26. Setembro 2016 · Comentarios desactivados en II Día do Barrio en Forma · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Despois do éxito do ano pasado, temos aquí unha nova edición do Barrio en Forma, xornada do deporte na rúa. A comisión organizadora decidiu tamén que terá, para sempre, unha data fixa: o primeiro sábado de outubro; así retomamos a rutina con maior alegría.

Nesta ocasión temos moitas novidades asi que prestade atención.

A filosofía

Promover hábitos de lecer activo, coñecer mellor a oferta a este respecto do barrio, pasalo ben e dar vida á Rúa do Home Santo, que é un sitio ben chulo. En conxunto, ser un barrio máis en forma.

En forma?

Hai quen di que hai que facer exercicio e estar en forma. Pero, que é estar en forma?
Ao cabo, redonda é unha forma, e cadrada; e é que mesmo cousas como os macarróns teñen unha certa forma (si, acaracolada). Si, estamos en forma redonda, triangular e mesmo en forma atlética. Como barrio podemos ter mellor forma, persoal e colectiva.
Será o sábado 1 de outubro de 10 a 19h.

Haberá parada para xantar, alí ou na casa; tamén para repoñer folgos.

Onde?

Na rúa, que é onde facemos todas as cousas importantes neste barrio. Neste caso, na Rúa do Home Santo, que será peonil e estará despexada de coches.

Que faremos?

Investigaremos en común que é iso de “estar en forma” cun amplo programa de actividades aberto á toda a veciñanza. Poderemos practicar as nosas disciplinas favoritas ou probar cousas novas; desde logo, botaremos unhas risas e moveremos o esquelete, cada quen segundo as súas ganas e capacidade. Hai un completo programa, con moito para elixir

Concretamente?

Haberá ioga, baloncesto, brilé, volei, xogos tradicionais e de rúa, pilates, rugby, urban dance, bodycombat, taekwondo… mesmo esgrima ou danza oriental. Todo en pequenas dosis de 45 min. En breve difundiremos o programa completo.

Hai que anotarse?

Non, abonda con presentarse.Trae compañía, o exercicio en grupo é máis divertido.

Que teño que levar?

Bo humor e intención de descubrir novas propostas. Equipación deportiva (ou máis ou menos).

Algunha sorpresa?

  • Un programa máis amplo con actividades de todo tipo e acaídas a todos os públicos.
  • Novas camisolas.
  • Unha actividade sobre rodas, asi que ide preparando os vosos equipos.

Vémonos o sábado 1  a partir das 10h na rúa do Home Santo e durante todo o día ata as 19h.

Comments closed.