23. Marzo 2022 · Comentarios desactivados en Reunión no Dpto de Obras o 18 marzo 2022 · Categories: Uncategorized

O día 17 de Marzo, o Concello convoca de maneira urxente e de xeito precipitado unha reunión coas asociacións do barrio -tedes o noso parecer ao respecto nas nosas redes sociais-, para poder dar unha explicación de primeira man sobre as novas respecto dos posibles paros e suspensión das obras no Barrio, así como da nova situación da execución da obra de Triacastela.

O aparcamento de Triacastela

A empresa concesionaria da obra de Triacastela, ven de solicitar a renuncia da mesma por mor da situación actual de inestabilidade en prezos e subministro de materiais. Tras un intento de negociación por parte do Concello para adiar o inicio da mesma, a empresa decide non seguir adiante.

O Concello ven de comezar os trámites administrativos necesarios en relación a esta renuncia. Á pregunta de se iso supón unha nova saída a concurso da obra, a solución que presenta o Concello é que sexa a propia Brigada Municipal de Obras quen a realice. Nun primeiro momento de xeito provisional unha intervención no firme (botar zahorra e deixar o estacionamento listo) e no momento que se teñan as autorizacións pertinentes por parte de intervención e contratación proceder á realización do total do proxecto previsto.

Dende A Xuntanza insistimos na prioridade de dispor de estacionamento alternativo á gran perda deste na obra de Concheiros, que sexa accesible dende o ascensor xa que o túnel previsto pode causar sensacións de inseguridade a certas horas polas falta de iluminación. Pídese que na explanada se retiren as rochas e muros para deixar o sitio o mais despexado posible; comprométense a retirar as irregularidades no chan e incluso o muro que separa a explanada. Tamén se solicita que poñan un foco ou algunha iluminación aínda que sexa partindo desde a zona do ascensor pero que alumee en toda a zona de aparcamento. 

Os tempos que barallan para a realización desta intervención por parte da Brigada sería aproximadamente dunha semana dende o momento no que se teña o material a disposición. E de ser posible o valado inicial sería o próximo día 21 para que a veciñanza vaia retirando os vehículos estacionados.

Avisamos que non queríamos dar avisos falsos que leven a confusión así que se comprometeron a ser serios e que a obra se faga así que se dea o aviso de retirada.

Pediuse a habilitación do aparcamento da Avda de Lugo, nas dúas beirrarúas, de espazo de residentes nocturno, carga e descarga… Non pode ser, temos que falalo nós co departamento de Mobilidade.

Sobre a Obra de Concheiros

O contexto internacional, os paros de transporte e a falta de subministro de materiais pode supoñer a suspensión temporal da obra. Isto afecta directamente aos avances na mesma. Neste momento a empresa ten un expediente sancionador polo que xa a execución está fora de todos os prazos previstos; todo este lío do transporte, … van descontalo.

A idea orixinal era que estivese finalizada o mais gordo da obra a finais de Marzo, pero non vai ser posible. Non dan estimación de prazos porque neste momento non é posible facelo.

Representantes da asociación empresarial manifestan o seu descontento a este respecto xa que a motivación de adiar a este mes a campaña de Bonos Corazón viña da man de ter a rúa mais despexada e operativa para facilitar o movemento polo barrio. Neste momento continúa igual que no mes de Febreiro e o perxuizo para algúns establecementos é notorio.

En relación con isto, solicitouse que eses traballos cos lastros (adoquíns) na zona da Cruz se paren e se monten eses materiais en Concheiros entre as árbores (nas franxas de estacionamento) para que polo menos podan retirarse os valados desta zona e comecemos a ver o final desta obra. Responderon que non se pode modificar o plan de obra.

Dende A Xuntanza se lles traslada que isto ven tamén dos retrasos anteriores e se solicita que para a celebración do San Xoán e as Festas do Barrio poda estar finalizada a obra. O Concello da por suposto que para esas alturas (Xuño) xa estará todo rematado. Nós non o temos tan claro!

