Nestas semanas tivemos unha reunión coa concelleira María Castelao, responsable de Parques e Obras.

Ademáis de lembrarlle que a limpeza do talude das monxas e a poda das árbores das nosas rúas é algo imprescindible e que debe facerse periódicamente, que nos gustaría ter algún contedor para o lixo nas saídas dos parques ou que conviría arranxar a ruela da Tafona, o noso principal obxectivo era amosarlle a nosa proposta para o edificio que se está a rehabilitar no parque de Belvís.

Tal e como nos o vemos, esa antiga curtidoría representa unha oportunidade excepcional para poñer en valor ese espazo patrimonial singular que é este noso parque e, a un tempo, dotar nel algún servizo para os seus usuarios e, mesmo, converter a zona nun recurso que apoie ao noso tecido económico e as tarefas de conservación e rehabilitación do noso patrimonio.

Aínda que hoxe non o pareza, o certo é que esta zona foi noutro tempo algo bastante semellante ao que hoxe chamaríamos un “polígono industrial”. En efecto, o rego do Cancelón -antes chamado das Tripeiras- deu acollida durante séculos a instalacións de curtido e preparación de coiros e aos “matadoiros” que subministraban carne á cidade. Co tempo, aquelas infraestruturas ao aire libre -a cotío denunciadas por noxentas, por contaminar as augas de rego das moitas hortas e agros das proximidades ou, simplemente por afear a principal entrada da cidade- acabaron desaparecendo e trasladándose a outras zonas.

Quedaron non obstante dous testemuños ben visibles desta historia, a fábrica hoxe convertida en Centro de Interpretación Ambiental e esta que hoxe se está a rehabilitar.

Tal e como nos o vemos, este edificio ben podería acoller unha pequena mostra permanente -nada complicado, se cadra bastarían uns sinxelos paneis nas paredes- dedicada a contar esta historia e a lembrarnos a relevancia que este sector industrial tivo no pasado da nosa cidade. Ao tempo, podería centrarse na posta en valor e divulgación do artesanado -tradicional e contemporáneo- a través de mercadiños periódicos, encontros de artesáns, obradoiros para todas as edades… cousas pouco complicadas pero que dean vida ao espazo ao tempo que apoian o esforzo daqueles que hoxe teñen na artesanía a súa forma de vida (e no barrio temos unha morea artesáns).

Queremos, xa que logo, non un simple bar senón unha infraestrutura cun proxecto cultural que tamén dea servizo ao barrio pois é un recurso que debe e pode axudarnos a crear riqueza (social, cultural e económica). Evidentemente unha pequena cantina e uns servizos para os visitantes e usuaris do parque serían imprescindibles e poderían axudar ao sostemento económico do proxecto cultural.

You must be logged in to leave a reply.