17. Novembro 2014 · Comentarios desactivados en Reunión coa concelleira de Urbanismo · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Finalmente o xoves pasado tivemos a tan agardada reunion con Tereixa Gutierrez, concelleira de Urbanismo, parques e unha morea de cousas.

Deixamoslle unha longa relación en papel de todos os asuntos pendentes e das mil e unha cousas que vemos necesarias (desde arranxos puntuais de rúas a reposición de papeleiras, podas de árbores, etc.) porque non da o día para falar con detalle de todo.

Falamos con maior profundidade destes asuntos:

  • Obra de Quiroga Palacios:  deixamoslle claro que non nos gusta o xeito en que se manexou este asunto, pois vimos os planos cando a obra xa está en licitación e non hai lugar a propoñer melloras substanciais. En todo caso, dixonos que está en contratación (xa o sabiamos) pero non se presentará ata que estea rematado o proxecto de Batalla de Clavijo, que é do mesmo equipo e seica hai algun asunto que coordinar antes de facer publicos os proxectos; en calquera caso, deberia comezar en xaneiro. Entendemos que antes virán a presentala e discutila coa veciñanza tal e como se comprometeu María Pardo e ela mesma, en xullo.

Ao fío disto, falamos e discutimos a conveniencia de deixar como está unha das beirarrúas do Seminario pois pensamos que é necesario planificar e ordenar os estacionamentos do barrio e deixar de intervir ao chou. Queremos mellores beirarrúas e mais anchas pero non podemos esquecer que a veciñanza ten coches e por aqui non hai onde metelos pois non hai moitos estacionamentos legais e fiscalmente transparentes. En todo caso, aquí tendes o que nos pensamos deste proxecto.

  • Batalla de Clavijo: seica están preparando un proxecto -ainda non rematado- de arranxo integral pois os servizos da rúa están nun estado bastante lamentable. É obra bastante complexa pola topografía da rúa. Non se fará ao mesmo tempo que Quiroga Palacios senón que serán consecutivas.
  • Rúa de San Pedro: siguen pendentes as papeleiras, trafico,… non esqueceron estas cousas. Acordamos mover cara á rua a sinalización do bus, xa que para no medio da rúa, abaixo. Repensarán a praza de minusvalidos que hai enfrente e que non deixa traballar aos camións do lixo; igual hai que movela un pouco para un dos lados. Do que falta…, seguimos trabajando en ello
  • Mobilidade no barrio, obras: ao fío da obra de Quiroga Palacios reclamamos unha planificación conxunta do estacionamento no barrio. Unha vez establecidas zonas de aparcamento sería o momento de comezar a ampliar beirarrúas e retirar os coches, que están un pouco por todas partes, a zonas delimitadas e gañar espazos efectivos para peóns e mesmo deixamos caer que non seria mala idea facer un parking baixo a Avda de Lugo, desde Triacastela ata Quiroga Palacios, para dar servizo ao barrio e aos residentes.
  • Unha vez mais, pedimos a instalación dun ascensor para a rúa de Triacastela -investimento mais necesario que o do Matadoiro- imprescindible para unha correcta conexión do barrio (e parte da Almáciga) co noso centro de saúde.
  • De refilón, enteramonos de que por fin hai unha idea de facer un aparcamento “disuasorio” na parcela que hai en Rodríguez de Viguri debaixo do Conservatorio.
  • Casa e Praza do Matadoiro: como sabedes nos xa estivemos contra a construción do edificio; a día de hoxe entendemos que non é o momento de facer este importante investimento e que a cidade (e o barrio) temos outras prioridades e que, mesmo podería ser posible abrir dar acceso ao parque sen tirar esa casa e que ben podería empregarse unha infraestrutura deste tipo para uso da cidade (asociacións culturais, por exemplo).

Tampouco vimos desta volta o proxecto de demolición ou o de “reconstrución”, un porque non o tiñan alí e o outro porque non está feito (!!). Prometeron que nesta semana ou a que ven seríamos convocadas outra vez para revisalos.

Para nós -máis alá da dubidosa legalidade de aprobar unha demolición sen o proxecto de “reconstrución”- esta idea ten varios problemas:

1.- é insolidario gastar hoxe cartos nunha obra que é máis estética que outra cousa. Máis alá de que o edificio non é moi bonito e de que todo o mundo quere tiralo, non recibimos outra explicación para este proxecto. A verdade é que preferimos obras de mellora da mobilidade dos maiores ou máis axudas ás persoas en dificultades económicas. O bonitismo pode agardar.

2.-  é evidente que non se avaliaron outras posibilidades para abrir o parque á cidade como, por exemplo, integrar o propio edificio (renovado) na solución. A proposta do concello é, neste sentido, algo rancia, como doutro tempo.

3.- non temos claro o proxecto de demolición e como se van sacar os entullos e como se vai protexer o parque e a Fonte do Matadoiro (das máis antigas da cidade) nese proceso.

4.- Non sabemos que queren facer despois e non queren ter en conta a nosa proposta de aproveitar todo o lío para avaliar o potencial arqueolóxico e patrimonial da praza e a contorna do edificio. Parece que será algo estético. É un pequeno insulto á nosa memoria e ao legado patrimonial do parque de Belvís, que é moito máis que un espazo verde.

5.- A apertura do parque deixará á vista a imaxe “pouco estética” das traseiras das casas da rúa de San Pedro (nós xa a víamos, pero…) e o mal estado dalgúns muros. Tememos algunha operación de limpeza de cara que implique custes á veciñanza e isto hai que pensalo e programalo desde xa aínda que, polo visto, nin se lles ocurrira. Non é bonito ter unha idea feliz e logo meter en danza a todo o mundo.

En fin, unha vez máis falta planificación. E danos igual que todos os grupos municipais aprobaran a proposta, así non ten sentido.

Comments closed.