Nestes días pasados foi aprobado e publicado na web da Concellaría de Desenvolvemento Urbano e Sostible o proxecto de remodelación de Quiroga Palacios. A nós foinos presentado -por enriba e co compromiso de voltar sobre el- hai uns meses; hoxe está xa aprobado e sen moita posibilidade de cambio. A concelleira faltou ao seu compromiso e, con isto, tamén á súa obriga de facer que a obra resulte o máis util e acaída para a veciñanza da rúa e do barrio.

Como veredes no proxecto,trátase dunha intervención superficial: renovación das beirarrúas, instalación de novas árbores, etc. Hai aspectos moi satisfactorios pero outros son manifestamente mellorables. A nosa principal preocupación é a desaparición de metade do estacionamento da rúa.

Estamos en contra da ampliación das beirarrúas? Ben sabedes que non. O que queremos é facer as cousas con sentido e, neste caso, propoñemos a non remodelación do primeiro tramo -o que está ao carón do seminario- mentres non haxa unha alternativa para esa bolsa de estacionamento tan necesaria para a veciñanza de Quiroga Palacios, núcleo de Belvís-a Trisca ou para as persoas e familiares que atenden ás persoas maiores que viven na contorna de Quiroga Palacios. Unha vez máis, pensamos que hai que pensar as cousas antes de facelas e atender non só aos aspectos estéticos dos proxectos.

Compartimos convosco as solicitudes que presentamos á Concelleira:

Que se reconsideren ou incorporen ao proxecto de remodelación da dita rúa os seguintes aspectos:

  • Cambio de situación ou reinstalación ben dos puntos de luz ben das árbores co obxecto de erradicar o fenómeno que actualmente sucede nesta rúa e noutras da cidade que consiste en que a luz das luminarias non chega á rúa por estar tapada unha parte do ano polas árbores.

  • Instalación -xa que se fai un investimento importante- das tubaxes que permitirán no futuro a instalación soterrada de infraestruturas como a electricidade ou a telefonía.

  • A instalación de máis bancos

  • A ampliación da beirarrúa na zona do muro do convento de Belvís debe facerse con atención ás súas características e achegando unha solución que impida a invasión da beirarrúa pola maleza.

  • Que tendo en conta as características dos edificios da rúa e a demografía da zona, que se reavalíe o proxecto para que, na medida do posible, se teña en conta a posibilidade de dispoñibilizar tramos de beirarrúa nos que no futuro se podan instalar ascensores externos aos edificios.

  • Que se avalíe novamente o tamaño é situación das zonas de carga e descarga presentes na rúa por canto pode ser necesaria a súa reformulación.

  • Que se aproveite para instalar información de orientación peonil, indicando a ruta a zonas como o Albergue do Seminario, a Rúa de San Pedro ou o Ensanche -polo parque de Belvís-.

  • Que se considere a oportunidade de integrar neste proxecto o tramo da rúa de Belvís que queda entre a explanada do convento e o Seminario, de xeito que o conxunto da zona quede renovado.

  • Que se rectifique e repense o obxectivo de facer desaparecer máis do 50% do estacionamento da rúa por canto:

    • O proxecto carece dunha proposta para solucionar o problema de aparcamento para os residentes da zona que vai crear.

    • Como o mesmo proxecto recoñece, o déficit de prazas de estacionamento na zona é moi alto

    • O primeiro tramo da rúa (o próximo ao Seminario) funciona como espazo de estacionamento para os residentes do núcleo de Belvís-Trisca onde o déficit é aínda maior e non se achega proposta de solución alternativa para esta veciñanza.

    • Un punto relevante da mellora do conxunto da mobilidade no barrio é facilitar que a veciñanza deixe o coche no barrio e recorra para os seus desprazamentos aos medios de transporte brandos o que só pode suceder se hai no barrio espazos axeitados de estacionamento. A día de hoxe, para esta zona do barrio a única forma de estacionamento viable é deixar o coche na rúa por canto non hai dispoñibles infraestruturas públicas ou privadas.

    • Malia o que poda parecer, os espazos que funcionan como garaxes na rúa Quiroga Palacios son, na súa maioría, baixos comerciais e non se pode facer depender a mobilidade dun barrio -neste caso a posibilidade de estacionar- da vontade dos propietarios de inmobles que en calquera momento poden decidir o cambio de uso.

    • Dadas as características demográficas da rúa o que habería que facer sería modificar o estacionamento de residentes presente nese primeiro tramo, de xeito que sexa nocturno para residentes e libre o resto do día; así se podería facilitar o acceso aos familiares e profesionais que atenden á veciñanza de máis idade e aos dependentes, que son moitos.

  • Que entendemos que boa parte das propostas aquí achegadas terán difícil encaixe no proxecto por canto xa está aprobado. Non obstante, son necesarias e imprescindibles para o bo resultado dos traballos e a correcta eficiencia dos investimentos, polo que nos permitimos lembrar á Concellaría que estas dificultades non existirían de terse discutido o proxecto coa veciñanza con anterioridade. A mellor opción agora é incorporar as melloras que sexan necesarias e non continuar un proxecto que necesita evidentes retoques.

  • Que estamos pendentes da prometida reunión da Concelleira e técnicos coa veciñanza para explicar o proxecto e súa execución.

 

You must be logged in to leave a reply.