30. Abril 2015 · Comentarios desactivados en Sobre o arranxo da Avda. Quiroga Palacios · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Hoxe a Xunta de Goberno municipal, aprobou a adxudicación das obras de arranxo da Avda Quiroga Palacios, obra comprometida en 2007.

Aínda que é, desde hai anos a nosa principal prioridade só agora vemos que a cousa se move en serio. Non era sen tempo.

A veciñanza tivo ocasión de velo e de trasladarlle á concelleira as súas inquedanzas sobre el; nós tamén, unha e outra vez pero non fumos quen de convencela. E isto, tanto polas formas (para que tanto falar) como polo fondo (o proxecto é problemático) parecenos inadmisible.

Por este motivo, decidimos enviar unha nota aos principais grupos que se presentan ás eleccións municipais xa que algún deles será o que teña que xestionar a obra e o noso descontento. Así, mandamos este email ás agrupacións locais do PSOE, BNG e Compostela Aberta; o mail do PP non o atopamos, pero mandaremos recado ao alcalde a través das Redes Sociais.

Compañeiros e compañeiras,
Supoño que xa saberedes que hoxe foi anunciada a licitación do arranxo da avda Quiroga Palacios; levamos anos loitando pola renovación desa rúa; de feito é a única obra que pedimos reiteradamente desde 2011.
Queremos poñer en voso coñecemento, o seguinte:

  • Sobre o proxecto inicial, nós plantexamos diversas melloras necesarias e forzamos unha reunión coa concelleira na que a veciñanza foi informada e fixo propostas de mellora.
  • As nosas propostas iniciais (tendes o enlace abaixo) foron reformuladas despois do encontro entre a concelleira e a veciñanza en dúas propostas básicas:
    • manter o estacionamento no tramo do Seminario pois parecenos enormemente gravosa que unha obra neste barrio traia consigo a desaparición do 50% do estacionamento nunha rúa sen preparar unha solución alternativa; e tamén porque entendemos que esa contorna -que está ao carón de dous edificios coa máxima protección do Plan Especial da Cidade- merece un tratamento diferente ao do resto da rúa, algo que podería facerse nun futuro cando se aborde o arranxo definitivo do talude do convento de Belvís e a renovación do inicio da Avenida (ese tramo que queda entre o miradoiro do convento e o Seminario). Abondaría agora con ampliar a beirarrúa todo o que se poda, mantendo o aparcamento.
    • instalación de cando menos un colector de lixo soterrado. Para nós é unha cuestión de humanidade nunha rúa notablemente envellecida. A ordenanza municipal deixa claro o horario no que podemos baixar o lixo aos contedores verdes. Obrigar a persoas maiores a baixar 2, 3 ou 4 pisos sen ascensor pola noite só para botar o lixo parecenos algo falto de toda consideración cara a esas persoas; son veciños e veciñas nosas e merecen o noso respecto e apoio. Queremos que os nosos maiores queden aquí e temos que axudarlles.

Non entendemos o proceder do goberno municipal neste asunto e, desde logo, non compartimos a toma de decisións unilaterais nestes aspectos. Agardamos que tomedes nota e que a próxima lexislatura todos e todas implementedes formas de goberno nas que a opinión da veciñanza conte porque, sen veciños e veciñas non hai cidade.

Saúdos cordiais
AV A Xuntanza

Algúns enlaces:

O noso posicionamento sobre o proxecto de obra
Reunión mantida coa concelleira en novembro de 2014
Reunión mantida coa concelleira en febreiro de 2014
Reunión mantida co Alcalde, Sr. Currás en novembro de 2012
Reunión con diversos concelleiros, decembro de 2011

Comments closed.