24. Xullo 2016 · Comentarios desactivados en Orzamentos Participativos 2016 · Categories: A Xuntanza, O Barrio

A estas alturas xa ben sabedes que somos partidarias de promover a transparencia e fórmulas de participación dos nosos socios e socias e tamén do resto da veciñanza neste complexo esforzo de facer barrio e construír un futuro mellor para a nosa pequenas comunidade. Como podemos e cos nosos precarios medios, traballamos por facer realidade este obxectivo.

Entendemos que así debería facerse a todos os niveis, nas administracións e entidades que nos gobernan e que administran os bens e servizos comúns. Por este motivo, saudamos positivamente a iniciativa do goberno municipal para poñer en marcha procesos de Orzamentos Participativos, é dicir, procesos nos que a veciñanza poderá opinar e decidir sobre o destino dos cartos que son de todos e todas.

Nós -como moitas outras asociacións de todo tipo da cidade- pertencemos ao grupo Motor, aquel que acompaña o proceso, discute as normas do xogo, etc. Asistimos xa a varias reunións e non podemos negar que houbo dialogo e debate, moitas preguntas e algunha preocupación; ao cabo, as asociacións somos como as persoas e damoslle moitas voltas as cousas cando se trata de iniciar novos camiños e temos inseguridades e nos pesa a responsabilidade.

O proceso desenvolverase en diversas fases e ao longo de varios anos nas distintas zonas da cidade, asi que temonos que preparar para cando nos chegue o momento de entrar a fondo e decidir. Entretanto a nosa implicación nos orzamentos ten dúas liñas claras: o acompañamento ao proceso a través do grupo motor e a participación nas propostas e decisións para o conxunto da cidade.

Queremos convidarvos a seguirnos, como veciñas e veciños comprometidos co barrio e a cidade, neste camiño. Queremos animarvos a presentar propostas, a acudir ás asambleas de diagnose e debate, a reflexionar sobre esta fermosa cidade que construímos cada día e a decidir sobre as cousas que poden mellorala. Coma sempre, a vosa opinión é importante e o acto de responsabilidade que implica participar e decidir fainos mellores veciños e veciñas.

Aquí tendes algúns datos importantes:

  • Na web Compostela Decide tendes a info principal sobre o proceso
  • A primeira asamblea cidadá será o xoves 28 de xullo no CSC do Ensanche ás 19.30h
  • A AV a Xuntanza está barallando propostas para presentar, aplicables ao conxunto da cidade. Serán decididas na reunión da directiva que teremos á volta das vacacións (previsiblemente o 6 de setembro). Intentaremos facelas chegar aos socios e socias antes, para enriquecelas coas súas achegas.
  • Podedes presentar as vosas propostas directamente a través da web de Compostela Decide ou nas Asambleas pero como nós (como Asociación) poderemos presentar ata 5 proxectos, se queredes facernos chegar as vosas ideas ou dúbidas, mandadenos un email a info@axuntanza.org
  • Dous exemplos de procesos en marcha noutras cidades, para ter mellor idea do asunto

Asi que aproveitade os longos e fermosos días de verán e o tempo libre que tendes para ver a cidade con outros ollos e imaxinar propostas BBB (boas, bonitas e baratas) que a melloren!

 

 

 

Comments closed.