Como lembraredes, a xunta directiva solicitou unha reunión con alcaldía para trasladar, unha vez mais, as inquedanzas constantes respecto da obra da rúa Concheiros; queríamos manifestar o noso malestar non só co estado da obra senón tamén sobre os traballos, a calidade, a seguridade e, sobre todo, polo incumprimento dos acordos negociados co Sr. Bugallo persoalmente, antes de iniciar a obra, sobre o acabado final (equilibrio de beirarrúas, pavimentos de formigón, aparcamento Triacastela, árbores de baixo porte e plans para reducir o impacto no sector comercial e hostalaría no noso barrio).
Non temos palabras para describir o sentimento de desamparo e decepción que nos deixou a reunión do luns día 19 de Xullo: un concelleiro no que non se pode confiar nin como persoa nin como cargo público, un equipo que deu explicacións que agora se ve que eran medias verdades (por exemplo sobre o asfalto nas beirarrúas), un departamento de mobilidade que a estas alturas sigue sen ser quen de organizar o tráfico de xeito operativo no barrio (propios e parasitos) e non fala do futuro, uns técnicos que fan o que lles mandan; un alcalde que ten un xeito antigo de entender a gobernanza resignado aos efectos secundarios da turistización en barrios como o noso (“si, é moi triste todo iso”) e deslexitimando a nosa representatividade, negando o noso coñecemento e experiencia no barrio.
Saimos sen compromiso sobre: datas de finalización (abrir a rúa ao tráfico en setembro non é rematar os traballos por moito que o concelleiro repita como mantra), axudas ao comercio, plan de mobilidade na contorna para os meses que quedan e para o futuro, plan para que as novas beirarrúas non se convertan en terrazas, avaliación do impacto comercial da nova mobilidade (rotondas na zona Rodriguez de Viguri- Avda de Lugo), mellora da seguridade para peóns durante o tempo que reste da obra, estacionamento de Triacastela e alternativas de estacionamento para o barrio…
Nós non sabemos de moitas cousas pero é evidente que dende o Concello están amosando non saber planificar unha intervención deste calado así como non ter unha previsión do impacto que unha obra destas características vai ter na vida do barrio (ausencia de estudos, informes e plans previos). E así, a apertura da obra dará inicio a outros problemas para os que non hai ideas nin propostas.
O que nos quedou claro: tendes a razón en moitas cousas, pero da igual; o que falamos das beirarrúas nada, vai asfalto; non representades a ninguén; sobre os acabados e como vai quedar a rúa, xa veremos; da seguridade, somos esaxeradas; da mobilidade (hoxe e no futuro), xa veremos…
Pedimos tamén que se ofreza a cidadanía un horizonte en positivo na forma de deseños sobre como vai quedar, plans de axudas… algo que nos permita mirar positivamente todo este proceso. E que se mellore a comunicación, xa que non é obriga da Xuntanza informar á xente ou facer de recadeira (e menos para un equipo que constantemente nos ningunea e deslexitima como representantes das nosas socias e socios). Pola conta que lles ten (eles son os mais prexudicados polo mal rollo), tomaron nota, pero non temos moita expectativa de cambio.
Como non se falou o proxecto con calma coa xente do barrio, xurdiron “sorpresas” que delatan os precarios estudos feitos con anterioridade. Unha das consecuencias é que a zona entre Triacastela e o Bar Rey quedará como está actualmente (precintada e apuntalada) 😮
Da Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri (zona urbana, lembramos): non saben/non contestan sobre os cambios deseñados dende a Xunta.
En fin, falar falamos pero diálogo non foi e moito menos escoita activa e vontade de integrar a participación veciñal.
A reflexión que nós facemos do momento actual é:
- Entendemos sempre que este proxecto non era o que precisaba esta rúa e barrio e así o deixamos claro dende o minuto cero; con todo, aceptamos para que a cidade aproveitara un investimento da Xunta, a cambio de certas condicións negociadas polo Sr. Bugallo que non están a levar a cabo.
- Sen medidas que atenúen o impacto, o proxecto pode afondar na turistización do barrio, destrución do tecido comercial, carestía na vivenda e progresivo abandono cara outras zonas máis amables. Ese é o noso medo pero non observamos esa sensibilidade, medidas para minimizalo ou intencións de cambio por parte do goberno municipal.
- O nivel de execución, a calidade e a seguridade na obra son claramente insatisfactorios. Temos a sensación de que haberá problemas máis pronto que tarde; ninguén ofrece seguridades ou garantías dos resultados.
- No mes de Agosto tiñan que estar rematados os traballos pero aínda non sabemos cal vai ser o resultado “final”, non hai proxecto definitivo para facilitar á veciñanza.
- Non cren (ou eso dín) que haxa tanto malestar como dicimos coas obras e o seu desenvolvemento.
Si, nada ten sentido. Xa o dixo o Sr. Alcalde nesa reunión: “nunca nunha obra opinou tanta xente sabia“. O triste é que, menos a veciñanza, moitas cabezas pensantes falaron pero a nós non nos fixeron nin caso.
Vistas as cousas, pedimosvos que fagades chegar tamén ao concelleiro correspondente as vosas dúbidas, queixas e propostas. Nós seguiremos facendo o noso traballo e recibindo as vosas inquedanzas, preguntas e malestar pero igual é conveniente que as cousas cheguen por dous lados para que sexan correctamente atendidas. Tendes os datos nos papeis pegados na caseta informativa e o email dos concelleiros responsables do caos no que vivimos (obras, mobilidade) na web (http://www.santiagodecompostela.gal/casa_concello/interior.php?txt=cc_concellarias&lg=gal).
Da obra da Xunta na Avda de Lugo/Rz de Viguri, nin contacto temos para pasar recados. Todos van a través do Concello e das redes sociais (conselleira Ethel Vázquez e Consellería de Infraestruturas). En todo caso, lembramosvos que o plan era inauguralas antes de fin de xullo.
Ante este desastre, desde a Xunta Directiva queremos propoñer un camiño en positivo e seguir a traballar na recuperación da nosa vida veciñal apoiando ao noso tecido comercial, gravemente danado por este despropósito. Ese continúa sendo o noso obxectivo.
Saúdos veciñais