Aínda que temos noticias dela desde o século XVII, a Costa do Vedor e a súa veciñanza están nestes días abandonadas polo concello de Santiago.
Se cadra por ser tan antiga a rúa é estreita e con moita pendente; subir por ela é como trepar un pequeno Everest, baixala un día de choiva é ter todos os ollos no chan e encomendarse aos santos. Con todo, circulan por alí os coches; todos os do mundo, aínda que estea prohibido para a maioría. Así que ao risco de infartar ou esvarar até o Sar súmase o de ter un encontro dificil cun coche que sube a costa en marcha curta e pisando a tope (se non, alí queda).
Non é rúa separada ou illada. Está no centro do barrio; vive alí unha morea de xente e é usada todos os días por moitas mais pois é a liña mais directa para unir a zona de Quiroga Palacios e Avda de Lugo con Concheiros (Almáciga etc.). Con todo, nunca chegaron os pasamáns para facilitar a subida ou para frear un pouco a baixada; no falemos dunha remodelación que quite as chapas esvaradizas dunhas beirarrúas de menos dun metro). 🙁
Foi sacrificada durante as obras da Avda de Lugo e as de Concheiros sen contemplacións, malia as moitas advertencias nosas e da veciñanza polos riscos e pola agardable destrución dos pavimentos. Hoxe a calzada de chapacuña está estragada, constituíndo un risco evidente para peóns e vehículos.
Iso si, todo o día coches subindo; sobre todo para colexios que non están no barrio. Si, é rúa restrinxida a residentes pero tanto ten (se non es quen de facer cumprir a túa norma é coma se non existira). Cada día de 8.30 a 9 da mañá suben todos en procesión, sen problema, sen medo.
Non chegaba todo este desleixo que o noso Concello decidiu darlle unha voltiña e retirar o servizo de recollida de lixo; ese mesmo que pagamos polo feito de estar no casco urbano e ter auga da traída municipal. Ese que é indispensable para a saúde das persoas e para salubridade dos espazos urbanos.
Sen mais aviso que unha conversa casual na rúa con persoas da directiva e uns carteis nos portais, deixouse de recoller o lixo nos puntos habilitados ao longo da costa. Sen explicacións; sen deixar outra alternativa que gabear rúa arriba para deixar o lixo arriba de todo ou baixar até Quiroga Palacios e logo gabear para volver á casiña; de noite, faga boa noite ou chova (non se pode deixar lixo antes das 21h).
A veciñanza da rúa está moi enfadada e con razón. Síntese abandonada e desprezada polo goberno municipal que non é quen de cumprir as súas obrigas mínimas coa veciñanza.
Pola nosa parte, pensamos que:
- É inadmisible deixar unha rúa coma esta -con problemas de accesibilidade e con moita veciñanza envellecida- sen un servizo básico.
- O Concello debe dar explicacións por esta decisión
- O Concello debe amosar os informes técnicos que a avalan
- Se resultase que non se pode seguir facendo, o concello ten que buscar unha alternativa, como se fixo coa hostelaría na zona turística e se fai noutras zonas da cidade.
Tamén queremos lembrar ao concello que nun barrio (e cidade) en evidente crise polo impacto da turistización, o envellecemento ou a falta de vivenda, é crucial manter os servizos públicos.
Dun xeito ou doutro, ou como queiran (tanto nos ten) pero que repoñan xa o servizo de recollida de lixo