Como ben saberedes hai un proxecto en marcha, preparado pola Xunta, para renovar estas rúas, dentro do seu plan de embelecer o Camiño Francés. O último tramo desta vía de peregrinación está no noso barrio, sendo por isto que a Xunta planificou a intervención e financiará unha parte da obra, e o resto será cousa do Concello.
O Camiño de Santiago no noso Barrio.
Tradicionalmente o Camiño ven desde San Lázaro e Fonte dos Concheiros, cruzaba a rúa dos Concheiros e entroncaba pola Rúa de San Pedro cara á cidade amurallada. No século XX este itinerario pasou a ser elemento patrimonial e foi protexido polas leis para evitar a súa destrución. Dentro desa lexislación, estableceronse zonas externas que tamén deberían ser coidadas para que non quedara o Camiño ben e o resto horroroso.
No noso caso, esa zona que podemos chamar colchón é parte da Avda. De Lugo e de Rodríguez de Viguri.
Isto foi así de sempre.
Non obstante, na última delimitación, a Xunta de Galicia -co consentimento do goberno municipal do Partido Popular- dispuxo unha nova delimitación do trazado: a ruta xacobea principal cruza a Avda de Lugo, sube pola costa da rúa do Home Santo, continua pola Angustia e baixa dando a volta até a Cruz de San Pedro.
Deste xeito, o vello camiño que separaba desde a Idade Media o Agro dos Concheiros (hoxe beirarrúa impar) do Prado dos Concheiros (hoxe beirarrúa par) deixou de pertenecer ao Camiño de Santiago, despois de case mil anos sendo a principal entrada a cidade.
Nunca conseguimos saber por que se fixo ese cambio. Só despois de anos solicitando o expediente -trámites e petición da oficina do Valedor do Pobo por medio- puidemos saber que non hai informe cientifico algún que o apoie.
Ante tamaña confusión, e visto que non houbo exposición pública desa nova proposta, dimos aviso ao goberno de Compostela Aberta para que defendera a nosa historia pois nos non temos os cartos e coñecementos para facer iso. Pensabamos e pensamos que hai aquí tamén un baleiro legal.
Hasta hoxe non tivemos noticia de accións neste sentido. Así que a rúa dos Concheiros non é hoxe legalmente Camiño de Santiago. É no mellor dos casos unha vía auxiliar.
-
- Seguimos sen entender isto e ninguén nos deu uha explicación.
- Tampouco entendemos porque a Xunta intervén nunha rúa que non é Camiño e por que o Concello permite que outra administración interveña nun espazo que é seu.
- Ou, por que a Xunta non arranxa o que é seu: subida de Home Santo, Angustia (que está decente) e baixada cara o Cruceiro e a indecente beirarrúa de Rodríguez de Viguri.
A intervención que se propón
No noso barrio afecta as seguintes zonas: Cruz de San Pedro, Rúa dos Concheiros, Rotonda de Concheiros, Avda Rodriguez de Viguri e Avda de Lugo. Tamén haberá obra cara a San Lázaro.
Máis alá de “embelecer” a zona e mellorar o tráfico dos peregrinos, non se explicou en ningún momento os obxectivos da obra.
Queremos saber que é o que se busca para o noso barrio: facelo autopista de peregrinos? Mellorar a habitabilidade? Potenciar o novo eixo peonil que arma o ascensor cara Fontiñas? Dar pulo ao comercio? Mellorar a nosa mobilidade, por exemplo retirando o tráfico parasito de La Salle?
Queremos saber como se integra o novo edificio da Xunta e o remate da Rúa do Home Santo nisto
Máis alá de respostas vagas, nin a Xunta nin o Concello deron resposta a isto. Só quedou clara a mobilidade dos peregrinos e apuntes baleiros sobre a mellora do paso peonil a Fontiñas por Concheiros-Berlín. Tamén resulta evidente que hai un interese por mellorar a comunicación de dous sitios: o novo edificio da Xunta e a Cidade da Cultura, que se unirán polo Bulevar de Rodríguez de Viguri-Avda de Lugo. A nosa mobilidade quedará condicionada a elementos externos.
Os tempos
Dado que todo isto vai en relación ao arranxo do Camiño, todo ten que estar rematado en decembro de 2020. Así que, hai ano e medio para: facer o proxecto concreto e detallado das obras, sacalo a licitación, revisar as propostas das empresas e facer as obras.
