ESTAMOS DE ANIVERSARIO!!!
Queridos socios e socias,
hoxe hai 30 anos que tivo lugar a primeira asamblea de socios desta asociación. Para entón, xa eramos legais e contabamos cuns estatutos; non obstante fora o 14 de xullo cando se constituíu a institución.
Naquela primeira asamblea resultou elixido como presidente Alfonso Gutierrez Buján; tamén se nomearon vicepresidente, vogais e outros cargos.
Os nosos trinta anos están recollidos nos libros de actas que son tamén testemuño máis importante da nosa historia. Da súa lectura, podemos aprender moito non só sobre o valor do traballo ben feito e da xenerosidade e compromiso daqueles que nos precederon á fronte da asociación, senón tamén da necesidade de perseverar nos nosos obxectivos.
A nosa historia é tamén a do barrio, a da mellora dos servizos, o crecemento da veciñanza… Unha constante rexistrada xa nos primeiros anos: a necesidade de regular e ordenar o tráfico no barrio.
Antes e agora, preocupación e loita por un mellor barrio.
