13. Marzo 2016 · Comentarios desactivados en O Barrio é a nosa segunda casa: non o fagas, non o consintas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Ao longo desta noite alguén destruíu boa parte do traballo que As da Aghulla instalaron na escaleira da Carricova. Non temos palabras para transmitirvos a súa desolación e non temos cara suficiente para soportar a vergoña propia e allea que agora mesmo sentimos e que sabemos que sentirá moita xente ao pasar hoxe por alí.

Si, xa sabemos que estes feitos son cousa dunhas poucas persoas pero pensamos que é necesario facer unha reflexión colectiva sobre isto e sobre o que cada quen de nós fai. Entendemos que o barrio (e a cidade) son a nosa segunda casa; as nosas rúas e prazas son como unha extensión dos nosos salóns e cociñas pois alí vivimos, alí xogamos, falamos, facemos amizades e construímos as nosas vidas e afectos.

Que di de nós, como persoas e como comunidade, un suceso como este?

Que non nos respectamos o suficiente como persoas e como barrio; que moito falamos de vivir no mellor barrio do mundo pero que no fondo tanto nos ten que sexa un estercoleiro; que nos queixamos das persoas que rouban o que é de todos e todas, sen entender que o respecto ao común comeza polo respecto aos espazos que compartimos pois estragalos supón o custe de arranxalos; que tanto nos ten que as nosas rúas se transformen nun barrio como tantos, anodino e aburrido.

E iso o que somos? o que queremos para o barrio? Pensade nisto cando vedes a alguén tirando un papel nunha xardiñeira, roubando unha planta, mexando nunha esquina, deixando atrás os excrementos da súa mascota ou aparcando nunha beirarrúa.

Se non somos quen de protexer e facer respectar o que é de todos e todas, como pretendemos que os demais nos respecten? con que argumento pedimos a outros, por exemplo, ao concello que pague dos cartos de todos e todas o que nós non somos quen de protexer?

Ademáis, esta instalación da Carricova era unha homenaxe a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, veciñas desta rúa, que aquí mesmo sufriron a opresión dun réxime autoritario que trouxo unha guerra e moita dor e destrución. Que clase de xente somos que non somos quen de acariñar a memoria de quen sufriu polas liberdades que hoxe gozamos? E así como honramos o legado das persoas que viviron no barrio antes ca nós?

Non somos asi. E ti?

Uns datos para rematar esta reflexión:

25 persoas traballaron durante 2 meses para preparar unha instalación de ganchillo; outras tantas traballaron o venres e o sábado para facer a instalación. Foi no seu tempo libre e sen retribución; puxeron o seu tempo e o seu diñeiro, si, pois A Xuntanza non ten cartos para axudalas e só se recibiu unha pequena axuda que non cubriu o 100% do custe dos fíos, táboas, arames e outros materiais.

Neste barrio as cousas son así, hai moita xente que desinteresadamente achega o seu tempo, cartos, saber… polo ben común. É o seu esforzo xeneroso o que permite o traballo das Aghullas, a Feira da Primavera, a Cacharela ou esas festas que tanto vos gustan. Hai tamén unha pequena minoría que non sabe ben vivir en comunidade e destrúe o traballo dos demáis, mexa na porta dunha casa ou rouba as plantas; son xente nova pero tamén maiores e cada quen debería reflexionar e asumir a parte de culpa que lle corresponde, por facelo, por non prevelo ou por consentilo.

É evidente que hai quen non ve que vivir no barrio máis bonito do mundo ten un prezo: respetalo,coidalo e acariñalo.

 

 

 

Comments closed.