02. Febreiro 2015 · Comentarios desactivados en CARTA ABERTA AO ALCALDE DE SANTIAGO · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Sr. Alcalde:Vista Parque de Belvís seculo XX

Como seguimos agardando á reunión que solicitamos en maio do ano pasado para falar, entre outras cousas, da demolición da Casa da Xuventude e a posterior reurbanización da Praza do Matadoiro, queremos compartir contigo públicamente algúns aspectos que nos preocupan sobre esa intervención. Será como unha reunión virtual ou unha preparación para esa que, algún día, teremos 😉

Debes saber que a Asociación Veciñal A Xuntanza opúxose no seu momento á construción da Casa da Xuventude pois entendía que era unha idea puntual sen pensar no conxunto da valgada de Belvís que nós queríamos converter en parque; nunca entendimos ben o porque da súa construción e nunca compartimos o costume de traballar a salto de mata.

Agora tampouco nos opoñemos frontalmente á súa demolición pero hai moitas cousas que quereríamos saber antes de seguir adiante:

  • En que consiste iso de “abrir” o parque á cidade? hoxe conta con 9 accesos desde distintas zonas. Iso si, ningún está sinalizado, case todos precisan dun arranxo para unha mellor accesibilidade e seguridade, saneamento das hortas, alumeado,.. cousas que levamos anos pedindo. Non vemos isto no plan que se proxecta. Queremos abrir o parque? Fagamos un plan global da acordo co Plan Especial do Parque de Belvis, e do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, e non só algo que quede bonito. Ou é queres que a xente de Belvís baixe á Porta do Camiño para entrar ao parque?

  • O Parque e a Praza son espazos de valor histórico e están protexidos pola Lei de Patrimonio Cultural. Como é que se pensa nunha intervención deste tipo sen ter en conta a historia da zona, o seu antigo uso como espazo de curtidorías ou carácter pechado do parque desde o século XVII? E sen pensar nos recursos arqueolóxicos da praza? Farías algo así na contorna da rúa das Hortas? Ou nos arredores da Catedral? Sen respecto ao patrimonio herdado, esta cidade non tería -nin ten- sentido.

  • A “apertura” é unha decisión unánime do Pleno Municipal, pero o xeito de executala é a túa responsabilidade. Estás disposto a seguir adiante co proxecto mesmo sen cumprir a normativa municipal, e demais lexislación sobre patrimonio? Que exemplo das a veciñanza que ten que ter permisos, proxecto, prospección arqueolóxica, obriga de usar certos materiais… para calquera obra dentro da zona do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, mesmo para restaurar un galpón ou abrir unha porta? Si, todo isto afecta tamén á veciñanza de barrios como o de San Pedro e non só ao centro histórico. Con que cara imos pedirlle que cumpran a norma, non fagan obras ás agochadas e sexan respectuosos co noso patrimonio?

  • O informe histórico que temos di que a contorna da Casa da Xuventude e da Praza do Matadoiro poden agochar interesantes testemuños arqueolóxicos, porqué non aproveitamos todo este lío para sacalos á luz e poñelos en valor? É parte do noso pasado e coñecelo fará de nós unha comunidade máis forte e sensible; tamén axudaría a sacar aos turistas da contorna da Catedral, diversificar públicos… e esas outras cousas das que tanto falades os políticos.

  • Cal é o proxecto para a praza do Matadoiro? Estamos arrepiadas polas noticias sobre “accesos rodados” ao Parque de Belvís. Queres abrir unha rúa? Converter a praza nun aparcadoiro? Isto precisa dunha explicación pública e en profundidade.

  • E para as traseiras das casas da rúa de San Pedro? Cando se vexa o mal que están, quereredes arranxalas, ides pagar vós?

  • Pensachedes algunha destas cousas á hora de executar a “apertura” do Parque?

Poderíamos tamén poñer na mesa argumentos -que, como todos, son discutibles- como o despilfarro que supón meter agora 165.000 € en tirar o edificio e sabe Deus canto en reurbanizar a praza do Matadoiro. Non hai prioridades? Cando hai persoas sen emprego, expulsadas dos seus fogares ou que non poden comprar medicinas, estes proxectos deberían deixarse a un lado. As persoas deberían ser o primeiro e todo o que podamos facer por elas é pouco pois elas son a cidade.

Ou a conveniencia de que Santiago teña o que hai en todos os pobos de Galicia, unha Casa da Cultura con espazo para presentación de libros, actuacións de teatro afeccionado, exposicións de arte popular, salas de ensaio,.. todo iso que non cabe nos centros socioculturais do centro porque que están ateigados.

Aínda poderíamos debater sobre a idoneidade do argumento común para apoiar a demolición da Casa da Xuventude: é un edificio feo. Esa administración que nos obriga a manter cores, estruturas e materiais en zonas tan “normais” como a rúa das Fraguas tira un edificio porque non lle gusta? Pensaches, por un minuto, o que di isto sobre nós, como cidade e como veciñanza?

Ou a evidente necesidade de que a acción de goberno estea presidida pola transparencia e a colaboración entre quen toma as decisións e á cidadanía, que é a que elixe aos gobernantes e paga os seus xornais, porque neste caso botamos en falta un pouco de diálogo.

Estes son, xa o sabemos, argumentos discutibles pero en ningún caso deben ocultar que deberías dar resposta ás preguntas que facemos porque a nós parécenos inconcibible que o alcalde dunha cidade Patrimonio da Humanidade, premiada polo seu esforzo colectivo (técnico, fiscal e emocional) na conservación do patrimonio herdado, poda presentarnos e intentar levar adiante o que a día de hoxe é un simple proxecto de demolición sen proposta clara para o día despois nun espazo que é dúas veces Patrimonio da Humanidade.

Nós só queríamos falar disto e propoñer que paremos esta loucura, falemos, pensemos e -chegado o momento- retomemos o proxecto seguindo unha folla de ruta presidida polo que deberían ser os piares básicos do goberno desta cidade: o sentido común, a planificación e o respecto ao patrimonio herdado.

Asociación Veciñal A Xuntanza. Xunta Directiva

Comments closed.