Xa está convocada a IV edición do Mercado do Caracol. Ese que aproveitamos para facer algo de limpeza na casa e para reutilizar cousas de outras casas.
Será o sábado día 10 de maio, de 11 a 14h, na Rúa do Home Santo
Xa sabedes cómo é: buscase pola casa aquelas cousas en bo estado e tan longo tempo arrumbadas en calquera lado e faise un paquetiño. Non hai nada como a chegada da primavera para poñer orde nese caos fogareño!!
Logo hai que ler as instrucións de uso deste singular mercado. E seguilas, claro! Poderás inscribirte ata o día 7 de maio mércores.
Xa podedes ir pensando en como organizar, amenizar e facer atractivo o voso posto e mercadoría.
Para quen se sinta libre de rémoras e non precise limpeza, para quen debeza polas gangas ou ben para quen teña sitio dabondo para gardar máis trebellos, a opción é simple. Nese sábado pola mañá, achegádevos á Rúa do Home Santo, alí atoparedes xenuinos “suvenirs” saídos das casas do barrio de San Pedro.
Lembrade, a cita é sábado 10 de maio de 11 a 14h na rúa do Home Santo.
E, xa que estamos, queremos lembrarvos que está é unha actividade veciñal pensada para dinamizar os comercios desa rúa, para pasar un bo rato e para que outros veciños e veciñas podan adquirir a bo prezo as cousas que nos sobran, asi que non se admitirán postos de establecementos comerciais (tendas vintage ou segunda mano) que non sexan da rúa.
Pago electrónico da cota (Paypal)