O enorme esforzo organizativo que supón a Feira da Primavera ou as Festas ten unha finalidade específica: fortalecer a nosa pequena comunidade no social, no económico e no cultural para poder afrontar con certas garantías os retos do presente e o futuro.
Queremos un barrio no que se poda envellecer con comodidade, capaz de atraer xente nova que veña a vivir e a traballar, cun comercio próximo e forte, cun patrimonio recoñecido e respectado e unha vida social e cultural viva e alegre.
Non cabe dúbida que os nosos grandes eventos son un puntal fundamental na busca destes propósitos pero tamén é certo que poden converterse nunha importante ameaza.
Por isto hai que pensar nunha Feira e Festas que sexan sustentables a todos os niveis.
Por iso tanto nós, como a Comisión como cada un dos veciños e veciñas temos que pensar tamén no impacto ambiental, entendendo “ambiental” na súa concepción máis ampla.
É nesa clave que se pensa a programación (para todos e todas, con horarios e lugares axeitados) ou se organiza a colocación dos postos (a seguridade primeiro).
Todos e todas contribuímos a sostibilidade das festas cando usamos as papeleiras e baldes para lixo, cando usamos os WCs portátiles que se instalan (e que costan unha pasta), cando moderamos os gritos e cantos nas horas nocturnas (os sons inapropiados chámanse ruidos), cando traemos unha bolsa para gardar as compras que faremos, cando compramos neses días e calquera outro día cousas que non veñen do outro lado do mundo, cando somos amables coa xente que atende postos, negocios e as cantinas… porque sostibilidade significa facer posible que a feira ou a festa poda volver a celebrarse; porque o “ambiente” non é só cousa de prados, montes, ríos e outras cousas ecolóxicas senón tamén as rúas e o “ambiente” social que compartimos.
Máis que nunca, nesas datas hai que exercer aquelo que antes se chamaba “urbanidade”; se a feira ou a festa molesta porque hai mexadas nos portais, cristais rotos nas rúas, plásticos por todas partes, medo a vir con cativs ou persoas maiores ou rollos chungos… o equilibrio sustentable crébase e os obxectivos que buscamos tamén.
E logo tamén está a sostibilidade “clásica”, que aínda que pareza dificil de implementar nestas datas non o é tanto:
- Adeus plásticos de usar e tirar: ecovaso=vaso que poda ser reutilizado. Podes compralo aquí, traer o doutros anos ou mesmo baixar da casa unha peza da túa lustrosa vaixela. Trátase de reducir o consumo de plástico e a presenza de cristais rotos na rúa; a nosa experiencia demostra non só que é necesario senón tamén que é posible. O lixo deste tipo descendeu arredor dun 80% desde que comezamos a usalos, asi que trae ou compra o teu vaso e pide a túa consumición nel na cantina e nos bares. Doado!
- Usas os WCs portátiles, para que os sumidoiros non se enchan con líquidos e produtos varios que contaminan se non son axeitadamente tratados.
- Usas as papeleiras, contedores…
- Ves no teu coche e logo non atopas onde aparcar e xa chegas ao barrio con certo mal rollo? hai buses, opcións de coche compartido ou taxi. Se ves de lonxe, aproveita o bono de RENFE (que ademais poderás usar toda a semana).
Que fan os organizadores neste sentido? Nós tamén, como coorganizadores da Feira:
- vimos a pé (que é, ademais, sanísimo)
- programamos actividades e horarios para todos os públicos: para que todo o mundo estea contento e non haxa balbordo a altas horas da noite
- organizamos a feira de xeito que haxa unha circulación fluída de persoas e non se formen, na medida do posible, aglomeracións.
- instalar colectores de lixo
- instalar Wcs públicos (na entrada da rúa do Medio pola Pza 8 de marzo e ao fondo da pza do Cruceiro)
- usar nas cantinas embalaxes reciclables; separación de lixo
- preferir o producido ou vendido no barrio en toda a cadea de subministración
- promover o uso do ecovaso (único admitido nas cantinas da comisión e en moitos negocios, búscaos)
- reducir en toda a organización e difusión o consumo de papel
E tí que vas facer? Sabes iso de pensa en global e actúa en local