Por fin temos xa a relación -case definitiva- das actividades a desenvolver no Día do Barrio. Será o sábado 2 de xuño, pola mañá a partir das 10h; os traballos rematarán contra as 14h e haberá logo -se o tempo e a autoridade o permiten- un picnic colectivo na Pza do Cruceiro.

Sinalización:

  • Colocación de sinais informativos para indicar algunhas cousiñas (o parque de Belvís, que non se pode baixar en bici pola Rúa de San Pedro, que o Cruceiro do Home Santo é ben antigo, etc.)
  • Colocación de sinais que melloran a convivencia: non pode haber cans nas zonas de xogos infantís da Trisca e Belvís

Zonas verdes:

  • Limpeza e posta en valor do talude do mosteiro de Belvís
  • Instalación dun arranxo floral na fonte nova da Calzada de San Pedro
  • Repoñer a cuberta de terra e sementar arredor dalgunhas árbores da Rúa Concheiros herbas aromáticas ou cousa parecida que as anime un pouco.
  • Limpeza das zonas axardiñadas (rúa do Medio, pza Iqbal Masih, esquina de Concheiros, escaleira de Triacastela, Bispo Teodomiro, etc.)

Etiqueta urbana: a convivencia ten normas:

  • Reparto de cartaces “etiqueta urbana” polos establecementos comerciais.
  • Elaboración e instalación de Caca -Cáns
  • Non deixes a túa pegada: intervención en Quiroga Palacios

O barrio: espazo de xogo e sociabilidade*

  • Vestir ás árbores da Praza 8 de Marzo
  • Xogar na beirarrúa: deseñar xogos para pequenos e maiores (mariola, tres en raia, etc.)
  • Un mural no Parque da Trisca

O barrio somos todos e todas:

  • Xinkana de mobilidade
  • Operación Volta ao cole: recollida de material escolar
  • Recollida de alimentos para a Cociña Económica
  • Sinalización das zonas de perigo na nova beirarrúa da Rúa de Betanzos

Un barrio bonito:

  • I mostra de Urban Knitting (xa está en marcha)
  • Repintado e arranxo dos bancos de madeira e varandas en diversas rúas
  • Facer un inventario de todo aquelo que precisa ser reparado (papeleiras, árbores, etc.)

Vestindo aos cabezudos e cabezudas do barrio

* Estas son actividades cun perfil máis lúdico para incorporar a xente miúda.

 

 Para facer estas cousas necesitaremos -ademáis de gañas de traballar e bo humor-:

  • algunhas botellas de plástico (de 1,5 ou 2 litros): en total cunhas 20-30 abondará asi que non vos emocionedes
  • bolsas de plástico comúns, preferentemente aquelas que non podades reutilizar
  • roupa vella (moi, moi vella) que poda ser cortada en tiras (algodón, pano)
  • Se tendes sementes de flores e herbas, podedes traelas
  • Se tendes material escolar en bo uso que poda servir a escolares, o recolleremos
  • So recolleremos comida nos supermercados, froiterías, etc. pois temos peticións moi concretas da Cociña Económica

 

You must be logged in to leave a reply.