15. Xullo 2025 · Comentarios desactivados en Reunión en alcaldía (03/07) · Categories: Uncategorized

A reunión tivo lugar o xoves 3 á noitiña no Pazo de Raxoi e estiveron presentes a alcaldesa, Goretti Sanmartín e a tenente de alcaldesa María Rozas, as concelleiras e concelleiros Xan Duro, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Iago Lestegás, así como persoal técnico do departamento de obras.

Foi un encontro solicitado pola nosa asociación para repasar o estado de diversos temas de interese para o barrio. Entregouse un documento con peticións, demandas e avisos detallados correspondentes ás áreas de Mobilidade, Plan Especial e Patrimonio histórico, Parques e Xardíns, Servizos comunitarios (limpeza, alumeado), Vivenda, Turismo e Obras. Foi unha listaxe completa de asuntos; por mor do tempo dispoñible, tratáronse con detalle aqueles mais urxentes ou importantes quedando para outros encontros os considerados de menor prioridade.

Área de Mobilidade

  • Expresouse a necesidade de reformular e ampliar a zona de estacionamento residente do barrio, a revisión das tarxetas, vixilancia do cumprimento…
  • A comunicación deficiente que temos por autobús cos hospitais.
  • O repintado abusivo das prazas de aparcamento diante do Bosco.

Plan Especial

  • O maltrato reiterado ao Cruceiro da Praza 8 de Marzo por parte do Concello, das terrazas e os bares, o servizo de limpeza e a falta de concienciación nos eventos que alí se realizan. É un dos cruceiros máis antigos de Galicia e está nun estado lamentable. Volvimos a entregar o informe de avaliación do seu estado que encargamos en 2012 para ver de que fagan algo.
  • O estado lamentable e degradado que presenta esa praza non é admisible nun espazo monumental. Hai que reordeala e dignificala, se ao tempo se pode poñer en valor o cruceiro, mellor.
  • Consultamos sobre unha posible actualización do Plan Especial para adaptalo aos tempos=> estanse facendo pequenos cambios, ao fío das necesidades -como é o caso dos que se fixeron agora- pero nada mais.
  • Tamén preguntamos polo Plan de Xestión feito no tempo de Compostela Aberta, froito dun dialogo e reflexión social, que debería servir de guía para o manexo da zona histórica=> estase traballando na súa actualización, para telo á maior brevidade.
  • Solicitamos por milmillonesima vez os informes das comisións asesoras (municipal ou da Xunta) que autorizaron o asfaltado das beirarrúas de Concheiros.
  • É necesario ordenar as terrazas e controlar a concesión de licencias. Ter un negocio de hostelaría non pode implicar obrigadamente o dereito a instalar unha terraza na rúa, que é un espazo público, cando en moitos casos non se cumpren as condicións de espazo de almacenamento do mobiliario usándose de xeito constante as prazas como “almacéns”.
  • Aínda que non é deste ramo, aproveitamos para comentar co concelleiro a necesidade de emprender accións de acompañamento para que as comunidades veciñais que o precisen acometan obras de rehabilitación e accesibilidade naqueles bloques de Quiroga Palacios, Home Santo ou Avda de Lugo. Nós vemos que é un xeito de sacar ao mercado vivendas hoxe baleiras por non ter ascensor ou ser antigas; necesitamos vivendas para a veciñanza.
  • Tamén falamos da necesidade de controlar os pisos turísticos e todo iso=> están niso pero carecen de persoal suficiente para avanzar todo o rápido que queremos (nós e eles).

Servizos comunitarios

  • Recollida de lixo na Costa do Vedor: a solución que dan é a mesma que explicaron en novembro. Trátase de instalar na parte baixa da rúa un semáforo que permita que o camión baixe sen perigo (en dirección contraria); queren conectalo á rede semafórica da Avda de Lugo así que hai que facer obra. Seica van aproveitar o cambio da rexilla que hai no medio da rúa e que van facer estes días para facer o apaño.
    • Actualización a día 15 de xullo: antes de fin de mes debería estar funcionando.
  • Falamos tamén do pésimo servizo prestado pola concesionaria da limpeza: non recollida diaria (ás veces nin nas rúas principais), non varrido/baldeado das rúas, colectores cotrosos e rotos. => que van mirar de arranxar un pouco. Hai aberto un proceso de investigación á empresa para que faga o que está no contrato.
  • Tamén comentamos a indignación polo estado lamentable da praza 8 de marzo, cos colectores degradados (noxentos) na rúa de San Pedro, os outros pechados, e unha ringleira deles colocados contra o muro. Seica o problema é que na rúa de San Pedro hai moitos bares e xa que logo, moito lixo e non hai onde meter os seus residuos (que tampouco separan nin botan nun horario normalizado) => entendemos que iso non xustifica a situación da zona por canto non é a veciñanza quen sobreproduce lixo e non separa. Solicitouse recollida porta a porta para negocios como no resto da cidade histórica, sensibilización para a hostalaría e ordenación e limpeza na praza.
  • Solicitouse a instalación dun punto limpo movil nun emprazamento estable no barrio un día ao mes, claramente coñecido e sinalizado, pois non todo o mundo ten coche para subir ao Tambre, nin temos establecementos que recollan baterías e cousas así (malia a obriga que podan ter).
  • Solicitamos colectores de orgánicos para Quiroga Palacios=> Van poñer 2.
  • Explicamos tamén unha vez mais o deficiente alumeado da Avda de Lugo na zona arranxada pola Xunta e en Concheiros, así como nalgunhas zonas nas que se puxeron as novas luminarias=> van mirar e corrixir.

