02. Agosto 2014 · Comentarios desactivados en Apertura ao tráfico da rúa de San Pedro · Categories: A Xuntanza, O Barrio

Onte tivemos unha reunión no Concello. Aínda que a nosa decisión era non volver por alí ata non ser recibidos polo alcalde -pediramos cita a primeiros de xuño-, vistos os acontecementos e como sinal de boa vontade, acordamos ter unha conversa conxunta cos concelleiros de mobilidade e desenvolvemento urbano sostible. O que queríamos era información oficial sobre dúas cousas: como sería a mobilidade cando por fin se abrira a rúa de San Pedro e en que medida as obras de Basquiños ían afectarnos.

Os rumores sobre a circulación, aínda que fora temporal, de máis de 300 buses ao día por San Pedro e Concheiros nos tiñan máis que horripilads.

Foi unha conversa larga, na que nos e eles puidemos expoñer as nosas opinións e visión da mobilidade no conxunto do barrio e da cidade. Productiva pero con asuntos que quedaron pendentes de irense resolvendo. En resumo:

– Quedamos emprazados para ter unha reunión con eles e o alcalde para barallar propostas de futuro sobre a mobilidade no barrio de San Pedro. Advertimos unha actitude positiva cara á pacificación e humanización das nosas rúas pero haberá que ver se hai coraxe para tomar as decisións axeitadas e afrontar o asunto de xeito global e profesional (por alguén que saiba e sen parches).

– A rúa abrirase ao tráfico rodado nos próximos días.

– Pasarán por ela, como antes e só mentres duren as obras de Basquiños, os coches e o transporte público que xa pasaban antes ( as liñas 6, 13, 11, etc). Para despois, traballaremos en solucións que supoñan melloras substanciais na mobilidade.

– En previsión da conxestión e caos que pode crear a obra de Basquiños en toda a zona, instalarase sinaliación informativa e disuasoria alí onde sexa necesario (Camiño Novo, Pza de Galicia, etc).

– De cara ao día despois, iremos falando de melloras sensibles a respecto da situación anterior.

Entendemos a necesidade de ser solidarias con outras zonas da cidade ben necesitadas de arranxo aínda que non o calendario -pois esa obra deberíase ter feito antes- e é por isto que aceptamos o panorama que se nos propón, porque inclúe un compromiso de mellora.

Aproveitamos para preguntar por algunhas deficiencias do proxecto de San Pedro:

– Condicións de seguridade para os peóns: comprometeronse nunha maior vixilancia na velocidade, e a barallar -cando leve algún tempo aberta- a conveniencia de cambiar o horario de carga e descarga, para que coincida menos coa hora punta do tráfico peonil. Avisarán aos autobuses da necesidade de respectar a velocidade da rúa (!!).

– Pintaranse pasos de peóns, que agora non hai apenas no tramo novo. Insistimos -por enésima vez- no repintado do paso que había no estreito, arriba de todo, xusto antes de anchearse a rúa. Alí onde todos e todas cruzamos.

– Mirarán de instalar un deses semáforos que se poñen vermellos se incumpres o límite de velocidade (20 km/h).

– En principio non se instalará a marquesiña de bus prevista para a parada da entrada da rúa de San Pedro, pois comería moito espazo na beirarrúa e igual provoca algunha inseguridade, ao ocultar aos peóns que veñen baixando. Mais adiante avaliaremos este asunto. Na súa substitucion, colocarase algún banco ou asento, para evitar que os coches suban pola beirarrúa.

Como sabedes, para nós é crucial e innegociable a seguridade. Así que aínda que estas medidas poden resultar insuficientes, entendemos que atenden aos riscos máis visibles. Quedamos en reevaluar o asunto, unha vez que vexamos como funciona o novo deseño da rúa.

Xa nestes temas e insistindo na seguridade da veciñanza, puxemos outra vez sobre a mesa a urxencia de buscar unha solución -aínda que sexa provisional- para a rúa dos Lagartos, onde os riscos para os peóns son máis que evidentes. Vimos vontade para arranxar isto pero non proposta asi que haberá que seguir agardando.

Xa moi rápido, coa concelleira de Desenvolvemento urbano comentamos a marcha da obra de Quiroga Palacios. Informounos de que se está a preparar a contratación do proxecto e retomou o compromiso de M. Pardo de facer unha reunión informativa no barrio. Xa sabedes que nós temos algunha pega que poñerlle asi que haberá que falar con ela outra vez no outono.

 

 

 

Comments closed.