31. Marzo 2025 · Comentarios desactivados en A vivenda, unha urxencia social e comunitaria · Categories: Uncategorized

Ben sabedes do difícil que é hoxe atopar unha vivenda a un prezo razoable, das subas dos alugueiros que expulsan á veciñanza, da impotencia e ansiedade por non atopar onte vivir… vivimos ou escoitamos esas experiencias todos os días.

Por este motivo, hai unhas semanas dimoslle unha volta ao tema pensando en propostas que puidesemos facer desde a propia cidade. O concello dentro das súas posibilidades e o tecido social e a veciñanza dentro das nosas para remediar ou polo menos para acompañar.

Compartimos con vós o documento que preparamos daquela e aproveitamos para convidarvos a participar na manifestación que terá lugar o próximo sábado 5 de abril:

Nos últimos anos asistimos a un incremento dos prezos de alugueiros e venta ao tempo que a unha cada vez menor oferta de vivendas residenciais nos nosos barrios. Algo que como asociación e veciñanza é unha das principais preocupacións pois impacta na participación cidadá, repercute negativamente no sostén da vida comunitaria e na humanización das nosas cidades como lugares vivos e activos. É unha preocupación que ven de vello e entendemos como ligada á crecente explotación da nosa cidade como produto (económico, turistico).

Para iso desde A Xuntanza vimos reflexionando e elaborando unha batería de achegas coas que participar do debate público sobre a Vivenda, unha problemática que nos atinxe a toda a cidadanía e da que todas debemos ser parte na procura de solucións. No noso barrio, este é un asunto primordial pois xogamos o futuro na nosa capacidade de manternos como comunidade; cada día vemos como persoas de todas as idades e condición son obrigadas a marchar. É insufrible e as medidas que se propoñen, lentas.

Por isto, queremos compartir as ideas que se nos ocurriron que poderían poñerse en marcha desde a nosa propia cidade pois no local, na nosa querida Compostela é posible avanzar noutra dirección.

Pensamos que é necesario:

  • Forxar e fornecer alianzas co tecido social e asociativo. A situación actual do acceso á vivenda é un problema grave que afecta ou afectará á veciñanza a todos os niveis.
  • Atender aos “desfiuzamentos” invisibles aos que se están a ver abocadas persoas na nosa contorna, que deben ser visibilizados e denunciados. Especialmente os que afectan a persoas cunha situación social ou económica vulnerable. As subas de alugueiro indiscriminado, a negación a reformas básicas polas persoas propietarias, a presenza no mercado de vivendas sen condicións de habitabilidade mínimas… provocan ditos “desfiuzamentos” e son tolerados polas administracións.
  • Crear unha rede clara de apoio ás persoas ameazadas de expulsión do pais: que coñezan os seus dereitos, opcións e que se lles proporcionen recursos públicos para garantir os dereitos básicos.
  • Crear apoios claros e específicos para as persoas vulnerables (familias, persoas maiores) que son expulsadas, precisan atopar vivenda ou actualizar a que habitan.
  • Planificación óptima do transporte público, tendo en conta os traxectos reais que sustentan as vidas nos barrios e faciliten o uso a tódalas persoas que os habitan. A mobilidade (ou inmobilidade) é un castigo sobre o castigo da expulsión dun barrio, da vida nunha infravivenda, da incertidume sobre o alugueiro. Non pode seguir sendo así.
  • Hai que facer un seguimento do estado actual das vivendas publicas da rúa da Ameixaga. Están todas ocupadas? Precisan algún tipo de intervención?
  • Crear vivendas en alugueiro municipal como eran as da Praza 8 M debe ser unha prioridade. Os edificios en ruina ou que precisan rehabilitación deben dispoñibilizarse con plans de acción. Nisto o Consorcio non ten que dicir?
  • Analizar o procedemento das licencias en urbanismo para axilizar e priorizar: instalación de ascensores e rehabilitación de pisos pechados. Acompañar ás comunidades que queren emprender melloras de habitabilidade e accesibilidade.
  • Sobretaxas (auga, lixo) para as vivendas baleiras.

Poden poñerse en marcha accións dirixidas á mellora, restauración e reforma das vivendas residenciais.

  • Acción decidida para rescatar vivendas en pisos altos: promover a instalación de ascensores: informar, acompañar, axudar ás comunidades e as persoas, desde o concello, como se fai no caso das ARI, en zonas con edificios dos anos 60 e 70.
  • Promover a rehabilitación de vivendas en ruína mediante convenio cos propietarios. Esta debe ser unha das liñas de traballo prioritario do Consorcio
  • Declaración de zonas de rehabilitación para os barrios e zonas que precisan actualizar o parque de vivendas (zona Quiroga Palacios, Pontepedriña, Almáciga)
  • Fusionar o proceso administrativo: licencia urbanística, permiso contedores, permiso andamios, ocupacións de rúas… Dar apoio administrativo e económico ás intervencións de rehabilitación en barrios envellecidos como o noso.

Accións relativas ás VUT

  • Establecer un mecanismo doado e confidencial para a comunicación de pisos turísticos ilegais ou situacións sospeitosas na vivenda, infravivendas, abusos… dirixido especialmente ás entidades sociais e veciñais; ten que haber un mecanismo áxil e dinámico., con seguimento e transparencia nas comunicacións.
  • Inspección das denuncias efectuadas
  • Emprender accións para que os pisos turísticos ilegais (pero tamén os legais fora de tempada) sirvan como vivenda a alugueiros breves de xente traballadora, persoal investigador, residentes ocasionais,… (Unha axencia municipal?). Compostela ten tamén necesidade deste tipo de vivendas temporais e se liberaría parque para outras necesidades mais permanentes.
  • Tamén deberían establecerse taxas específicas para elas e ter unha imposición acorde ao tipo de negocio que son e o produto que ofrecen. Son empresas e deben pagar polos servizos municipais de xeito diferenciado aos particulares.
  • Engadir nas convocatorias unha prohibición expresa a usos turísticos das subvencións públicas para rehabilitación de vivendas.

Si, algúns puntos se repiten. Agardamos que a repetición sirva para entenderse mellor e animar á acción.

Comments closed.