Dada a magnitude do espazo de intervención, parece moi pouco tempo. Non se deron garantías de que se cumpriran prazos. Temos medo de que coas presas non se faga o que é preciso: substitución de todos os servizos, materiais da calidade inicialmente prevista… Ou sexa, de que resulte todo unha chapuza e ter que facer novas obras ao pouco.
O que se nos presentou
Despois de 2 anos pedindo información sobre estas obras, e das do edificio da Xunta, a intervención foi presentada á asociación en tres ocasións, sempre de palabra e sen entregar documentación algunha que permitira un estudo dos detalles con calma (lembrade que nós somos xente común sen estudos de arquitectura e enxeñaría):
- 26 de xullo de 2018: en chamada case de urxencia. Só puido ir unha persoa da nosa parte á reunión na que estaban responsables da Xunta, o arquitecto responsable e o concelleiro Jorge Duarte. Deusenos unha explicación superficial do documento de traballo. Á vista do que se propón e das formas, a Xunta Directiva decide seguir o rumbo coa maior transparencia neste asunto, e convocar abertos todos os encontros sobre este tema.
- 29 de outubro: á insistencia nosa convócase unha primeira reunión informativa aberta. Nela preséntase un proxecto algo máis concreto. Queda por definir -e así se pide-: a mobilidade veciñal, o impacto que as obras e a desaparición da rotonda de Concheiros terán no comercio da rúa Concheiros, a instalación dun pavimento normal e accesible e non chapacuñas e adoquíns, unha proposta clara de deseño de beirarrúas para que non se ince todo de bares e terrazas e albergues… Quedan moitas preguntas sen resposta.
- 29 de abril: novamente a petición nosa, hai unha reunión para a que a Xunta directiva solicitara a presenza dun responsable político da Xunta de Galicia con capacidade para negociara e decidir coa veciñanza. Acuden o concelleiro, o arquitecto responsable e un técnico da Xunta. Non se resolven as dúbidas sobre a mobilidade, o impacto no comercio… pero polo que din (todo sempre de palabra) unha das beirarrúas de Concheiros vai ser unha autopista de peregrinos e vai a haber como unha arboreda onde hoxe está a rotonda !!!
Á vista disto, a Xunta directiva reunida o martes 30 na súa sesión ordinaria, decidiu:
- Que o documento presentado ten unha filosofía, falando da presentación das rúas etc… positiva, en canto que mellora os espazos e a habitabilidade do espazo no que intervén.
- Solicitar o proxecto completo e concreto, tal cal se vai facer porque nisto que se nos ensinou de palabra non están cousas básicas como por exemplo número de plazas de aparcamento reais, servizos que se van substituir, árbores, mobiliario (tipo e ubicación), liñas de transporte público que imos ter, marquesinas, entronque Rúa do Home Santo coa nova rotonda de Rodríguez de Viguri, etc
- Que é inadmisible a creación dunha autoestrada de peregrinos na beirarrúa par, quedando a outra como está. O camiño debe adaptarse á cidade e non a cidade ao Camiño; entendemos a necesidade de crear unidade no Camiño pero estamos falando dunha zona que é xa Camiño, de sempre. Compre non falsear a realidade histórica.
- Que ese proxecto non se insire no contexto do barrio: non hai estudo da nosa mobilidade, non hai estudo de impacto comercial, non hai proposta de detalle sobre os servizos (saneamento, auga…).
- Non se cumpren os compromisos acadados: haberá obra sen o parking de Triacastela.
- Non hai garantía de que, vistos os prazos que se manexan, a obra se faga ben, cos materiais previstos, coas árbores acaídas, co mobiliario urbano do que se fala…
- É unha proposta moi verde que precisa maduración e concreción.
- Ninguén nos explicou porque a Xunta actúa nunha zona que deixou de ser Camiño de Santiago e por que fai nela a súa vontade.
- Solicitar unha reunión co Alcalde, visto que o Concelleiro responsable está disposto a seguir con este despróposito pois o financiamento da Xunta é segundo el, a única forma de arranxar a zona.
- Nós preferimos agardar e que se faga algo con xeito que non nos condene por 20 anos e poña en perigo o noso comercio e forma de vida.
Por favor, queremos un barrio sen bonitismo e sen un futuro condicionado á turistización dos peregrinos