27. Xaneiro 2017 · Comentarios desactivados en As da Aghulla: Proxecto colaborativo para o Día da Muller 2017 · Categories: A Xuntanza, Actividades, Vogalía da muller

Para o próximo Dia da Muller, que será como sabedes o próximo 8 de marzo, As da Aghulla asumen como desafío adornar a praza dese nome que temos no noso barrio. É dicir queren encher de cores a Praza 8 de marzo para o día 8 de Marzo. Queres colaborar?

Como ben sabedes o colectivo As da Aghulla ven traballando desde hai anos en facer do barrio un lugar máis bonito e alegre. Son un grupo de mulleres -veciñas e non veciñas, socias ou non, mozas ou maiores- que acometen conxuntamente proxectos nos que traballan ao longo do ano. O primeiro deste ano xirará arredor do Día da Muller e a praza 8 de marzo.

Aínda que moitos detalles están aínda por perfilar, está claro que:

  • queren encher a praza de cores
  • queren un proxecto aberto a quen quera participar nel, polo que haberá distintas formas de colaborar
  • Queren facer unha pequena homenaxe ás mulleres da cidade, ás nosas nais, avoas, amigas…
  • Haberá quedadas todos os luns a partir das 20h ata o 4 de marzo no Bar Rey (Concheiros) para recoller colaboracións, respostar preguntas, etc.
  • A montaxe da maior parte da decoración terá lugar o día 4 de marzo, sábado.

Os eixos principais do proxecto serán:

  • Elaborar varias mantas en ganchillo ou calceta
  • Preparar unha exposición fotográfica
  • Instalar na praza unha Biblioteca Libre

Así as cousas abren o proxecto á participación das persoas que así o desexen, do barrio ou doutra zona da cidade, asi que podedes:

  • Axudar a facer as mantas, preparando cadrados de ganchillo ou calceta de 30 x 30cm (mellor xustos que demasiado grandes), feitos de lás de calquera cor. Os luns no Rey haberá quedadas para tecer xuntas e para recoller as pezas de quen traballe en casa. O 27 de febreiro será o último día de recollida de cadrados.
  • Enviando as vosas fotografías de mulleres, das vosas nais, avoas, heroínas ou de vos mesmas, coas vosas amigas, en situacións cotiás (traballando, paseando, pasando un bo rato…). Serán impresas en tamaño A4 así que mirade que teñan calidade razoable. Poden levar un título ou explicación, que debe ser curta, xa que irá sobreimpresionada na imaxe no momento de preparala para a expo. O luns 6 de febreiro será o último día de recollida de fotos, que deben enviarse a axuntanza01@gmail.com.
  • Participar nos obradoiros que no seu momento se organizarán para preparar materiais e para a montaxe.

Pensas que este é o momento de aprender a tecer? As dúas tendas de lás do barrio ofreceren clases e asistencia ténica, están na rúa de San Pedro: Madeixas e Faino tí.

Sempre quixeches participar nestes proxectos pero non vías o momento? Esta é a túa oportunidade.

Tes unhas amigas que ganchillan? pasalles o recado e convidaas, é un proxecto aberto.

En resumo: todos os luns até o 4 de marzo, estarán as Aghullas no Bar Rey a partir das 20h para resolver as vosas dúbidas e achegas.

Colaboran con nós neste proxecto: A Concellaría de Igualdade, Madeixas, Faino tí, o Café Bar Rey.

 

 

 

 

 

Comments closed.