06. Abril 2018 · Comentarios desactivados en O Plan de Xestión do Plan Especial da Cidade Histórica · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Nestes últimos tempos fálase moito da actualización do Plan Especial da Cidade Histórica e dun Plan de Xestión que debe acompañalo. Son dous documentos de gran relevancia que marcarán o futuro da Cidade Histórica e polo tanto dunha parte moi substancial do noso barrio para os anos que virán.

Todos e todas tendes unha idea aproximada do que é o Plan Especial por canto xa vivimos condicionados por el. É un documento de perfil básicamente urbanístico no que se incluen desde as prácticas relacionadas coa conservación patrimonial até os usos dos edificios e parcelas.

Algo distinto é o Plan de Xestión. Este é un documento que agora é requirimento dos Sitios Patrimonio da Humanidade. O certo é que non hai un modelo claro sobre o que debe ser e cada cidade e sitio Unesco formula esta obriga ao seu xeito. Nós entendemos que é a un tempo unha declaración de intencións, un plan estratéxico e unha filosofía coa que administrar o Plan Especial e o territorio ao que se refire.

Pero nos non mandamos nin somos xente experta nisto, asi que xa se verá.

Porque vos contamos isto? Porque agora que está en marcha a fase pública de participación queremos ser transparentes a respecto da filosofía e propostas coas que vamos a este proceso.

Vai para dous anos que se nos convocou nunha segunda rolda de consultas. Na primeira houbo varias entidades do Casco Vello (ao parecer) pero nós non fumos convidadas.

Para esa segunda, consistente nunha entrevista cun técnico municipal, a Xunta Directiva fixo os seus deberes (estudou varios plans de xestión doutros lugares, reflexión e discusión) e levou un documento cun conxunto de ideas para o barrio e para o conxunto da cidade histórica.

É este que podedes descargar AQUI. (Si, algo longo pero é un tema ben serio)

Segundo nós vemos este asunto:

O plan de Xestión debe aspirar

  •   á igualdade das persoas (novas e maiores, de todas capacidades, de diversos orixes e necesidades), dos territorios (centro e barrios)…
  • a unha gobernanza diferente, máis transparente e democrática da cidade histórica preservando os dereitos das persoas que alí viven a unha contorna humanizada e vivible. O dereito a ter un barrio con espazos e servizos públicos e vida comunitaria é irrenunciable.
  • a deseñar e desenvolver políticas prácticas que favorezan o rexuvenecemento demográfico sen expulsar ás persoas maiores.
  • a implementar políticas de respecto e valorización do patrimonio herdado, que hoxe está banalizado, mercantilizado e desprovisto de case todos os seus valores positivos (desde o punto de vista da veciñanza da zona)

Aplicamos e achegamos propostas nestes sentidos para o conxunto da cidade histórica e para o barrio.

  • Respecto ao barrio as propostas encamiñanse ao cumprimento destes obxectivos. Para isto si que engadimos unha novidade que nos parece fundamental para nós e para o conxunto da Cidade Histórica:
  • creación dun novo perímetro do Plan Especial, un círculo externo ao actual que no caso de San Pedro chegaría até a Avda de Lugo-Rodríguez de Viguri.
  • Porque entendemos que é conveniente ter unha zona exterior aos perímetros actuais nos que podan planificarse os espazos libres e as actividades como o turismo  en función das necesidades do conxunto da zona.
  • Porque queremos ter parcelas para dotacións de servizos (aparcamentos, centros comunitarios) e queremos control dos albergues e outros establecementos que en rúas como Concheiros rouban espazo ao comercio de proximidade.

Con todo, o máis importante para nós é a GOBERNANZA porque o novo Plan Especial ten que ser xestionar dunha forma ben diferente, mas democrática, transparente e participativa; en contrario o sentimento de desposesión, incomprensión e desarraigo -que é o que leva a xente a deixar a améndoa- irá medrando nos barrios, onde xa comezan a aprezarse os primeiros síntomas de cansancio.

 

 

Comments closed.