Onte tivemos unha reunión coa Concelleira de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo. O resumo, ordeado por temas é:

Obras da rúa de San Pedro

  • O retraso -máis que evidente a estas alturas- débese agora ao mal tempo. O vento e as grandes cantidades de auga dificultan a instalación do novo pavimento por canto arrastran os morteros e, xa que logo, impedirán o seu correcto fraguado. Malia aos esforzos dos traballadores, avanzarase a ritmo lento ata que o tempo se normalice un pouco.
  • A nova data de remate sitúase a finais de marzo.
  • O día despois segue sen estar claramente definido, sobre todo a respecto da mobilidade na rúa. O proxecto a día de hoxe buscará pacificar o tráfico, como xa vos contamos, creando un espazo permeable para os peóns, estreitando a calzada, etc. Aínda que non queda clarificado como se vai facer cumplir a máxima da seguridade vial “adecuación da velocidade á rúa” ou como impedir que os vehículos invadan as beirarrúas.
  • Desaparecerán da rúa os autobuses que non son de transporte urbano (escolares, turísticos,. etc) e se fará un chamado ás empresas de distribución e transporte para que respecten horarios e espazos de carga e descarga.
  • En todo caso, imos probar a paciencia dos peóns e a urbanidade dos automobilistas antes de tomar medidas extremas: haberá xardiñeiras e outro mobiliario urbano suxerindo o espazo duns e doutros e tamén vixilancia.
  • Haberá unha parada de autobus, abaixo, onde está agora e unha zona de carga e descarga alí; outra carga e descarga na rúa do Medio (onde está agora) e un pequeno espazo de “paso e parada” para residentes onde o Mosquito.
  • Arranxaranse as dúas fochancas que quedan algo mais arriba da obra e, posiblemente, o lousado da beirarrúa no entroncamento co Campo do Forno.
  • Si, seguen teimando no asunto dos aparatos de exercicio na Praza do 8 de Marzo. Seguiremos intentanto, na medida do que nos deixen, que o novo mobiliario dificulte o menos posible o uso da rúa de San Pedro e Praza 8 de Marzo para a feira da Primavera e as festas do barrio.

As nosas impresións: aínda que o asunto vai máis que retrasado polo mal tempo e polas dificultades que se presentaron, entendemos que o importante é que a obra estea ben feita; ou, cando menos o mellor posible, por canto os pavimentos de lastros non se caracterizan pola súa durabilidade e menos aínda en contextos coma este con escasa cultura de mantemento de infraestruturas e sen unha solución clara para a mobilidade e o tráfico que a rúa soporta. En principio, orientamonos cara a dar un pequeno voto de confianza aos coches e pensar que non subirán polas beirarrúas no primeiro día: as xardiñeiras irán separadas entre elas para non agobiar tanto aos peons e non crear o carril perfecto para a velocidade; pensamos non obstante que será necesario vixiar e presionar para o correcto funcionamento do día despois. Preocupanos tamén o impacto que esta nova mobilidade terá noutras zonas do barrio, especialmente no vial do Parque de Belvís que veu medrar o tráfico viario nestes tempos e non está preparado para soportar con seguridade moitos vehículos.

 

O arranxo da rúa Quiroga Palacios

A Concelleira presentounos o proxecto inicial de arranxo da rúa Quiroga Palacios, que debería licitarse e executarse neste ano. É tan necesario e foi tan prometido que case non o creeremos ata que vexamos alí as máquinas!

  • Será unha intervención máis ben superficial por canto os técnicos municipais entenden que os servizos da rúa están en bo estado.
  • Xa que logo, traballarase no espazo de beirarrúas: desaparecerán as árbores actuais que serán substituidas por outras menos voluminosas e de crecemento lento e pasarán á zona que agora é de calzada, servindo para enmarcar os tramos de aparcamento, substituiranse os pavimentos. Os materiais serán máis ou menos como os de agora.
  • A intervención abranguerá desde a rúa de Belvís asi que se arranxará a contorna do muro das monxas, refacendo a beirarrúa dese lado; a proposta inicial é ampliar a  beirarrúa  do lado do Seminario, facendo desaparecer o aparcamento.

A nosa impresión:

A primeira vista e sen ter entrado no detalle do proxecto, a mellora na rúa será evidente. Preocupanos, non obstante, a desaparición das prazas de aparcamento na zona do Seminario por canto é a bolsa de estacionamento máis proxima a moita veciñanza. A experiencia amosa que a remodelación de rúas trae consigo unha ampliación do espazo para peóns, algo necesario nun barrio como este de intensa mobilidade peonil e moito tráfico parásito, pero non é menos certo que hai un importante déficit de aparcamentos neste barrio-

Zonas moi densamente poboadas como Avda de Lugo, Concheiros, Quiroga Palacios e Home Santo non teñen outra alternativa que o estacionamento en superficie ou en zonas arredadas asi que non deberían eliminarse as bolsas de estacionamento sen un plan claro para encamiñar o problema. Non é por insistir pero se tiveramos un plan de mobilidade…

 

 

 

You must be logged in to leave a reply.