Este pasado xoves unha representación da nosa directiva se reuniu co Alcalde para tratar da intervención da Xunta de Galicia na zona de Concheiros e Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri. No encontro mantido na semana anterior, o alcalde comprometerase a revisar a fondo o asunto, tanto nos contidos da proposta da Xunta, como nos prazos, etc.
O que nos contou foi:
- A Xunta agarda ter nos proximos días o documento base definitivo
- Que a intención da Xunta é avalialo e sacalo a licitación despois das eleccións municipais pero á maior brevidade posible.
- Que á consultora que leva o proxecto -por parte da Xunta- interesalle tamén acelerar os prazos.
- Que o obxectivo é rematar a obra en decembro de 2020 ou como moi tarde en marzo de 2021, para ter lavada a cara da rúa no momento álxido da peregrinación.
- Que a intención da Xunta -e da empresa que contratou- é levar o tema de xeito unilateral na medida do posible para que todo sexa o mais rapido posible.
Sobre iso:
- Expresou o apoio do actual goberno municipal ás demandas veciñais e se comprometeu a facer unha declaración pública a este respecto.
- Comprende as implicacións sociolóxicas e económicas da intervención e entende que deben terse en conta.
- Comparte a idea de que a obra debe mellorar a convivencia e modo de vida do barrio e non priorizar a peregrinación-camiño sobre o barrio.
- Vai presionar para que se faga unha información e exposición pública do proxecto
- Comprometese a manter o contacto arredor do tema.
O que nós vemos:
- Que o comportamento da Xunta de Galicia neste asunto é impresentable pois carece de transparencia informativa, sensibilidade cara o barrio e respecto á realidade da cidade. Levamos anos preguntando sen resposta por un proxecto que nos sacrifica para beneficio dun turismo depredador que trivializa o Camiño e os seus valores históricos.
- Agradecemos ao Concello o seu posicionamento e agardamos do grupo político do goberno municipal un apoio decidido e proactivo na defensa da nosa forma de vida e do noso barrio.
- Agradecemos tamén as conversas mantidas coas candidaturas á alcaldía do PSOE e BNG que expresaron -ante os temores da directiva- a súa insatisfacción co proxecto e dispoñibilizaron o seu apoio ás demandas veciñais.
- Parecenos aprezar en todos eles, así como en boa parte da veciñanza, un certo aire de resignación, como se fora misión imposible parar isto. É moito o que nos xogamos, así que é mellor ter as cousas claras e xuntar forzas.
Por iso:
- Queremos que alguén nos explique porqué a Xunta de Galicia pode intervir nas nosas rúas e cidade sen que o noso Concello estea de acordo.
- Queremos saber que tipo de democracia é esta na que se proxecta unha intervención desta magnitude sen contar coa opinión da veciñanza e sen interese polo seu benestar.
- Queremos saber como se pode facer un proxecto deste tipo sen estudo que avalíe o seu impacto na nosa mobilidade, no noso comercio ou na nosa forma de vida.
- Queremos que os partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais se comprometan pública e abertamente na defensa dos intereses do barrio e da cidade.
- Pedimos á veciñanza, do barrio e da cidade, que interpelen ás distintas candidaturas sobre este tema e que teñan en conta as súas respostas á hora de decidir o seu voto.
- Queremos que o conxunto da cidade reflexione sobre este tipo de intervencións, sobre a crecente turistización da zona histórica e sobre a nosa vontade colectiva de manternos neste modelo que destrúe a nosa convivencia e legado histórico.
Nós imos solicitar aos grupos políticos un posicionamento público sobre isto.