ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO INICIALMENTE EN XANEIRO DE 2015 (REPUBLICAMOS SEN MODIFICAR PORQUE AINDA QUE ESTAMOS NOUTRO CONTEXTO HAI MOITAS REFLEXIÓNS QUE AÍNDA SON MOI VÁLIDAS)
Moito temos falado deste asunto nos últimos anos e, con moita intensidade en tempos recentes, así que a Xunta Directiva quere deixar claro o seu posicionamento ao respecto de todo este proxecto e, de paso, convidar á veciñanza á reflexión sobre algúns aspectos sinalables.
A configuración do actual parque de Belvís ten moito que ver coa súa historia (pdf) , por canto é unha paisaxe que chegou a nós como fosilizada; hai que ter en conta esta carga patrimonial da valgada á hora de deseñar proxectos que directa o indirectamente se relacionan con ela. En atención á súa singularidade está protexido non só polo Plan Especial da Cidade Vella senón por un Plan Especial propio.
Nas últimas décadas foi obxecto de intervencións, unhas máis discutidas que outras e pola nosa parte (pdf) buscamos -e niso estamos- que se poña en valor e, sobre todo, que teña a atención que merece.
Á vista do plan do actual goberno municipal, nós fixemos unha rápida avaliación da situación do parque, da súa función na cidade e no barrio, do edificio da Casa da Xuventude e, mesmo encargamos un pequeno informe histórico (cuxas conclusións, algo sorprendentes, podedes ler aquí (pdf).
Á vista de todo isto:
O que nós vemos
- Nestes días complicados para moitas persoas, non é prioritario nin urxente meter 160.000 euros (máis outros tantos polo menos para arranxar o sitio) neste asunto. Se queren facer obra, hai no barrio intervencións de primeira necesidade que poderían solventarse con eses cartos e noutros barrios hai tamén moito que solucionar. Hai que distinguir entre o conveniente, o necesario, o prioritario e o urxente e o certo é que nestes días, unha intervención deste tipo non é urxente nin prioritaria; se cadra, tampouco necesaria.
- A Casa da Xuventude é unha infraestrutura que pode servir á cidade. Non é moi bonita, certo, pero ten posibilidades e, sobre todo, hai usos para ela. É descoñecida e infrautilizada porque a súa usuaria (a Xunta) non foi quen de abrir o espazo á cidadanía xeral; con todo, entre a xente moza da zona é un referente relevante.
- O concello -equipo de goberno e pleno- debería ser o exemplo no que mirarnos á hora de protexer o noso patrimonio, á hora de cumprir as normas e no momento de contemplar proxectos transformadores. Por isto, non debería:
- Baixo ningún concepto pensar, deseñar e executar unha intervención que se concreta só na demolición dun edificio incluído nos ámbitos de protección da Cidade Histórica e do Camiño de Santiago. Qué filosofía de conservación patrimonial é esa? A de tiro o edificio porque podo e logo xa veremos?
- Levar a cabo ningunha intervención nestes ámbitos sen os necesarios estudos históricos. Non é de recibo que o único estudo científico sobre a contorna sexa o que encargamos nós. Este é un arrabalde urbano e que, polo que se ve no informe, a súa historia está por escribir. Cómo se pode pensar en meter maquinaria pesada ou refacer unha praza sen explorar mínimamente a súa historia? Non poderíamos aproveitar a obra na praza para sacar á luz e poñer en valor a historia da zona? A cidade é algo máis que a catedral e as rúas nobres!.
- Tirar un edificio sen tramitar ao tempo o proxecto de arranxo posterior. Esta é a norma que obriga a todos os propietarios do Plan Especial, e o Concello debería dar exemplo pois eses papeis son necesarios mesmo se queremos derrubar un galpón nas traseiras das Fraguas para facelo máis grande.
- Pensar no inmediato e deixar algunhas cousas para despois (por exemplo, o penoso espectáculo que darán as traseiras da rúa de San Pedro, que nós ben as vemos).
- Xustificar a demolición dun edificio e a desaparición dun equipamento dicindo que é feo (!). Deixando a un lado que este é un criterio subxectivo, alguén pensa na estética do centro de saude, do colexio ou mesmo de máis dunha oficina municipal?
