19. Abril 2016 · Comentarios desactivados en Feira da primavera: The making of · Categories: O Barrio

Este mércores, o voluntariado das festas terá unha reunión crucial pois alí, ademais de facer un repaso do ritmo das tarefas en marcha para as Festas, haberá a organización das labores relacionadas coa Feira da Primavera (apoio á montaxe dos postos, ao operativo de tráfico, quendas das cantinas…). En paralelo, o luns terá a Comisión a súa propia xuntanza (estaremos tamén nós). E así, a organización da Feira da Primavera entra na súa fase final. Antes, durante e despois manterase o esforzo encamiñado ás Festas do Barrio, que serán a partir do 29 de xuño.
O impacto de ambos eventos na nosa vida social é enorme e o económico foi estimado nun medio millón de euros (si, unha morea de cartos); e aínda habería que falar do que supón para a imaxe do noso barrio á hora de presentalo como un lugar atractivo para vivir e traballar. Os froitos en termos de nova veciñanza e consolidación do tecido económico son evidentes.
E todo isto é grazas ao traballo desinteresado de moitas persoas. Sí, noutros sitios os concellos pagan moito diñeiro a empresas e expertos para que deseñen e executen plans de dinamización social e económica. Aquí arranxamonos co voluntariado, coa xenerosidade de veciñanza, entidades e establecementos comerciais, imaxinación e moita, moita boa vontade e tempo. E non hai cartos que paguen isto, nin palabras que podan expresar o noso agradecemento.
É un traballo de formiguiñas no que se rouba tempo ao lecer, ás familias, ao descanso e ao traballo. Somos un barrio con unha misión!
Deseñar unha programación e imaxe, achegar ou recoller as novas protestas, xestionar todo o papeleo co concello, visitar os establecementos comerciais -un a un, en horario comercial-, percorrer todas e cada unha das casas para informar e para pedir as colaboracións, a loxística, recibir os parabens e tamén as queixas e malas caras (que tamén as hai, todo hai que dicilo)…
A Feira é un proxecto en si mesmo: o anuncio, as inscricións, a selección dos postos (que serán 200 dos 400 que se presentan), revisar as rúas unha por unha, comprobar a fórmula máxica que permite instalar todos e cada un dos postos (anaco de rúa sen negocio, portal ou garaxe) e revisar os postos solicitados (tamaño, características), e logo armar o Tetris e dar a cada un un lugar; pensar na seguridade dos peóns, en evitar tapóns que supoñan risco de aglomeración, discurrir formas para que non haxa botellón neses treitos de desafogo, como a Praza do Cruceiro, argallar as quendas para poñer papeis para que os coches non aparquen, …
Xa sabemos que pensabades que todo era dar unhas palmas e se armaba a cousa, pero non é asi 😉

A Feira da Primavera e as Festas, son froito dun enorme e impagable traballo no que se implican moitas persoas, cada quen no que pode. Hai moitísimas cousas que facer e todas son necesarias; desde o inmenso esforzo da comisión -que se reune infinitamente de xaneiro a xuño en plenarios e subcomisións específicas- ata a colaboración dese veciño que na Feira da Primavera e o sábado das festas a primeirísima hora sube a unha escaleira cunha bolsa de lixo para tapar un sinal de tráfico na súa rua.
Todo é necesario.
Pero o certo é que sen a xenerosidade de todas, estes proxectos non serían posibles e menos aínda a custe case cero. Sabemos que cada acto voluntario é unha renuncia a unha tarde preguiceira, a un rato con amizades ou familia, a un paseo polos nosos fermosos parques ou mesmo a unhas horas de  sono porque hai que recuperar o tempo de traballo investido en horario laboral para ir polas tendas ou polas casas a recadar doazóns.
Por isto queremos amosar públicamente o noso agradecemento a toda esta xentiña. Sen eles e elas, sen o seu esforzo desinteresado todo isto non existiría e seríamos un deses barrios aburridos e tristes. Grazas a todos e todas!

Queres saber o que podes facer? aínda estás a tempo para apoiar e participar, indo á reunión de voluntariado mañá día 20 ou ben axudar a armar a supermegadecoración de maios que se está preparando.

 

Comments closed.