Hoxe tivemos unha reunión -agardamos que sexa a última sobre este tema- coa concelleira María Pardo. O tema básico foi a obra da Rúa de San Pedro, aínda que aproveitamos para deixar recado doutros asuntos (Parque da Trisca, retoques en Fraguas, etc.)

O groso da obra está prácticamente rematado, faltando únicamente un pequeño tramo preto da Virxe da Cerca. Agora queda arranxar a praza 8 de Marzo, revisar a estrutura xeral da rúa, instalar o mobiliario e preparar o dispositivo de tráfico (que non mobilidade).

Imos por partes:

Praza 8 de Marzo

  • Estase a despexar a Praza 8 de Marzo e repararáse o pavimento; pedimos tamén (hai tempo) a eliminación das barreiras (o bordillo que había nun lateral, o desnivel que había entre a rúa de San Pedro e a praza e que se fixera unha pequena rampla no paso desde a Rúa do Medio) e nisto se está xa a traballar.

  • En principio, a idea é repoñer o alumeado que había. Visto que as farolas de pé eran do ano da polca e estaban bastante oxidadas, pedimos que puxeran algo novo para que non haxa risco de caida (xa caeu unha o ano pasado), mirarán de facelo se hai orzamento.

  • Comezaron coa tala de árbores e coa poda das que quedaban; levabamos 7 anos pedindo a poda das máis altas e dos acivros (para darlles algo de forma). Algunha outra árbore foi talada pois estaba enferma e as outras tamén marcharon. Con grande mágoa, pero era necesario: hai que abrir a praza á rúa, deixar que entre o sol nas casas da praza -que moito se queixaban- e ver de recuperar na medida do posible unha “instantánea” histórica (a vista de Bonaval desde a Rúa de San Pedro). Visto que as podas de árbores neste concello son práctica ocasional e que ninguén foi quen de dicirnos se hai terra para que esas árbores medren alí (lembrade que antes houbo alí un edificio) pareceunos relevante asegurarnos e evitar riscos tanto para a veciñanza como para o cruceiro. As árbores na contorna urbana son moi importantes e desexables pero hai que mirar qué e onde se instalan.

  • Faltan por instalar os equipos de exercicio biosaudable ou como se chamen, que irán na zona próxima ao muro da rúa Aller Ulloa. Si, sabemos que non os queredes e así o dixemos; polo menos buscaron un modelo que non desentone moito na contorna.

  • Haberá tamén bancos.

O deseño da rúa

  • Como xa sabedes o que pensamos sobre a mobilidade nesta zona e no resto do barrio, non imos repetirnos. No futuro próximo a rúa de San Pedro estará dividida en calzada e beirarrúas.

  • A calzada de lastros ten o ancho xusto para o paso dos vehículos, coa idea de reducir -pola estreitura- a velocidade e dar sensación de espazo de predominancia peonil. As bandas de formigón teñen por obxecto permitir reparacións por tramos (quitase todo e volvese a poñer e volverá a fraguar firmemente); a nós esta idea parécenos o máis innovador do proxecto, aínda que está por ver que no concello aprendan o concepto de mantemento.

  • Estas estreiteces da calzada van facer que tanto a parada de autobús, como a zona de carga e descarga se fagan sobre algunhas zonas que hoxe son de pedra (nova). Este é un cambio significativo a respecto do plan inicial do que falamos, pois estas zonas serían de pavimento diferenciado (formigón). Agora resulta que irán delimitadas por bolardos (ufff!). E aquí chegamos a unha nova discordancia pois o ancho da rúa nesta zona será mínimo durante os tempos de carga e descarga, parada do bus e, se ninguén o remedia, o resto do tempo pois ninguén haberá que poña multa aos que paran (sempre 1 segundiño) nestas zonas.

  • Para dar a entender aos condutores que claramente deben minorar a velocidade, vaise facer na curva de entrada -no entroncamento con Virxe da Cerca- unha bancada sólida que estreite o paso e lles obrigue a poñer atención. Intentamos hoxe -e tamén mañá na reunión co concelleiro de mobilidade- que alí mesmo haxa un sinal que identifique a zona como de predominancia peonil e que se pinten pasos de peóns en tantos tramos de formigón como sexa posible, coa intención de reforzar a idea.

  • O famoso monolito monumento irá empotrado na bancada. E seica no piso desta vaise a instalar unha das citas literarias referidas ao camiño.

  • O banco -xardiñeira- vai na maqueta presentada pola concelleira rematada con árbores ou algo así; a nós hoxe falóusenos máis ben de flores. Insistiremos neste asunto.

O mobiliario

  • Máis alá dalgún colector de lixo -a vista, si- e dos bancos da praza 8 de marzo, o mobiliario a instalar na rúa serán principalmente bolardos e xardiñeiras.

  • Nos entendemos, e así llo pedimos á concelleira, que todo ten que ser removible, para que cando sexa necesario (Feira da Primavera, obras nunha vivenda, etc.) poda retirarse. Temos o seu compromiso de que así será.

  • Os bolardos serán do tipo “palillo”, algo máis elegantes que os anteriores e se colocarán moi próximos entre si, para que os coches non podan invadir a beirarrúa. Iso si, serán unha morea deles, porque a rúa é ben longa.

  • As xardiñeiras serán máis ben estreitas (uns 40 cm) e alternarán, onde sexa posible dos bolardos. Algunhas levarán acoplado un asento de madeira.

  • Ata aquí a cousa non pinta mal pero o problema ven cando situamos todo isto sobre as beirarrúas, concretamente a uns 10 cm cara dentro do famoso bordillo de formigón, pois aproximadamente do número 20 cara arriba non hai espazo para situar xardiñeiras ata o empalme coa Calzada de San Pedro. Xa nos chega ter gastado ese pastón para ter beirarrúas superestreitas nalgúns sitios!.

  • A isto temos que sumar os bolardos que irán delimitando os espazos de carga e descarga e parada de autobús -abaixo, a un lado-, estacionamento de minusválidos -abaixo, contra a praza- e o paso e parada para residentes (5′ max.) onde o Bar Mosquito. Unhas ringleiras de bolardos na beirarrúa delimitarán eses tramos. Abaixo quedará aprox. 1,5m entre fachada e bolardos e arriba outro tanto.

  • Abaixo irá tamén unha marquesiña -lixeira en materiais e volumes- que comerá outro anaco de beirarrúa.

  • Nin que dicir ten que esta idea de beirarrúas estreitas e ateigadas de bolardos non nos gusta nada.

Finalmente, dúas cousas importantes:

  • A data prevista para a apertura ao tráfico rodado é a primeiros de maio.

  • Nalgún momento próximo (antes do verán) haberá obras na rúa dos Basquiños que obrigarán a pechar aquela rúa e a desviar o tráfico pola rúa de San Pedro.

You must be logged in to leave a reply.