26. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Quen poda dicir que é de San Pedro de sempre, que levante a man · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Hai alguén?
Pois vai resultar que estás un pouco errad@.
Vivimos nun sitio que naceu como cidade no momento exacto en que armaron o asunto do Apóstolo así que, non, ti non es do barrio de toda a vida porque, simplemente, aquí non sempre houbo vida e ademais, non había ninguén. O mesmísimo Cristovo Francés -o eremita que fundou a capela da Angustia aló polo século XV- era, como o seu nome indica, de orixe gala.

Se observamos os planos antigos -coma este que achegamos de 1796- é aínda máis evidente: o barrio e as nosas rúas foron conformándose co paso do tempo, a medida que as xentes foron chegando doutras zonas da cidade, doutros pobos, doutras terras. É así como medrou o barrio en tempos remotos e medievais pero tamén hai 40 anos, cando as nosas persoas maiores chegaron do Pino, Arzúa ou Melide e tomamos aire de cidade, ou hoxe, cando a xente máis nova chega de todos os recantos do mundo.

Non foi en van que nos chamaron, noutro tempo, Os Estados Unidos. Somos o resultado dunha fusión, da mestura de xentes de diferente orixe: mulleres e homes, rural e urbano, da contorna ou de terras afastadas. O que uniu ás persoas que viviron aquí antes que nós – e o que nos une hoxe – é outra cousa, non é un pasado común senón o desexo de construír un futuro. Será porque vivimos na fronteira ou porque somos como o socalco -conformado por capas que se van pousando-, que somos un tanto cosmopolitas, tendentes á autoxestión, algo descreid@s, ás veces brav@s, cun forte sentimento identitario e dad@s a mirar cara adiante e non cara atrás. Igual nesta mestura está a explicación de todo.
O que nos dá forma, mentres vivimos neste barrio, é o desexo de pertencer a esta comunidade, nada máis.
Isto ven ao fío do que será o eixe central da Feira da Primavera deste ano: a sensibilización sobre unha acollida cálida e xenerosa a quen busca unha vida mellor fuxindo da guerra, da fame e da opresión ou de quen simplemente necesita cambiar de aires para reconstruír o seu proxecto de vida.

Somos un barrio aberto e, como tal, honrando a memoria de quen viviron aquí antes ca nós, acolleremos a quen queira vir e construír o seu futuro entre nós. Así, tamén, faremos barrio.

 

Comments closed.