Paisaxismo e acondicionamento de Concheiros. O Concello non lembran que quedasen en contactar con algunha empresa de paisaxismo para buscar alternativas a escolla de especies que puxeron (comentaron que hai algunha árbore que está agora mesmo de camiño paralizada nunha estación de servizo). As representantes da Xuntanza manteñen que nunha das primeiras reunións sobre a obra foi información facilitada dende o departamento; en todo caso, sempre se dixo -por activa e por pasiva- que non queremos árbores altas que quiten o sol das casas (e visto o visto, tapen as luminarias).

Preguntamos os motivos polos que non se pode abrir o paso de vehículos de San Pedro a Concheiros xa que están accedendo dende A Angustia por riba da pedra. San Pedro está totalmente illada e supón ademais situacións de perigo en rúas paralelas, nas que moitos coches buscan alternativas (dobre sentido en rúa do Medio, circular marcha atrás en Rosario/Bonaval…) A resposta é que foi decisión do departamento de mobilidade. Non teñen resposta.

Confirman que a calzada no Torreiro (paso Fraguas-Concheiros) modificouse o plano para que poda ser dobre sentido (ou non) segundo decida a Concellería de Mobilidade. Unha parte do tránsito iría pola zona con lastros (adoquines) e a outra pola zona de pedra. O total da parte de calzada é de 5,5 ou 6 metros.

A pesar que a Xuntanza dixo que non quería lastros, hainos por esixencia da empresa que realiza as obras. Cando se negociaron os planos foi unha das condicións que puxeron, se cadra por abaratar custos. O Concello di que o lastro pode quedar perfectamente. Xa lles comentamos que no barrio temos escoitado moito iso do lastro ben posto pero que nunca o vimos nas nosas rúas. En todo caso, xusto onde se están poñendo hai unha enorme pendente van resultar algo esvaradizos.

Advírtese que na zona do cruce coa Angustia, hai xa verduxe nalgunha pedra e que a beirarrúa impar é moi incomoda para a xente con problemas de mobilidade.

Sobre Avda Lugo/ Rodriguez de Viguri.

Mentres o Concello non a reciba, é unha obra da Xunta e non teñen mais información. Non saben cando rematará nin o que falta.

Solicítase que se reforce o mantemento e limpeza do ascensor de Triacastela. Van pasar nota ao departamento correspondente -que non se sabe cal é-

Pídese por parte de representantes do sector comercial e pola Xuntanza que poñan papeleiras e bancos na Rúa de San Pedro e Concheiros, xa que se retiraron e xera moito lixo na rúa.

Sobre o estacionamento de Altiboia

O concelleiro indica que están decepcionados co pouco uso da zona verde e con que a xente non respecte as zonas verdes (coches saíndo do aparcadoiro pola zona axardinada). Dende A Xuntanza volvemos a insistir que Altiboia nunca foi unha alternativa real para o barrio é que Rodríguez de Viguri non forma parte da zona 3 polo que residentes desa rúa non teñen dispoñibilidade da zona verde de Altiboia, e agora están vendo o resultado da desaparición de estacionamentos na rúa e non dispoñen de espazo en Altiboia.

Proponse dende a Xuntanza a necesidade de bolsas de estacionamento na Avda. Lugo: coméntaselles que hai que restaurar a zona de carga e descarga na Avda. de Lugo e poñer en aparcamento nocturno para residentes do lado da Cruz Vermella para fomentar a rotación.  A zona verde é cousa da Concellería de Mobilidade; remítennos a eles para a modificación da ordenanza de residentes.

En resumo:

– Non falan moito entre eles

– Non cumpren o prometido

– Haberá mais retraso, esta vez por razóns alleas ao concello pero non hai plan para aliviar o problema que supón.

– Non entenden que esteamos mosqueados/as.

En fin, mais do de sempre.

P.S. Temos pendente unha reunión no Departamento de Mobilidade (esta semana) para revisar estas e outras cousas.

Comments closed.