Somos unha cidade pequena, universal e aberta ao mundo pero tamén somos unha pequena comunidade que se preocupa polas súas persoas e polo patrimonio herdado. Queremos coidar á xente maior e miúda, parques nos que pasear, espazos de lecer, que os comedores escolares sexan gratuitos para quen o precise, que ninguén teña que durmir ao raso en inverno, que as pistas do rural estean ben asfaltadas e limpas, que as beirarrúas estean arranxadas… Queremos tamén dar o mellor de nós no coidado das rúas, casas e bens históricos que nos foron legados polas persoas que viviron aquí antes ca nós. Queremos ser quen de acoller como merecen ás persoas que por devoción, tradición, interese ou simple turismo ven a coñecer esta Compostela que tanto amamos.
Queremos moito. Aspiramos ao mellor e non pode ser doutro xeito.
Con todo, a realidade é que Santiago é unha cidade pequena que por fin agora chegou aos 100.000 habitantes e os cartos non chegan. Por isto reclamamos hai anos que as persoas que nos visitan contribúan a pagar os gastos que xeneran.
Nós tamén facemos iso cando visitamos cidades pequenas en calquera sitio de Europa pois todas temos o mesmo problema. E tamén pagamos nas grandes capitais (Paris, Milán, Roma, Londres), sempre de peto mais folgado.
Alguén nos pode explicar porqué non podemos aspirar a dar unha mellor acollida a quen nos visita? a poder ofrecer mellores servizos? ou a coidar o patrimonio que veñen coñecer?
Alguén pode explicalo? Até o de agora non tivemos resposta.
E isto todo son teorías, diredes. Sabedes que implica no noso cotiá que da bolsa común do noso concello saquemos cartos para a acollida turística?
- Que cando hai apuro na zona turística (case sempre agora de abril a outubro), o lixo queda sen recoller en Quiroga Palacios, Home Santo e mesmo ás veces en Concheiros.
- Que non temos autobuses que suban a rúa de Betanzos ou servizo razoable na liña 13, ou para ir ao Hospital de Conxo, pero hai unha morea de buses que van ao aeroporto, porque esta xente ten que coller o avión á súa hora.
- Que non hai taxis
- Que temos servizos como o subministro de auga ou a depuración que teñen que ter maior capacidade da que nos corresponde porque ás veces hai moooita xente mais. E iso hai que pagalo.
- Que gastamos un diñeiral cada ano no arranxo das lousas do centro histórico (nos barrios históricos, non) porque enormes camións cargados de todo entran cada día para dar comidas, bebidas, roupa de cama limpa, souvenires… a toda esa xente que nos visita.
- Por non falar de obras como a do Campo de Conxo ou Concheiros feitas a maior gloria de quen nos visita ás costas das necesidades da veciñanza.
Quen pode negar a evidencia de que o turismo ten un custe directo nos servizos que recibimos? Teñen algunha idea mellor para obter os cartos que necesitamos? Non pode ser que as vacacións dunhas persoas se fagan a costa dos servizos ás persoas maiores ou as becas de material escolar. En que mundo vivimos??
A veciñanza soporta ruidos, molestias e expulsión dos seus bens mais queridos e do seu legado, mantén os servizos municipais e ten unha actitude aberta e moi hospitalaria de cara a toda esa xentiña que ven a coñecer a nosa cidade. Que mais queren? Só pedimos unha pequena contribución a cada unha desas persoas que ven a Compostela.
Pensar doutro xeito é concordar con sacar cartos do arranxo de rúas, da María Miramontes ou do saneamento do rural para darllelo aos turistas. Queremos iso? Nós, non.
Que pensamos nós?
- Queremos unha taxa turística, xa.
- Queremos un órgano transparente con participación veciñal para xestionar ese recurso. Mellor o Consello Municipal de Turismo que calquera chiringuito novo que acabará sendo algo opaco e interesado.
- Que os cartos vaian á sufragar os gastos da actividade turistica. Porque non financiar dese peto a actividade de INCOLSA, que se dedica á promoción do turismo? Custa 2 millons e pico de euros ao ano así que teriamos 2 millons para comedores, baches, centros socioculturais, festas… o que queramos. É moito.
Agardamos que mañá no Pleno a cordura sexa a opinión maioritaria.
Temos un problema severo de desequilibrio da nosa vida coa actividade turística, non o empeoremos.
Pago electrónico da cota (Paypal)