28. Abril 2015 · Comentarios desactivados en #Barriosconluzpropia #Queremosfestas · Categories: A Xuntanza, Actividades, O Barrio

Hai agora 12 anos, case todos os colectivos do barrio uníronse nun obxectivo común: crear para San Pedro unhas festas para todos e todas, para coñecernos, para gozar xuntos e para fortalecernos como barrio. Querían que os vellos Estados Unidos estiveran xuntos e xuntos construíran o futuro.

Co tempo as festas medraron, coma nós, e naceu a Feira da Primavera. Cada ano, o esforzo xeneroso e a ilusión da veciñanza fixo posible que o sono se cumprira e que por uns días San Pedro fose, máis que nunca, o mellor sitio do mundo no que vivir ou traballar. Contra a choiva e as dificultades seguimos adiante, todos e todas, porque compartimos o soño dun barrio vivo e con futuro. E así cada día, cada ano.

Isto é posible grazas ao traballo das persoas voluntarias, de quen achega a súa doazón, de quen coloca os carteis no seu negocio, de quen consume nas cantinas ou de quen sae neses días á rúa con ganas de compartir coa veciñanza e amizades. Cada quen, na medida do que pode, colabora e así ten que ser: porque o barrio o facemos todos e todas.

A achega do Concello é básicamente a dos servizos, electricidade máis limpeza e contamos tamén coa amabilidade e dispoñibilidade de moitos funcionarios e funcionarias. Como barrio, pensamos e facemos as nosas festas a costa do noso esforzo e o noso peto, ademais, non o quereríamos doutro xeito.

Agora o Concello decidiu non subministrarnos enerxía eléctrica: seica hai un impedimento legal. Que supón esta decisión? Que non haberá onde conectar equipos de son, focos para alumear a Pza 8 de marzo pola noite ou as neveiras das nosas cantinas.

Nós non queremos nin ilegalidades nin favores políticos, senón aquilo ao que temos dereito como barrio e como cidadanía: un apoio efectivo ás nosas iniciativas e, neste caso, unha solución alternativa. Para isto eliximos cada catro anos xente que nos goberne e para isto contribuímos cos nosos impostos.

Queremos unha solución porque é un problema que afecta ao conxunto de barrios e parroquias da nosa cidade. Quen vai organizar unha cacharela sen un foco para alumear? Quen vai organizar unhas festas sen electricidade para as cantinas?

Si, poderíamos usar xeradores pero porqué repagar o que xa pagamos? Nós xa facemos o máis difícil, que é todo o resto.

Con todo, seguimos confiando no poder das persoas e no seu compromiso cos seus veciños e veciñas, co noso barrio e co noso futuro común. Sabemos que non faltará quen nos bote unha man ou quen dea un enganche de luz; coñecemos a vosa xenerosidade e contamos con ela. Porque vos pensades, coma nós, que todos e todas construímos o noso barrio cada día e con cada iniciativa.

É por isto que tras moito pensalo decidimos seguir adiante coa Feira da Primavera, por respecto ao voso esforzo, ilusión e compromiso, ao traballo dos artesáns e ao futuro dos nosos negocios. Non será unha feira como as outras pero sairemos adiante e o barrio brillará con luz propia.

O desafío será maior para as festas pois a complexidade é infinitamente superior e por tanto, tamén o  é o consumo máis potencia eléctrica necesaria; e porque queremos seguir levando a festa a distintas zonas do barrio. Sen concertos, sen cantina, sen actividades na Trisca, na Angustia ou en Home Santo as festas do barrio non serían aquilo polo que tanto traballamos todos e todas. Non chegamos ata aquí para terminar facendo unhas festas de verbena de megaorquestras, porque ese non é o proxecto que queremos.

Organizar todo iso sería unha tarefa titánica á que, francamente, non podemos comprometernos e na que tampouco sería xusto embarcarvos, cando menos con este panorama, por respecto ao noso proxecto común de barrio e ao traballo ata o de agora desenvolvido por todos e todas.

Para seguir adiante precisamos que outros movan ficha e fagan o seu traballo, que nos faremos o noso.

A todos e todas, grazas por facer de San Pedro o mellor barrio do noso mundo.

 

Asociación Veciñal A Xuntanza + Asociación Cultural do Barrio de San Pedro (Comisión de Festas)

Comments closed.