Tivemos a reunión este luns, día 11 de novembro. Estaban presentes, ademais da Concelleira María Pardo, o concelleiro Luis Meijide e dous dos técnicos implicados na obra da Rúa de San Pedro; por parte da Xuntanza, a Presidenta e o Vicepresidente.

Ao longo do encontro, foron debullándose diversos temas relativos ao barrio. Os principais foron:

Ao respecto da obra da rúa de San Pedro:

  • A reunión do outro día

Non quedaron moi claras as circunstancias da reunión do outro día na Trisca, nin porque non foron convocados en xeral os comerciantes da rúa de San Pedro. A nós únicamente se nos chamou para esta reunión da Concelleira cunha representación da Xunta Directiva.

En calquera caso, para nós é evidente que este colectivo ten que ser consultado de xeito específico por canto ninguén pode avaliar mellor que eles o impacto que os traballos poden ter nas súas vendas de Nadal. Para nós o comercio é barrio, tanto como os residentes asi que compre ter en conta a súa opinión e facer todo o posible apoialos nestes tempos tan complicados. Así o plantexamos na reunión.

Comprometeuse a concelleira e os técnicos a manter cos empresarios da rúa unha reunión específica, que terá lugar na semana do 9 de decembro e na que se decidirá a interrupción ou non das obras na quincena de Nadal.

  • Porqué tan tarde?

Porque daquela a previsión dos traballos a desenvolver será máis exacta e tanto os encargados da obra como os comerciantes terán mellor idea de como estará a zona durante o período de Nadal. A decisión ten que se facer con todos os datos posibles.

  • Como estará a rúa?

Recibimos nesta reunión, un conxunto de planos que representan o cronograma da obra (plan con fases e datas); é o programa que se seguirá -agás sorpresas- ata o remate dos traballos. Nos próximos días o colocaremos na cristaleira do noso local e aqui tendes unha copia para baixar.

Así as cousas, en principio:

  • As beirarrúas estarán rematadas de formigonar contra primeiros de decembro. Farase unha pequena habilitación dos accesos das arquetas e outras cousas que hoxe dificultan a mobilidade nas beirarrúas.
  • En paralelo e ao seguir, vaise traballar na zona central -que é onde van as acometidas principais de auga e saneamento-; logo pecharase.
  • A partir de aquí comezaría a traballarse na parte baixa, nos pavimentos definitivos, mobiliario urbano, etc.
  • A finais de febreiro debería estar todo rematado.

Ademáis:

  • Vanse arranxar as fochancas que hai un pouco máis arriba da obra
  • Seguimos sen ter clara a solución de mobilidade para o día despois. Polo que sabemos o que se está pensando é unha disposición consonte á obra; máis amable para os peóns pero sen compromiso.
  • Aínda que é evidente que non están pola labor de peonalizar a rúa ou restrinxir directamente o tráfico, tal e como nos desexaríamos, parece que atenderon a idea de apoiar o novo aire (mais peonil da rúa) con elementos que axuden a disuadir ao tráfico de paso; xa veremos como queda a cousa. Comezaremos a tratar deste asunto co concelleiro delegado de mobilidade nas próximas semanas.
  • Como ben sabedes, entre a peonalización e o que tiñamos ata o de agora hai unha variedade de solucións nas que deberíamos ir camiñando.

A respecto doutros problemas no barrio que son da súa competencia, pola orde en que nos foron explicados:

1.- O ano que ven terá lugar o derrubo da Casa da Xuventude e a conseguinte apertura do parque de Belvís.

A nós esta proposta nos parece excelente, por canto xa estivemos en contra da construción deste edificio; agora ben, non nos parece unha intervención prioritaria. Entre outras cousas porque a nosa prioridade, como ben sabedes, é o arranxo da Rúa Quiroga Palacios.

En todo caso, é unha intervención na que o goberno municipal ten interese e, sen dúbida, axudará considerablemente a poñer en valor ese espazo verde tan infrautilizado.

2.- O ano que ven tamén, segundo prometeu a concelleira, terá lugar o arranxo da rúa Quiroga Palacios que, segundo ela mesma recoñeceu está nun estado lamentable. Non se comprometeu en datas e o proxecto é tamén algo difuso pero parece que atenderá á renovación do pavimento e, posiblemente, á eliminación desas árbores. Nós insistimos en que esa obra é a nosa prioridade, por encima de calquera outra cousa.

Sería moi interesante unir este arranxo coa posta en marcha definitiva do corredor peonil ao Ensanche, pois axudaría a dar nova vida a esta rúa.

3.- Unha intervención similar terá lugar na Rúa dos Concheiros, coa idea de mellorar a aparencia da entrada do Camiño na cidade. Cambios nas beirarrúas e instalación dun novo alumeado.

Aínda que non é a nosa principal prioridade no ámbito das obras, resulta evidente que se queremos que a Rúa dos Concheiros sexa un espazo comercial que continúe a Rúa de San Pedro e enlace a zona vella coas áreas comerciais, temos que traballar en mellorar o seu aspecto. Unha zona comercial non só ten que selo senón tamén parecelo e proxectarse como un espazo cómodo para estar, convivir e comprar.

Agora ben, non é menos certo que esta rúa é a día de hoxe a artería principal de mobilidade rodada dos residentes do barrio e a súa principal zona de estacionamento (xunto coa contorna do Seminario); haberá, xa que logo, que valorar moitas cousas antes de acometer unha obra e pensar que obxectivos cubrimos con ela.

Unha vez máis botamos de menos o plan de mobilidade que levamos máis dunha década reclamando. Con el poderíamos saber mellor que facer con esta rúa, ou a Rúa de San Pedro, e mesmo Quiroga Palacios e poderíamos inserir todas estas obras e investimentos nun contexto máis amplo que nos axudara a acadar o barrio cómodo para todos e todas que queremos.

4.- Faláronse tamén outros asuntos e deuse conta dalgunhas incidencias. Fixemos entrega dun documento con todas elas. Aqui tendes o escrito e as noticias que recibimos.

You must be logged in to leave a reply.