Hai quen di que hai que facer exercicio e estar en forma. Pero, que é estar en forma?
Ao cabo, redonda é unha forma, e cadrada; e é que mesmo cousas como os macarróns teñen unha certa forma (si, acaracolada). Si, estamos en forma redonda, triangular e mesmo en forma atlética.
Reflexionando sobre estes conceptos e por petición popular decidimos deseñar unha xornada para, como barrio, descubrir este concepto de “estar en forma” (sexa a que sexa).
Será o sábado 3 de outubro de 10 a 14h.
- Onde?
Na rúa, que é onde facemos todas as cousas importantes neste barrio. Neste caso, na Rúa do Home Santo, que será peonil e estará despexada de coches.
- Que faremos?
Investigaremos en común que é iso de “estar en forma” cun amplo programa de act
ividades aberto á toda a veciñanza. Poderemos practicar as nosas disciplinas favoritas ou probar cousas novas; desde logo, botaremos unhas risas e moveremos o esquelete, cada quen segundo as súas ganas e capacidade. Hai un completo programa, con moito para elixir
- Concretamente?
Haberá ioga, baloncesto, brilé, volei, xogos tradicionais, pilates… mesmo esgrima ou danza oriental. Todo en pequenas dosis de 45 min.
- Hai que anotarse?
Non, abonda con presentarse, preferentemente con roupa axeitada. Trae compañía, o exercicio en grupo é máis divertido.
Lembrade, sábado 3 a partir das 10h na rúa do Home Santo. Quen dixo medo?

Pago electrónico da cota (Paypal)