17. Xuño 2016 · Comentarios desactivados en No camiño da pacificación e da seguridade, para o noso barrio · Categories: O Barrio, Uncategorized

Hoxe a Xunta de Goberno Local aprobou un plan que porá en marcha unha serie de cambios substanciais na mobilidade dentro do barrio. Entre as medidas que se tomarán a partir do 1 de xullo, a máis visible é a peonalización da rúa de San Pedro pero hai outras que a nós parécennos tanto ou máis importantes porque buscan dotar ás rúas adxacentes de maior seguridade e de menor tráfico rodado.

Ben sabedes como a seguridade, a comodidade da veciñanza e a redución do tráfico parásito e axitador no barrio é unha teima nosa desde hai décadas. E non podía ser doutro xeito, xa que vemos todos os días o perigo dos coches na rúa Lagartos, os riscos derivados dos que van embalados pola Calzada de San Pedro e Belvís, as vibracións e ruido que sufren as persoas que viven (e durmen) nas vivendas a nivel de rúa…

Si. Aquí ben sabemos que o problema vai máis alá da Rúa de San Pedro e que é preciso intervir no conxunto do barrio ou, cando menos na contorna inmediata a esa rúa. Por este motivo, acollemos positivamente o novo plan que, aínda que non recolle todas as nosas ambicións (o conxunto do barrio), é un grande paso na dirección axeitada. E tamén nos gusta porque foi negociado e renegociado ata que houbo o acordo que hoxe nos permite avanzar e que permitirá que sexa permanente no tempo; será avaliado e retocado no que non funcione, pero non haberá volta atrás.

Na web do Concello tendes o documento que recolle todo o plan e, resumidos, os cambios principais e planos.

Os máis relevantes son:

  • O plan comeza a funcionar o 1 de xullo e é o principio dunha transición que se quere suave e que busca a pacificación e seguridade das nosas rúas.
  • peonalización da rúa Lagartos e contorna, que quedará só para vehículos autorizados e residentes, de xeito que se elimina o tráfico parásito e perigoso desa rúa e das rúas adxacentes (Chufas, Campo do Forno, etc).
  • Peonalización da rúa de San Pedro, que quedará aberta só aos residentes e vehículos autorizados, carga e descarga no horario correspondente e unha liña de autobús que circulará cada 15/20 minutos. O resto dos buses funcionarán como no tempo das obras tendo parada -agardamos que sinalizada, por fin- en Rodríguez de Viguri preto de Concheiros.
  • Sabendo que unhas persoas viven nunha zona do barrio e teñen o garaxe noutra, que hai negocios con almacéns ben lonxe, etc. insistimos en que o acceso á rúa de San Pedro fose para o conxunto dos residentes da zona 3. Non obstante, é unha concesión provisional e que se avaliará no futuro en función do tráfico que xenere nesas rúas. Queda nas nosas máns usar este dereito de forma xuiciosa así que usadeo con moderación. Se a rúa está ateigada cos nosos coches, non valerá para nada todo isto.
  • Cambio de sentido da Corredoira das Fraguas, que agora sairá a Quiroga Palacios para evitar que, como pasou durante a obra, os coches usen esa zona como vía para ir de Virxe da Cerca a Avda. de Lugo, xerando tráfico innecesario e a velocidades inadecuadas na rúa das Trompas, no Parque e no corredor ata Concheiros. De paso evitaremos a inseguridade no acceso ao colexio Vilas Alborada e a destrución do pavimento da rúa das Fraguas.
  • Estes cambios farán desaparecer algunhas prazas de aparcamento. Por isto e para evitar coches de fóra dando voltas para aparcar, todas as prazas do perímetro Rua do Medio-Calzada de San Pedro-Fraguas serán de residentes24 h zona 3 (o paso, de ser necesario, será pola travesa de San Pedro). Tamén as que hoxe hai na Cruz e rúa de San Pedro que serán de residentes, de noite.
  • Para un mellor aproveitamento do escaso aparcamento e mellor servizo ao comercio haberá cambios nos horarios de carga e descarga da Rúa do Medio e Cruz de San Pedro, pois comezará ás 9 da mañá. Así as prazas poderán usarse tamén de noite.
  • A principios do ano que ven haberá unha reformulación das liñas de autobuses da cidade; incluirá a posta en marcha dunha liña, chamada polo de agora Liña Cero, que será servida por un bus pequeno e eléctrico e reforzará o servizo da zona de Belvís-Quiroga Palacios e pasará tamén pola rúa Betanzos.
  • O control do tráfico da rúa de San Pedro faráse cunha cámara. Poderán acceder á rúa todas as persoas que teñan tarxeta de residente da zona 3; os negocios e residentes que non dispoñan dela poderán tamén pero terán que tramitar unha autorización.
  • Haberá unha reunión informativa o próximo luns as 20h na Casa da Xuventude na que o Concelleiro e o seu equipo explicarán o plan e respostarán calquera dúbida.

Todo isto, como xa se dixo, comezará a funcionar o 1 de xullo. A partir dese día, estará a sinalización, cámara de control, etc. Entraremos na fase 1 dun proceso que estará en construción e que se avaliará constantemente para ir axustando.

Finalmente, non queremos rematar sen facer público o noso agradecemento a todas as persoas que desde as directivas anteriores da nosa asociación fixeron un longo e bravo esforzo para explicar as nosas reivindicacións tanto aos responsables políticos e técnicos como ao resto da cidadanía, por facerlles entender que tráfico non é mobilidade e que o importante son as persoas ou que sen rúas habitables non hai barrio. E tamén aos moitos veciños e veciñas que nos medios de comunicación, nos xantares familiares, tertulias etc., apoiaron o noso traballo nesta liña. Sen ese traballo pedagóxico todo isto non tería sido posible.

É o menos que podemos facer neste día no que comezamos unha nova andaína e sentamos as bases dun futuro diferente, ese no que o barrio é máis seguro e cómodo para todos e todas.

 

Comments closed.