- Pensar que a mellor solución é a primeira que se nos ven á cabeza. Queres abrir o Parque á cidade? Pensa as posibilidades, avalía as alternativas e pon en marcha a solución máis axeitada.
- É incrible ver, como desde o Concello, se fan cousas que a ninguén máis lle están permitidas. Nos asuntos patrimoniais e ambientais, son as institucións as que deben dar exemplo; como senón pode pedirse á cidadanía sensibilidade, respecto e cumprimento da norma?
O que se debería ter feito
Así:
- Habería que comezar por preguntarse sobre esa a necesidade de “abrir” o parque de Belvís: ten moitos accesos e desde moitas zonas diferentes. É necesario outro? Pode discutirse, pero non vemos un proxecto coherente que responda a este obxectivo (proposta de sinalización dos existentes, mellora da súa accesibilidade…).
- Tamén sería conveniente preguntarse para que queremos abrilo: o parque é un espazo sobradamente coñecido pola veciñanza. Queremos darlle máis e mellor uso? Arranxemos o seu mobiliario, fagamos del un verdadeiro corredor peonil entre Fontiñas e o Ensanche (mellora da seguridade peonil, alumeado, itinerarios, sinalización…) Hai algún outro uso futuro que precise da demolición do edificio?
- O parque de Belvís ten un Plan Especial que protexe o espazo pois é de singular valor ambiental e patrimonial. Porqué? Entre outras cousas porque nel se conservou case fosilizada a paisaxe antiga de hortas e sendeiros, de valados e de antigas construcións. Queremos abrilo á cidade? Poñámolo en valor no seu conxunto, como zona verde e como espazo histórico. Onde está o estudo a este respecto? Onde o plan para os estudos arqueolóxicos, sinalización informativa…?
- Á luz destas premisas é cando se debería avaliar a conveniencia de demoler a Casa da Xuventude e arranxar a Pza do Matadoiro e sopesar os pros e os contras. O parque conservouse porque está pechado e separado da cidade desde o século XVII, podemos traizoar a súa esencia histórica? Faríamos isto noutra zona do Plan Especial, por exemplo, nas Hortas ou nesa casa da Quintana que estreita a saída? a súa configuración urbanística é posterior á Pza do Matadoiro, porque non? Para qué? Como substituímos ese ambiente pechado?
Se, chegadas a este punto – avaliamos as posibilidades, cun plan de usos e posta en valor que respecte o sentido patrimonial do territorio, cos estudos históricos que o avalen…- a decisión que se considera axeitada é demoler a Casa da Xuventude, aínda nos faltaría solucionar:
- Podemos aproveitar a operación “abrir o Parque” para conquerir para a cidade un novo recurso cultural e turístico investigando o potencial arqueolóxico da Pza do Matadoiro e a contorna inmediata do edificio? O estudo histórico preliminar é contundente a este respecto: estamos falando do que pode ser -ou non, haberá que velo- un xacemento singular.
- Avaliar o impacto que esa nova entrada ten no conxunto do Parque (mobilidade, usos, servizos…)
- Preparar e tramitar a un tempo -como teñen que facer o resto dos propietarios- os proxectos de demolición e arranxo posterior, que deben atender á singularidade da zona.
- Organizar convenientemente a loxística de todas estas intervencións e ver que danen o menos posible o espazo infantil, os sendeiros, o manancial da fonte, …
- Pensar desde o inicio no día despois e preparar un plan para o arranxo das traseiras das casas da Rúa de San Pedro. Porque, que vai pasar cando todos vexan o que nos vemos cada día? Obrigarán á veciñanza a arranxalas? Terán que facer as obras do seu propio peto?
Á vista disto, é evidente que a idea de “abrir” o Parque de Belvís está moi, moi verde pois a día de hoxe se concreta, simplemente, na demolición da Casa da Xuventude e en 20.000 euros para sementar herba no burato que vai quedar.
Por isto, levamos meses pedindo, un alto; é necesario parar tomar folgos, reflexionar, pensar un proxecto coherente e logo actuar.