26. Xaneiro 2018 · Comentarios desactivados en Xestións das últimas semanas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Este outono e no que vai de inverno, ademáis de ocuparnos co asunto do local, a Xunta Directiva estivo ben entretida. Estivemos presentes en diversos foros de participación, desde o Consello Municipal de Saude ou o do Programa Edusi -no que representamos ao tecido veciñal da cidade- até as mesas específicas do Plan Estratéxico de Turismo ou do Plan Especial.

Como ben sabedes, nós non somos especialistas nas diversas materias. Imos alí, simplemente a achegar a nosa experiencia e perspectiva como veciñas ou veciños desta cidade.

E imos sempre que nos chaman pois entendemos que se esiximos ás administracións o noso dereito a opinar e a que se nos escoite, a contrapartida que temos que ofrecer é asistir aos foros e espazos de participación. É un deber cívico, aínda que non sempre sexa doado compatibilizar esas reunións coas nosas vidas profesionais e persoais e dea preguiza estudar e preparar un pouco eses encontros.

Noutra orde de cousas, nestas semanas tivemos tamén unha morea de reunións no Concello e para tratar todo tipo de temas. Ás mais satisfactorias son, sen dúbida, as que cristalizaron nestes días no anuncio público dalgunhas obras relevantes no barrio, polas que levamos loitando hai moitos anos.

Hoxe anunciou o Alcalde a aprobación definitiva dos proxectos que suporán a remodelación das rúas Puente la Reina e Batalla de Clavijo. É unha intervención máis que necesaria, non só pola evidente degradación das rúas, sobre todo Batalla de Clavijo, senón polo obxectivo que temos -e que entendemos comparte o Concello- de levar a accesibilidade e comodidade a outras rúas mais alá da Rua de San Pedro. A orografía de Batalla de Clavijo clama por una solución que faga mais levadeira a pendente e que intente facer do espazo público algo máis que un aparcamento caótico.

Ao fío desta obra, falouse co concelleiro Jorge Duarte a conveniencia de facer algunha intervención específica na parte baixa de Bispo Teodomiro, pois alí hai varios edificios aos que só se accede pola escaleira que é a rúa. É imprescindible dar a esa veciñanza -que inclúe un bo número de persoas maiores- unha solución que lles permita entrar e sair das súas casas sen barreiras arquitectónicas. Nas conversas sobre o tema, acordouse buscar unha solución específica, ben coas comunidades de propietarios, ben coa construción dunha escaleira mecánica.

Ese esforzo pola accesibilidade universal está tamén presente no outro proxecto falado nestas semanas cos concelleiros responsables e que parece tomar forma despois de 10 anos reclamandoo: o ascensor da rúa Triacastela, que sairá proximamente a licitación.

Os concelleiros responsables comprometeronse a vir ao barrio a explicar con detalle á veciñanza as obras cando as licitacións estean máis avanzadas, para tratar tamén os seus pormenores (prazos, aparcamentos, servizos…)

Na última reunión co concelleiro Jorge Duarte recibimos tamén información sobre os proxectos -aínda en fase de tanteo e reflexión de propostas- da Xunta de Galicia para o Camiño Francés (neste caso o cruce coa Avda de Lugo) e do Concello para Concheiros. No caso da obra da Rotonda de Concheiros, lembramos a todos que é necesario ter presente que agora ese é a nosa principal saida, asi que ten que ser fluida para que non afecte substancialmente nin á veciñanza nin aos negocios desa zona -que viven moito de xente do NE da cidade-. No referido a Concheiros, acordamos a necesidade de crear espazos de aparcamento para residentes antes de comezar e expresamos a nosa vontade de buscar un proxecto axeitado ás caracteristicas da rúa e que preserve a súa dedicación ao comercio de barrio.

Finalmente, falamos tamén coa concelleira María Rozas sobre a posta en marcha en breve do proceso dos Orzamentos Participativos correspodente a 2018. O noso barrio -xunto coa Almáciga- entra este ano na experiencia e debatimos con ela ideas para mellorar a información e participación da veciñanza.

Na asamblea ordinaria de socios e socias correspondente a este ano, que convocaremos na xunta directiva deste mes, informaremos máis detalladamente de todos estes temas.

 

 

 

Comments closed.