Parques e xardíns

  • A degradación do Parque da Trisca é tan evidente que non a negaron; tampouco a necesidade dunha intervención integral que implique non só tarefas de mantemento senón tamén de seguridade, limpeza, comodidade… A alcaldesa, sabedora da situación, comparte a nosa sensación e premura; o concelleiro simplemente dixo que o parque era un dos incluídos no novo contrato de mantemento de parques que está en adxudicación. O que quere dicir iso xa o veremos porque ese contrato é para todos os parques da cidade e non deu confirmado que se teña prevista unha intervención específica para este parque que recentemente veñen de ter limpado un grupo de familias usuarias, para vergonza de todos os departamentos competentes.
  • O parque de Belvis, malia aos pequenos arranxos recentes, está igualmente descoidado. A zona de xogos debería estar clausurada no seu estado actual por significar un risco para a seguridade das crianzas: non hai sombra (tala da figueira que sombreaba gran parte do parque infantil), mobiliario desgastado e deteriorado, a contorna das hortas a monte, non se sinaliza e non se puxo ningún dos pasamáns reiteradamente solicitados nas saidas cara a ruela das Fontiñas ou Belvís. Segundo o concelleiro está bastante ben, que xa puxeron luces e arranxaron algun muro; no resto vai á contrata de mantemento de Parques. O que ao noso ver é moi insuficiente.
  • Preguntamos tamén pola desvalorización que se fai deste parque, que é un espazo histórico e ten un plan especial propio. Preguntamos pola autorización da Comisión para plantar árbores en zona arqueolóxica (na beira do regato): non houbo resposta. E algún comentario de que nón é preciso que pase por ningunha comisión asesora a pesar de ter un plan propio.
  • Todo o de Belvís, de sempre, é penoso. Parece que quen goberna (antes e agora) só se lembra do parque para facer festas ou propoñer cousas que están fóra de lugar. Triste, a verdade.

Obras

  • Explicáronnos o detalle das obras menores que se van facer na rúa de Betanzos (na inmediación do CEIP Apóstolo Santiago) e na Costa do Vedor (substituír unha rexilla que está estragada e mete moito ruído). Solicitamos, e se comprometeu o concelleiro, en reunirse cunha representación da ANPA do Apóstolo para explicar a intervención por canto afecta aos accesos ao centro.
  • Preguntamos novamente polo estado administrativo da obra de Concheiros: agora mesmo está xudicializada. Isto quere dicir que non se pode facer nada mais que obras de mantemento e de reposición das cousas que se estragan. Como xa explicamos a este concelleiro no seu momento non ten sentido seguir metendo cartos nun proxecto que é algo fallido, que é un horror visual, climático e de seguridade; non responde a un criterio moderno nin ás necesidades do barrio.=> non agardamos mudanza de ningún tipo neste asunto, e tampouco compromiso para facerse cargo dunha solución.
  • Solicitamos nese caso que se execute a parte comprometida polo Concello e que se instale o cadro eléctrico na terraza do miradoiro da Cruz de San Pedro. Debaixo do banco de pedra está -como pode ver calquera- o sitio cos cables para poñelo. Foi un compromiso da Xunta, do alcalde Bugallo e está preinstalado xa. É imprescindible para evitar as broncas de todos os anos sobre a dispoñibilización de puntos de luz na praza da Cruz o día da cacharela para poder traballar con seguridade esa noite e para poder ter un sitio no barrio onde poder enganchar un equipiño de son calquera entidade do barrio. É unha demanda antiga (lembrades o Barrio con Luz propia?) así que queremos que se materialice xa un punto eléctrico estable e seguro.
  • No escrito entregado ía recollida á urxencia da reparación das beirarrúas de Fraguas, o corredor Rosario-Bonaval, ordenar á entrada ao colexio…

Comments closed.