29. Xuño 2018 · Comentarios desactivados en Orzamentos Participativos 2019 · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Como xa saberedes está en marcha o proceso de participación para os orzamentos municipais do ano 2019. Nesta ocasión, ademáis de propoñer e apoiar propostas para a cidade, as festas ou a mocidade é o momento de repensar o barrio e facer propostas para el.

Entramos coa Almáciga na chamada zona Leste, asi que é o noso momento. Na web Compostela Decide tendes toda a información necesaria para participar no proxecto. Básicamente a cousa é asi:

  • até o día 6 de xullo: é o tempo de anotarse e presentar propostas; tamén podemos ir mirando e pensando no que presentan.
  • Do 11 ao 27 xullo: apoiamos aquelas que mais nos gustan; as mais populares serán as que pasen á seguinte fase.
  • Do 25 de setembro ao 14 de outubro: Despois de miralas, decidir a súa viabilidade e o prezo (algo que farán os técnicos municipais durante o verán), votamos e decidimos.

Como Asociación, a Xuntanza ven de presentar unha serie de propostas. Unhas para o barrio e outras para a cidade.

Para o barrio, como veredes fuximos un pouco das grandes obras, non porque non pensemos que son necesarias senón porque os cartos a investir no conxunto da zona (está tamén o barrio da Almáciga) son limitados. Pensamos que este proceso é unha boa oportinidade para facer esas cousas pequenas que fan a nosa vida mais cómoda e alegre e que é moi dificil conseguir, pois de sempre os concelleiros/as consideran que é mellor investir nas obras ou en infraestruturas.
Hoxe apostamos por accesibilidade, espazos de convivencia e algo de alegría nestas rúas que as veces son ben duras con tanta pedra sen bancos ou flores.

  • Barrio para todos e todas: instalación de sinaletica inclusiva
  • Neste barrio vimos facendo un importante esforzo por incluir a todas as persoas, calquera que sexa a súa orixe, idade ou dificultade, nas actividades e no dia a dia da nosa vida comunitaria. Tendo en conta que temos aqui asentadas algunhas entidades que especificamente traballan na inclusión dalguns colectivos, propoñemos que se instalen no barrio sinais que apoien a inclusión plena de veciños e veciñas e a súa maior comodidade no barrio. Sería sinalética para as persoas con transtornos do espectro autista, dificultades visuais e de accesibilidade…
    O deseño das actuacións e contido da sinalética debería facerse dun xeito aberto ao barrio e a estas entidades, de xeito que o proceso de preparación sirva tamén para proporcionar espazos de inclusión e visibilización.
    Falamos, por exemplo, de:
    • pictogramas para persoas do espectro autista
    • planimetrías do barrio para persoas invidentes en puntos estratéxicos
    • Sinalización vertical e peonil de puntos clave (farmacia, centro de saude, escolas)
    • Información adaptada a todo tipo de públicos (en tamaño de letra, altura, en braille…) sobre transporte público…
  • As rúas son para vivilas: creación de 3 espazos de convivencia

É unha evidencia que dúas das nosas marquesinas de paradas de autobús son usadas pola veciñanza como espazo de socialización. Son as de Quiroga Palacios e a que hai en Concheiros preto da Cruz de San Pedro. Malia que son incómodas sirven cada día como punto de encontro entre veciños e veciñas de todas as edades.

Gustaríanos que se marcara a parada de autobus cun poste indicativo e que esas marquesinas foran retiradas e substituidas por estruturas máis amables e cálidas (madeira, cristal, mesmo algun arranxo floral) nos que a xente estea máis cómoda e se sinta máis acollida. Serían estruturas de convivencia non estritamente relacionadas co transporte público; algo así, aínda que máis cálido.

Propoñemos tamén a súa instalación nun novo espazo: en Rodríguez de Viguri, no encontro con Home Santo, preto da parada de autobus, onde agora hai uns cotedores de lixo.

Pensamos que necesitamos humanizar as nosas rúas e prazas, crear nelas espazos nos que descansar, sentarse a falar ou onde podan xogar nenos e nenas. Temos no barrio un montón de recunchos que ben servirían para isto e que hoxe son sitios un tanto abandonados ou tristes ou que aínda sendo moi vividos, están bastante estragados. Por exemplo: o recuncho da Fonte no alto da rúa de Betanzos ou o da Fonte do Cruceiro, a praciña da Carricova, a esquina entre Quiroga Palacios e Costa do Vedor, o mirador do Seminario, esa zona ao carón dos contedores en Home Santo…

Propoñemos que se suavicen e  deixen de ser anacos de rúas ou espazos esquinados para pasar a ser praciñas ou sitios nos que estar charlando, dar a merenda as crianzas, descansar un pouco ou ler: bancos de madeira sobre a pedra, xardineiras, algunha biblioteca de rúa mesmo columpios para as crianzas máis pequenas (balancins ou minitobogans). Cousas deste tipo ou deste.

Deseñar e sinalizar axeitadamente 2 itinerarios pola rúa e polos parques desta zona que orienten á veciñanza que sae camiñar para facer exercicio. Un sería un pequeno circuito de 1km circular e plenamente accesible (sen obstáculos, con varandas, mais ou menos chan e co piso accesible). O outro conectaría con este e comprendería en total 3 km.

Poderíamos incluir o barrio da Almaciga, de xeito que cada barrio teña o seu de 1km e outro de 3 que unira os dous.

 

Para a cidade, parecenos que estamos no tempo de pedir dúas cousas ben interesantes para o Parque de Belvís:

Ese recuncho un tanto abandonado sería un lugar perfecto para esta actividade, tamén para unha instalación que cun custe moi baixo podería servir ás entidades orientadas á divulgación desta tradición para organizar actividades. É un sitio perfecto para isto pola súa centralidade na cidade.
Os xogos tradicionais teñen gran arraigo na cidade e merecen ter un espazo específico para a súa divulgación e práctica.

    Esta rúa e o seu acceso ao parque é un dos poucos exemplos que quedan de como eran os rueiros dos barrios da cidade, encaixados entre valados e casas e co pavimento de canto e pedras e terra. Por outro lado é imperioso o seu arranxo.  Pensamos que se poderían combinar as dúas cousas e mesmo unha terceira, a accesibilidade.

    A cousa sería rehabilitar a rúa nese tramo baixo e instalar sobre ela unha pasarela que permitira observar e preservar o que hai, cuns paneis explicativos, ao tempo que serviria para dotar ao parque dunha entrada accesible por esta zona.

 

Queremos pensar que estas ideas son interesantes e que serán merecedoras do voso apoio.

Comments closed.