de moi extensos cuestionarios (con respostas de 914 habitantes, 444 comerciantes e 1948 visitantes), a preguntas como “que esperan -ou non queren- as persoas compostelás das visitantes?”, “que desexan as persoas visitantes en relación á comunidade local?” ou “cales son, para o comercio local, as clientes preferidas?”. Trátase de abandonar as suposicións ou afastar falsos mitos e, con apoio en datos robustos, facer unha aproximación ás interaccións reais entre espazo habitado, tecido económico e demanda externa en Santiago de Compostela.
Así, a exposición de algúns dos resultados das investigacións visa contribuír para a reflexión e o debate de actualidade sobre o modelo turístico e os impactos na comunidade local, no cadro do compromiso social investigador de Galabra e en modo de transferencia do coñecemento xerado á sociedade interesada e afectada pola pesquisa.
Para iso, serán expostos -entre outros datos de interese seleccionados para a ocasión- os seguintes resultados a destacar:
– a crecente visión crítica das persoas locais con respecto ao perfil das visitantes e e ás políticas públicas ligadas ao turismo (con independencia do grao de relación familiar cos beneficios derivados dese tipo de actividade);
– o contraste entre o manifesto interese (7,6 sobre 8 puntos) das visitantes para frecuentaren espazos usados polas residentes e o marcado desinterese (3,3 puntos sobre 8) ou falta de dispoñibilidade en relación á interlocución coa poboación santiaguesa;
– a enorme distancia, en termos de satisfacción, entre 94% de persoas foráneas satisfeitas coa visita e 52% de habitantes a declararen preferencia por outro tipo de turista (que resulta ben esclarecedora do desencontro ou ‘descamiño’).
O encontro, organizado polas asociacións veciñais compostelás Fonseca, da Zona Vella, e A Xuntanza, de San Pedro, xorde na secuencia de diversas actividades desenvolvidas xunto da comunidade local e con ela pola Rede Galabra e como resultado da cooperación e traballo conxunto que a Rede vén mantendo con estas entidades.







Pago electrónico da cota (Paypal)